Gran implicación do sector na Rede de Pobos do Surf, un proxecto estatal liderado dende Galicia por Carballo e a Mancomunidade de Ferrol
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, mantivo un encontro coas empresas locais
Mércores 28 de febreiro do 2024
A reunión celebrouse no Museo de Bergantiños
Razsurfcamp, Artsurfcamp + Teirón, Boaola, Paua Surf, Wolsurfcamp e o proxecto Aprende a través do surf estiveron representados nun encontro sectorial para seguir avanzando na creación da Rede de Pobos do Surf. A xuntanza, celebrada no Museo de Bergantiños, tivo como anfitrión ao noso concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira. Carballo, xunto coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, lideran desde Galicia o proxecto estatal, que conta co respaldo dos fondos europeos Next Generation.
A reunión foi unha demostración da gran implicación do sector no proxecto, que pretende ser unha nova experiencia a nivel estatal e unha ferramenta de traballo colaborativo na xestión sostible do turismo de surf dun modo integral, que contribúa á conservación do medio natural, fomentando a protección das ondas e da costa e a súa regulación, e á promoción do patrimonio cultural, con especial énfase na gastronomía e a historia de cada municipio da rede e da totalidade da mancomunidade.
Nese sentido, os participantes no encontro celebrado en Carballo abordaron posibles accións a desenvolver e articularon unha rede de traballo colaborativo para o bo desenvolmemento do proxecto.
Novos produtos turísticos
A Rede de Pobos do Surf impulsará a creación de novos produtos turísticos ligados a actividades sostibles tematizadas (surf e patrimonio cultural, surf e lecer en familia, e surf e gastronomía), tendentes á desestacionalización do turismo nos respectivos territorios.
Esta é, precisamente, unha das actuacións concretas da rede, así como outras como: a creación dunha imaxe de marca propia; a posta en marcha dunha web corporativa de Pobos do Surf e perfís nas diferentes redes sociais; campañas de divulgación e sensibilización a través das redes e de promoción en medios de comunicación; deseño e execución de formación online para a mellora da competitividade do sector turístico vinculado ao surf respecto á enerxía e dixitalización, e deseño e execución de xornadas de asesoramento para a posta en marcha de novos negocios ou liñas de servizos.
Así mesmo, escolas de surf, surf camps, surf shops, shapers (fabricantes artesáns de táboas de surf), empresas provedoras de material, empresas de aloxamento e restauración, empresas de organización de eventos deportivos, así como outros operadores turísticos relacionados, beneficiaranse especialmente do proxecto a través da participación directa nas accións propostas e como beneficiarios indirectos do desenvolvemento sostible do turismo de surf. Nesta liña, estímase a existencia dunhas 120 empresas específicas ligadas ao surf no conxunto das entidades locais que promoven a iniciativa ao longo da costa do norte peninsular.