Promoción Económica pon en marcha un programa de axuda ao emprendemento e revitalización da pequena empresa
“Impulsa e despega” arrincará o 10 de abril cun evento presencial no Museo de Bergantiños para as empresas participantes
Mércores 13 de marzo do 2024
Tere Gutiérrez, Borja Iglesias e Ramón Varela presentaron "Impulsa e despega"
A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha Impulsa e despega, un programa de axuda ao emprendemento co que tratamos de contribuír á profesionalización e revitalización do tecido empresarial das pemes locais a partir de modelos de negocio baseados no triplo balance -económico, social e ambiental- que lles permitan afrontar nas mellores condicións os retos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
Impulsa e despega é unha actividade gratuíta do Concello de Carballo que vai destinada a todas aquelas persoas emprendedoras e pequenas/os empresarias/os que buscan un equilibrio entre a viabilidade económica, social e ambiental. Os/as participantes poderán acceder ás ferramentas e coñecementos precisos para atender as necesidades do día a día dos seus negocios dun xeito efectivo. Emprender e permanecer non é tarefa fácil, e a través deste programa queremos axudar, poñendo o foco no análise e xestión de catro áreas estratéxicas: modelo de negocio, estratexia empresarial, finanzas e comunicación.
O mercado municipal acolleu este luns a presentación da iniciativa, na que participaron Borja Iglesias e Tere Gutiérrez, da cooperativa Falar A Mare, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, quen manifestou que desde o Concello de Carballo "somos conscientes, por unha banda, de que a economía de concellos coma o noso xiran en gran medida arredor da pequena e mediana empresa, e tamén somos conscientes de que temos moito talento", e grazas a proxectos como Impulsa e despega poderemos poñer en valor eses dous aspectos.
Pola súa banda, Tere Gutiérrez destacou a importancia da microempresa "a nivel comunitario". O proxecto Impulsa e despega xurdiu da experiencia propia, porque "ao longo dos anos fomos dándonos conta de que fan falla ferramentas que sexan realmente prácticas e que poidamos usar no día a día", e iso é, precisamente, o que se lles vai facilitar aos 30 emprendedores/as e empresarios/as que participarán na experiencia.
O programa Impulsa e despega arrincará o mércores 10 de abril, ás 10.15 horas, no Museo de Bergantiños, e constará de tres partes:
- Un evento presencial, os días 10 e 11 de abril no Museo de Bergantiños.
- Catro sesións de formación en grupo que se celebrarán os días 19 e 29 de abril e 9 e 20 de maio.
- Acompañamento e seguimento de proxectos en liña, desde o 12 de abril ata o 11 de xuño.