Promoción Económica

Promoción Económica

“Este Nadal, mira por Carballo"

A Concellaría de Promoción Económica lanza unha nova campaña para incentivar as compras no comercio local tamén durante estas festas

Martes 13 de decembro do 2022

Os escaparates convértense nun espectáculo durante o Nadal

Os escaparates convértense nun espectáculo durante o Nadal

A Concellaría de Promoción Económica lanza unha nova campaña para incentivar as compras no comercio local como un exemplo de compromiso cun sector fundamental para a economía carballesa. Este Nadal, mira por Carballo é un convite á cidadanía para aproveitar estas datas para pasear polas nosas rúas, facer unha parada na hostalaría ou mercar os agasallos.

Pero non só para os nosos veciños e veciñas, senón tamén para todas aquelas persoas de calquera concello galego que buscan alternativas ás grandes superficies comerciais ou á venda online, porque Carballo ofrece toda a variedade que pode atoparse en calquera cidade, a máxima calidade, a mellor atención, máis de 2.000 prazas de aparcamento gratuítas a menos de 10 minutos de calquera zona comercial, e, tanto no mercado municipal coma na feira, a maior oferta de produtos frescos para preparar as comidas familiares dos próximos días.

Para trasladar ese convite máis alá de Carballo, nos vindeiros días poremos en marcha unha potente campaña publicitaria en prensa, radio e televisión, intentando chegar a todos os recunchos da provincia.

Actividades de dinamización

A campaña virá acompañada de distintas actividades de dinamización e animación infantil co obxectivo de facilitar ás familias a realización das compras mentres os/as peques da casa desfrutan con distintos xogos e obradoiros.

Con esa finalidade, do 2 ao 5 de xaneiro, a planta alta do mercado municipal estará a disposición da rapazada en horario de mañá e tarde (o día 5, só pola mañá) con todo tipo de entretementos, e ademais para os días 22 de decembro e 3 de xaneiro temos programados dous espectáculos de pasarrúas con pases pola mañá e pola tarde.

Compartir: