Carballo celebra un ano máis o Día Mundial do Pan co reparto de material promocional en colaboración coas panadarías
As postais gañadoras do concurso “Máis de Carballo que o pan” estarán dispoñibles a partir do luns, e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños
Sábado 14 de outubro do 2023
“A historia de Carballo está moi ligada ao pan”, asegura o historiador Xan Fraga no libro Crónicas de Carballo I. De feito, no reconto de poboación do ano 1571 reflectíase que a parroquia de San Xoán Bautista contaba con oito veciños, e que todos “son labradores que labran pan e por el dicho oficio se sustentan”. Catro séculos e medio despois, e malia que a poboación do municipio de Carballo supera os 31.000 habitantes, ese oficio non só sustenta o negocio dunha vintena panaderías e un muíño, senón que ao seu arredor nacen e medran novas empresas vinculadas aos sectores da alimentación e a hostalería.
Seguir promocionando o pan de Carballo para que dentro doutros catro séculos e medio siga conservando a súa boa sona é o obxectivo dunha serie de actividades que vén impulsando o Concello dentro da iniciativa Máis de Carballo que o pan. Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Pan, o 16 de outubro, e coa colaboración de todas as panadarías tradicionais do noso concello, a partir do propio luns (as panadarías que non abren os luns empezarán o martes) realizarase un reparto de material promocional coma as bolsas de tea e os adhesivos coa imaxe do simpático molete (este ano homenaxea ao Xestal) que protagoniza a campaña, que tan boa acollida tiveron o ano pasado. En total distribuiranse outras 500 bolsas e 20.000 adhesivos, e ademais atoparás aos panadeiros e panadeiras ataviados cuns mandís especialmente deseñados para a ocasión.
A partir do martes, ademais, atoparás na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños as postais gañadoras do concurso que realizamos nas redes sociais para celebrar o Día Mundial do Pan vinculado á conmemoración do Ano do Xestal, de xeito que contamos con propostas moi diversas. O xurado, integrado pola artista plástica carballesa Rakele Cavallo; o deseñador gráfico Óscar Vázquez, autor da imaxe do Ano do Xestal, e o profesor, músico e polifacético artista Xurxo Souto, escolleu os deseños que podes ver máis abaixo, asinados por Juan Félix Gende, Óscar García, Cris Alborja e Lidia Loureiro. En total, 2.500 postais, que poderás recoller de balde ata fin de existencias.
O obxectivo de todas estas accións que vimos desenvolvendo ao longo do ano non é outro que fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do noso pan fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería. En definitiva, aportarlle un valor engadido.