Participa nos obradoiros do Laboratorio de Emprendemento Social e Solidario
Venres 13 de maio do 2022
Promover o emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna son os sólidos piares que sustentan o Laboratorio de emprendemento social e solidario, unha iniciativa pioneira que nace da colaboración entre o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, e Reas Galicia, a rede de redes de economía alternativa e solidaria.
Esta primeira experiencia de laboratorio inclúe tres tipos de actividades: obradoiros de innovación baseados nos retos e necesidades do territorio, divulgación de experiencias de economía social inspiradoras, e formación sobre economía social e redes nas que apoiarse a través de talleres formativos. Despois das dúas primeiras iniciativas que se desenvolveron no mes de abril, este é o calendario para maio e xuño:
- 2 maio.Taller formativo: As sociedades laborais como fórmula empresarial (2,5 horas)
- 19 maio. Obradoiro de innovación: que poden facer as TIC pola economía social (4 horas)
- 30 maio. Mostra de experiencias: finanzas éticas como fórmulas de financiamento de proxectos sociais (2,5 horas)
- 13 xuño. Mostra de experiencias no ámbito do consumo (2,5 horas)
- 27 xuño. Mostra de experiencias nos ámbitos dos coidados (2,5 horas)