ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE
A Concellaría de Promoción Económica incrementa ata os 75.000 euros a contía das axudas a entidades empresariais
Os recursos destinados a impulsar as actividades de dinamización empresarial e comercial aumentaron un 177% dende o ano 2015
Xoves 20 de xuño do 2024
A Concellaría de Promoción Económica volve a aumentar os recursos destinados á convocatoria anual de subvencións destinadas a asociacións de empresarios e comerciantes para impulsar acción de dinamización, programas de formación e actividades de promoción económica.
O Concello de Carballo quere seguir contribuíndo á revitalización dos diferentes sectores económicos, especialmente nestes tempos de crise, e con esa intención volvemos a incrementar a contía das axudas, que este ano acadarán os 75.000 euros, 5.000 máis que o ano pasado.
Dende o ano 2015, no que se convocaron por vez primeira estas axudas, os recursos destinados a financiar as actividades das asociacións empresariais e comerciais aumentaron un 177%, pasando de 27.000 a 75.000 euros en nove anos.
As bases correspondentes ao exercicio 2024, que poden descargarse máis abaixo, foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 12 de xuño. Coa publicación do extracto, o día 19, comezaron a contar os 20 días naturais de prazo dos que dispoñen as entidades interesadas para presentar as súas solicitudes. O impreso tamén pode descargarse ao final desta nova.
As actividades subvencionables serán as de difusión, promoción e apoio do tecido empresarial local, a formación e as accións de dinamización da actividade económica local. Os gastos de carácter xeral da entidade (persoal e gastos correntes) serán subvencionables cando se adscriban á realización da actividade obxecto de subvención co límite máximo do 50% do orzamento total subvencionable, o que deberá quedar suficientemente motivado. Exclúense desta convocatoria os gastos de viaxes, manutención, aloxamento e atención protocolaria e os gastos que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria.