A Concellaría de Promoción Económica destina 70.000 euros para as subvencións anuais a asociacións de empresarios e comerciantes
Os recursos destinados a impulsar as actividades de dinamización empresarial e comercial aumentaron un 159% dende o ano 2015
Venres 14 de xullo do 2023 Promoción Económica
A Concellaría de Promoción Económica destina 70.000 euros á convocatoria anual de subvencións destinadas a asociacións de empresarios e comerciantes para impulsar acción de dinamización, programas de formación e actividades de promoción económica. O prazo de solicitude estará aberto a partir da publicación do extracto da convocatoria no BOP.
Dende o ano 2015, no que se convocaron por vez primeira estas axudas, os recursos destinados a financiar as actividades das asociacións empresariais e comerciais aumentaron un 159%, pasando de 27.000 a 70.000 euros.
As actividades subvencionables serán as de difusión, promoción e apoio do tecido empresarial local, a formación e as accións de dinamización da actividade económica local. Os gastos de carácter xeral da entidade (persoal e gastos correntes) serán subvencionables cando se adscriban á realización da actividade obxecto de subvención co límite máximo do 50% do orzamento total subvencionable, o que deberá quedar suficientemente motivado. Exclúense desta convocatoria os gastos de viaxes, manutención, aloxamento e atención protocolaria e os gastos que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria. A subvención por entidade poderá acadar ata o 80% do orzamento total do programa presentado, ata un importe máximo de 30.000 euros.