Promoción Económica

Promoción Económica

A colaboración entre o Concello e as panadarías continúa esta Semana Santa coa promoción do bolo de Pascua

Todos os establecementos do sector disporán de caixas personalizadas co lema "Carballo levámolo dentro"

Luns 3 de abril do 2023 Promoción Económica

Fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do pan e doutros produtos coma as empanadas ou o pan de ovo máis alá da nosa contorna, ademais de poñelos en valor como un recurso gastronómico e turístico, é o obxectivo das campañas que vimos desenvolvendo nos últimos meses coa colaboración de todas as empresas do sector radicadas no noso concello.

Despois da boa aceptación que tiveron as iniciativas Máis de Carballo que o pan, que este ano acadará a súa terceira edición, e O pan máis real, que se desenvolveu no Nadal para promocionar o roscón de Reis, esta Semana Santa presumiremos do noso bolo de Pascua, un produto moi carballés que tradicionalmente agasallan as madriñas e os padriños aos seus afillados e afilladas o domingo de Pascua.

Para exemplificar esa tradición tan local, volvemos a utilizar o lema Carballo levámolo dentro, que tan boa aceptación tivo na campaña de febreiro, con caixas personalizadas para tortas e doces, incluídas as roscas de Pascua. En total repartiranse 1.500 caixas entre todas as panadarías do concello, dende Rus ata Razo, pasando por Sofán, Ardaña, Bértoa, A Brea e Carballo. Facede a reserva canto antes na vosa panadaría de costume e desfrutade da Semana Santa máis doce!

Compartir: