Máis de mil escolares da provincia participaron no último ano en visitas guiadas pola arte urbana de Carballo
Gustaríache facer unha ruta polos murais? Contámosche o que tes que facer nesta nova
Mércores 29 de marzo do 2023
Un dos grupos que participou este mércores nunha visita guiada
Estes días é moi doado que te cruces polas rúas de Carballo con grupos de estudantes moi atentos ás explicacións da nosa técnica de Turismo. Rematados os exames do trimestre, o que toca antes de que empecen as vacacións de Semana Santa é complementar os contidos adquiridos nas aulas coa formación a pé de rúa, e o noso museo ao aire libre é unha fonte inesgotable de aprendizaxe.
Cada vez son máis os centros escolares que recorren ao programa de visitas guiadas pola arte urbana que ofrecemos dende a área de Turismo. Onte, sen ir máis lonxe, recibimos a dous grupos da Laracha e un de Coristanco. No último ano participaron nas rutas un total de 1.036 estudantes de colexios e institutos de Carballo, do resto da Costa da Morte e tamén de distintos puntos da provincia.
Pero as visitas non están dirixidas en exclusiva aos centros educativos, senón a todo tipo de grupos integrados como mínimo por 10 persoas. De feito, cada vez é máis habitual que a ruta pola arte urbana de Carballo forme parte dun agasallo de aniversario ou do programa dun encontro de antigos alumnos, que aproveitan a súa estancia entre nós para coñecer máis polo miúdo os proxectos Derrubando muros con pintura e Rexenera Fest, pero tamén para facer as compras no comercio local ou na feira, para xantar ou para tomar algo na hostalaría local.
Organizar unha ruta deste tipo é moi doado. Só tes que cubrir este formulario e poñerémonos en contacto contigo para fixar data e hora. E se tes algunha dúbida sempre podes poñerte en contacto con nós en museo@carballo.gal, turismo@carballo.gal ou nos teléfonos 981 702 077 e 698 156 402.