A CITA CO COMERCIO LOCAL SERÁ O 11 E 12 DE MARZO
A Feira das Oportunidades do CCA recupera o seu formato tradicional e regresa ao Rego da Balsa
Xoves 2 de marzo do 2023
Volve a Feira das Oportunidades! A cita anual coas mellores ofertas do comercio local regresa ao Rego da Balsa. “Creo que tiñamos todos moitas ganas de volver ao formato tradicional”, apuntou o presidente do Centro Comercial Aberto, Germán Riveiro, na presentación da feira, na que estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, ademais de varios compañeiros e compañeiras do CCA.
A Feira das Oportunidades celebrarase os días 11 e 12 de marzo: o sábado, con horario de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00, e o domingo, de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Dentro da carpa que se instalará no aparcamento do Rego da Balsa instalaranse unha vintena comercios de sectores variados: moda, deporte, complementos, calzado, lencería, agasallo... Son todos estes: Akira, Jorge Moda, Atelier, Benetton, Calzados Susa, Chiquikids, DV Carballo, Federópticos Nicolás, Miriñaque, mmmm! Xeados, Moda Suárez, Necos, O barco dos soños, O rastrillo, Poppy, Refugallo Zero, regalosyregalitos.com, Zapatillería Isabel e Zocas. Pero a feira tamén estará no exterior, porque nesta ocasión volve a participar o sector da automoción, representado por Dimolk, Baleato Motor e Vcar.
O presidente do CCA agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio, que subvencionan a feira, así como o apoio loxístico da brigada municipal de obras, Policía Local e Protección Civil.
“Unha vez máis, o CCA demostra músculo”, manifestou Xosé Regueira. O concelleiro de Promoción Económica asegurou que dende o goberno local “sempre facemos fachenda do noso sector comercial, que é dinámico, colaborativo e innovador, e no que se está producindo un cambio xeracional que xa se nota”.
Tanto Xosé Regueira como Evencio Ferrero auguraron un novo éxito da Feira das Oportunidades. “O comercio de Carballo ten unha calidade extraordinaria e unha oferta amplísima. Seguro que calquera persoa que busque algo vaino atopar, e ademais con prezos especiais”, sinalou o alcalde, ademais de poñer o valor o gran número de aparcamentos de proximidade que existen agora mesmo na vila, “que facilitan que a xente se achegue a Carballo e que aparque a poucos minutos de calquera punto”, contribuíndo tamén á esa gran vitalidade do noso comercio.