Promoción Económica

Promoción Económica

Carballo aposta pola cultura da auga como recurso turístico

O noso concello promove un proxecto de turismo azul e participa, xunto con Arteixo e Brión, noutro de termalismo impulsado pola Deputación

Luns 27 de febreiro do 2023 Promoción Económica

Presentación do proxecto provincial

Presentación do proxecto provincial

Carballo quere converter a cultura da auga nun recurso turístico, e con esa intención opta aos fondos da convocatoria extraordinaria do 2023 do programa do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) por dúas vías: un proxecto de Turismo da Deputación da Coruña para unir as tres vilas termais da provincia (Carballo, Brión e Arteixo) e outro de turismo azul impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo. A solicitude de fondos supera os dous millóns de euros para cada un dos proxectos.

As dúas iniciativas presentáronse este luns nun encontro co sector turístico que se celebrou no balneario. O concelleiro carballés e deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira, explicou que dende a Deputación preténdese “facer da auga un discurso que sirva para unir o territorio”, e para acadar ese obxectivo nace A Coruña Termal, un proxecto deseñado para consolidar o posicionamento da provincia como destino termal mediante a recuperación e creación de infraestruturas sostibles e o deseño de novos produtos turísticos de base termal.

A proposta inclúe actuacións conxuntas e outras individuais, adaptadas a cada lugar. Entre as primeiras estarían a recuperación e difusión da tradición termal dos tres concellos, ou a creación de estacións btt vinculadas ás sendas ciclo-peonís existentes en Arteixo e Carballo. De xeito individual, en Carballo está previsto utilizar a realidade aumentada para recrear o antigo balneario romano, recuperar a historia da industria das augas carbonatadas, vincular o proxecto de arte urbana ao termalismo ou recuperar a historia e os restos dos desaparecidos Baños Novos.

Xosé Regueira expresou a súa confianza na consecución do orzamento preciso para desenvolver este ambicioso plan. “A Deputación conseguiu fondos en todas as convocatorias; de feito agora mesmo hai seis millóns en distintos proxectos, e entendemos que a provincia da Coruña non pode quedar fóra dunha convocatoria de turismo termal”, manifestou o deputado e vicepresidente provincial.

Proxecto municipal

Presentación do proxecto municipal

Presentación do proxecto municipal

Pero, ademais, dende a súa responsabilidade como concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira tamén deu a coñecer hoxe ao sector turístico o segundo proxecto en marcha, este promovido directamente polo concello. Carballo presentará a súa candidatura tanto ao plan autonómico de termalismo e cascos históricos coma ao nacional de turismo azul. “O relato da auga de Carballo é moi potente”, di, e por iso este segundo proxecto tamén aposta pola cultura da auga como recurso, pero dende outros puntos de vista.

Ademais do proxecto de termalismo compartido con Brión e Arteixo, Carballo tamén forma parte da Rede de Pobos do Surf xunto coa Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, e os municipios de Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Castrillón (Asturias). Con este novo proxecto, que supera tamén os dous millóns de euros, o que se intenta é acometer actuacións encamiñadas á mobilidade e accesibilidade sostible, a dixitalización e a competitividade, de aí a importancia da opinión e da implicación do sector.

O acondicionamento do borde litoral e rural mediante pasarelas, aparcamentos e sendas peonís e ciclistas, a instalación de bicicletas eléctricas con estacionamento, un punto de recarga de coches eléctricos, medidas de intelixencia turística, comunicación dixital, sinalética intelixente, asesoramento e axudas a empresas ou creación de produtos e experiencias turísticas son as propostas que agora deberán concretarse. Xosé Regueira solicitou nese sentido a colaboración do sector para achegar ideas que se poidan engadir ao plan ou necesidades de formación.

Compartir: