Promoción Económica

Promoción Económica

Hostalaría e industria destacan entre as comunicacións previas de inicio de actividades empresariais rexistradas este ano

No que vai do 2022 xa se realizaron 52 trámites relativos á posta en marcha de negocios de todo tipo

Luns 31 de outubro do 2022

No parque comercial A Revolta avanzan as obras

No parque comercial A Revolta avanzan as obras

A falta dun trimestre, no 2022 lévanse rexistradas no Concello de Carballo 52 comunicacións previas de inicio de actividade, un trámite necesario para a posta en marcha de calquera actividade empresarial. Os sectores máis dinámicos son a hostalaría, a industria e o comercio.

No primeiro caso destaca a reapertura de establecementos dedicados ao ocio nocturno que levaban pechados dende o inicio da pandemia e nalgúns casos incluso dende antes, pero tamén continúan as iniciativas vinculados ao turismo. De feito, na última xunta de goberno local aprobouse unha licenza para a construción de dous apartamentos turísticos en Razo. E ademais empeza a haber actividade vinculada á próxima posta en marcha do parque comercial A Revolta, para o que xa se tramitaron dúas comunicacións previas: unha para un establecemento de comida rápida e outra para un negocio de produtos do fogar e decoración.

Polígono industrial de Bértoa

Polígono industrial de Bértoa

En canto ás iniciativas industriais, unha vez máis demostran o dinamismo do polígono de Bértoa, no que, aínda tras o cambio de uso de dúas parcelas, só quedan cinco dispoñibles. Precisamente Xestur ten en marcha un novo concurso para adxudicación de solo industrial en toda Galicia, dentro do cal figuran esas cinco parcelas dispoñibles. O prazo para presentar ofertas rematará ás 14.00 horas do 30 de novembro.

No polígono industrial de Bértoa empezarán a funcionar ao longo deste ano empresas dos sectores da automoción, a construción, a prestación de servizos a empresas e incluso unha fábrica de produtos lácteos, entre outras. Pero a falta de solo xa está obrigando a instalar empresas fóra do polígono, e así este ano tramitáronse comunicacións previas para empresas de fabricación en Oza ou Verdillo, por exemplo.

Entre as novas actividades comerciais e de servizos que están arrincando este ano en Carballo hai, ademais, establecementos de telefonía, estética, téxtil, veterinaria, comida rápida, automoción, repostaría, alimentación, informática, xardinería, danza, adestramento persoal ou bazar... Unha ampla gama de sectores que teñen moito que ver coa arraigada tradición comercial do noso concello.

A comunicación previa de inicio de actividade é un trámite administrativo que se utiliza dende o ano 2013 (anteriormente eran licenzas para actividades). Nestes 10 anos de vixencia, a media anual é de 70 solicitudes. O 2013 foi o ano con menos, 49 en total; mentres que no 2017 bateuse o récord, con 108.

Ligazóns

Compartir: