Promoción Económica

Promoción Económica

As 30 empresas participantes na Feira de Emprego da Cámara realizaron 800 entrevistas de traballo no Fórum Carballo

O alcalde de Carballo, a vicepresidenta e o director xeral da Cámara, e o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña inauguraron esta edición

Martes 31 de maio do 2022

Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Luz Pardo e Manuel Galdo

Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Luz Pardo e Manuel Galdo

A XI Feira de Emprego da Cámara, celebrada este 31 de maio no Fórum Carballo, reuniu a 170 mozos/as e a 30 empresas con procesos de selección abertos. Como resultado realizáronse preto de 800 entrevistas de emprego que poderían cubrir a demanda das empresas que participaron no encontro e outras futuras.

Os/as participantes encheron o auditorio do Fórum Carballo

Os/as participantes encheron o auditorio do Fórum Carballo

No acto de inauguración participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a vicepresidenta e o director xeral da Cámara, Luz Pardo e Manuel Galdo, respectivamente, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Luz Pardo resaltou que “o Programa de Garantía Xuvenil conta con 9.286 mozos rexistrados en expectativa de emprego. A través do programa PICE, impartimos máis de 400 accións formativas e máis de 3.000 mozos formáronse connosco. O noso compromiso cos mozos é firme e, desde a Cámara, seguiremos axudando, non só con formación, senón tamén con axudas directas á contratación. Máis de 308 empresas acolléronse ás axudas á contratación que ofrecemos desde a Cámara e para este ano 2022, concederemos un total de 60 axudas máis”.

Manuel Galdo resaltou “o peso empresarial de Carballo e o compromiso da Cámara co desenvolvemento económico da comarca de Bergantiños. Contamos, ademais, cun Viveiro de Empresas en Carballo desde hai 15 anos que axudou a despegar a un importante número de iniciativas emprendedoras, achegándolles ese apoio tan necesario nas primeiras fases de consolidación e crecemento. Axudar a que os mozos atopen emprego é un dos eixos estratéxicos da Cámara da Coruña. Hai máis de 18.000 mozos menores de 30 anos en Galicia en situación de desemprego e desde a Cámara tratamos de reverter esta situación a través dos cursos PICE, da formación empresarial e da inserción activa da que esta feira é un bo exemplo como nexo de unión entre oferta e demanda”.

Xosé Regueira, pola súa banda, puxo en valor o espazo onde se celebrou o evento, o Fórum Carballo, “un espazo pensado para que conflúan oferta e procura de emprego con formación”. Ademais, destacou que “a crise actual de man de obra en sectores como a construción ou o turismo supoñen unha oportunidade para os mozos que hoxe estades aquí”. De feito, entre os perfís máis demandados polas empresas participantes figuran persoal de hostalería, de tenda, loxística, axentes comerciais, deseñadores industriais, carpinteiros, albaneis, soldadores ou frigoristas, entre outros.

Evencio Ferrero comezou a súa intervención con palabras de apoio e solidariedade con Alejandra, a carballesa gravemente ferida pola agresión machista da súa parella, e lembrou “a importancia de decidir de que tipo de familia e de emprego queredes formar parte, desde o respecto e a colaboración”. O alcalde agradeceu, ademais, a colaboración da Cámara de Comercio, empresas e mozas “a súa confianza en Carballo, onde grandes empresas da provincia ofrecen hoxe postos de traballo para os que hoxe estades aquí, que sodes o futuro da comarca”.

Seminarios para mellorar a empregabilidade

As empresas entrevistaron aos candidatos e candidatas

As empresas entrevistaron aos candidatos e candidatas

No transcurso da mañá, e en paralelo á realización de entrevistas, os mozos e mozas puideron asistir a seminarios deseñados para axudarlles a mellorar a súa empregabilidade, dotándoos de ferramentas e dándolles consellos prácticos para participar en procesos de selección. Nesta edición, Cristina Díez Ayuso, Responsable de RRHH para España e Italia, falou sobre a importancia que lle dá o Grupo ao capital humano. Pola súa banda, Vitoria Mariño, socia-consultora de Gálica Consultoría e Formación, fíxoo sobre a importancia da comunicación non verbal nunha entrevista. Por último, Marta Dosil, area Manager de Imán Temporing, ETT, centrouse nos perfís máis demandados na comarca de Bergantiños.

As empresas que participaron son: Aluman, Arce Clima, Bricodepot, Campus Training, Carrefour, Construcións Cernadas, Disashop, DomusVi, Eulen Flexipan, FUAC, Forzas Armadas, Fundación Equipo Humano, Gadisa, Genesal, GI Group, Grupo Calvo, Grupo Crave, Grupo Externa, Grupo Temporing, Iman Temporing, Mapfre, NOA. AD (Grupo Malasa), Nordés Ancín (Grupo Abeirar), Nortempo, Osmos Sistemas Eléctricos, Synergie ETT, Tubasys (Grupo Abeirar) e Vegalsa Eroski. O Concello de Carballo tamén estivo representado cun posto da Bolsa de Traballo (BDT) no que se ofreceu orientación e información aos asistentes.

Vídeos

Compartir: