Promoción Económica

Promoción Económica

Arranca no Fórum Carballo un programa formativo para a creación de produtos turísticos vinculados á gastronomía

A iniciativa, que forma parte do proxecto Os fogóns do Anllóns, vai dirixida a empresas e aloxamentos turísticos, agricultores, mariscadores e pescadores artesáns

Sábado 12 de outubro do 2024

Fórum Carballo

Fórum Carballo

O 22 de outubro arrancará no Fórum Carballo un programa formativo que forma parte do proxecto Os fogóns do Anllóns e que ten como finalidade a creación de produtos turísticos paquetizables e vinculados á gastronomía.

Nesta primeira xornada, Sabores do Anllóns: fusionando territorios e tradicións. Novas estratexias turísticas para o desenvolvemento local, contaremos con Alexandra Touza, CEO de Ponle cara al turismo. A sesión desenvolverase en horario de 16.30 a 19.30.

O programa vai dirixido a empresas turísticas, aloxamentos turísticos, hostalaría, empresas de servizos turísticos, agricultores e produtores, e mariscadores e pescadores artesáns do territorio que abrangue o proxecto Os fogóns do Anllóns. As persoas interesadas poden solicitar información ao detalle a través do teléfono 960 077 927 ou do enderezo electrónico natalia@castrotourism.com.

As sesións formativas continuarán ata ao mes de decembro coas seguintes propostas: 

  • 11 de novembro (16.30 a 19.30 horas). Cultivando oportunidades, recollendo experiencias. Actividade en liña con Luismi Montoya e Alicia Mendive, de Agroturismo Mari Cruz.
  • 18 de novembro (16.30 a 19.30 horas). Boas prácticas para o ensamble do sector primario e restauración. Sesión en liña con Alberto Galloso, CEO de Soluciones Turísticas.
  • 25 de novembro (16.30 a 19.30 horas). Obradoiro de creación de experiencias turísticas con Elena Soler, consultora sénior en Castro Tourism Advisors. Actividade presencial, na Casa do Pendón de Cabana de Bergantiños.
  • 2 de decembro (16.30 a 19.30 horas). Claves para innovar no márketing turístico, con Juan Castro, CEO de Castro Tourism Advisors. Sesión presencial na Casa da Cultura da Laracha.

Sobre Os fogóns do Anllóns

Os fogóns do Anllóns, o proxecto impulsado polos cinco concellos ribeiráns a través de Turismo da Deputación da Coruña, forma parte do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia. A gastronomía local é o eixo central do proxecto, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, pero non o único, porque con Os fogóns do Anllóns tamén se aposta pola mellora da competitividade do sector turístico, pola transición dixital e pola sustentabilidade do territorio a través de accións como a creación dunha rede de miradoiros e de novos espazos como praias fluviais ou a posta en marcha de servizos de paseo en embarcacións, alugueiro de bicicletas ou rutas de cicloturismo.

Compartir: