Promoción Económica

Promoción Económica

Volve a campaña "Que rule, que rule!" do CCA para seguir dinamizando o comercio de proximidade

As compras que se realicen do 27 de maio ao 10 de xuño nos establecementos adheridos terán opción a premio

Martes 30 de maio do 2023

Presentación da campaña

Presentación da campaña

Chega, un ano máis, ó CCA de Carballo a campaña Que rule, que rule! coa que queremos agasallar e agradecer á nosa clientela o seu apoio e a súa aposta polo comercio local de Carballo. Nesta cuarta edición do Que Rule, Que Rule! contamos con experiencias na hostalería carballesa, sorpresas que dende o CCA fixemos para a ocasión, xeados, agasallos cos que colaboran empresas do noso concello e o sorteo de 500€ en cheques de compra para mercar nos case cen comercios asociados á nosa entidade.

A campaña desenvolverase dende o sábado 27 de maio ate o sábado 10 de xuño. Nestes días os 53 comercios participantes lucirán engalanados coa imaxe da mesma, e toda a súa clientela recibirá con cada compra un vale co que poderá participar no xogo da ruleta. 

A ruleta do CCA Carballo botará a xirar na Praza do Concello de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas do sábado 10 de xuño, e será a encargada de repartir todos os premios da campaña, garantindo que todas as persoas participantes recibirán un agasallo directo ou participarán no sorteo de cinco cheques de compra por valor de cen euros cada un; os sorteos celebraranse ás 14.00 e ás 21.00 horas no remate da sesión de mañá e de tarde.

Unha vez máis esta actividade é posible grazas á implicación dos case cen comercios asociados ó CCA, ó apoio que o CCA recibe de empresas e hostalería carballesa, así como ó patrocinio do Concello de Carballo, Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. 

O CCA expresa o seu agradecemento á clientela "que continúa apostando polo pequeno comercio nunha vila como a nosa cun Centro Comercial Aberto cunha calidade e variedade na oferta máis que contrastada e cun comercio local forte, unido e orgulloso dos nosos establecementos e da nosa clientela. O Centro Comercial Aberto de Carballo somos parte activa desta vila, apostamos por crear emprego e dar servizo a veciños de Carballo e comarca, garantimos rúas vivas e seguras grazas ás nosas portas abertas e atentas ás necesidades e demandas da nosa clientela e das veciñas e veciños cos que compartimos o noso día a día".

Compartir: