Promoción Económica

Promoción Económica

A oficina de turismo do Concello de Carballo recibiu a distinción de calidade turística SICTED

No noso concello tamén conseguiron a certificación impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo o balneario e a casa rural Mar de Queo

Sábado 23 de marzo do 2024

Galardoados/as carballeses/as

Galardoados/as carballeses/as

A oficina de turismo do Concello de Carballo, a casa rural Mar de Queo e o balneario de Carballo son tres das 35 entidades públicas e privadas da Costa da Morte recoñecidas coa distinción do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) no acto organizado pola CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) este xoves en Baio (Zas).

O acto foi inaugurado polo alcalde de Zas e presidente da CMAT, Manuel Muíño, que destacou a importancia de que os sectores público e privado vaian da man no desenvolvemento do potencial turístico da Costa da Morte.

Tamén interveu o concelleiro de Turismo de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que felicitou á CMAT por “iniciar ese camiño de aposta pola calidade turística” e quixo poñer en valor o importante labor que desenvolven as 35 galardoadas e outras entidades que traballan día a día por mellorar a marca turística Costa da Morte.

A técnica de Turismo do Concello de Carballo recolleu o certificado

A técnica de Turismo do Concello de Carballo recolleu o certificado

O Sistema de Calidade Turística en Destino é un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo que conta cunha metodoloxía propia que contribúe a implantar un sistema de xestión da calidade nos destinos turísticos, tendo en conta aos diferentes axentes turísticos locais, tanto públicos como privados. Os destinos adheridos, e as empresas e entidades que reúnen os requisitos obteñen o distintivo “Compromiso de Calidade Turística”, que acredita aos participantes e recoñece o seu esforzo e compromiso coa calidade e a mellora continua.

Esta metodoloxía baséase nunha visión global de destino e busca que a experiencia do visitante en Costa da Morte sexa de calidade, tendo en conta o uso, desfrute e/ou consumo que realiza das infraestruturas e servizos turísticos durante a súa viaxe.

Implantar o SICTED en Costa da Morte era unha das actividades promovidas dentro do Plan de Acción da CMAT e na que o Concello de Carballo participa coa certificación da oficina de turismo municipal.

Compartir: