Presentadas no primeiro trimestre do ano 18 comunicacións previas de inicio de actividades empresariais
A Oficina Técnica Municipal tamén recibiu entre xaneiro e marzo solicitudes de licenza para a construción de 5 vivendas unifamiliares e 2 naves industriais
Luns 4 de abril do 2022
O Concello de Carballo recibiu no primeiro trimestre deste ano un total de 18 comunicacións previas relacionadas con actividades empresariais, na súa maioría para a posta en marcha de novos negocios, e ademais moi variados. Por poñer algúns exemplos, entre as iniciativas emprendedoras en marcha figuran un aula de ioga e pilates, unha florería, un centro de fisioterapia, un taller de mecanizado, unha nave para camións, un salón de tatuaxes, unha academia de inglés, un salón de peiteado, unha froitería, unha tenda de alimentación, outra de puericultura, un despacho de logopedia ou mesmo un local relixioso. Noutros casos o que se tramita é un cambio de actividade ou de titularidade de establecementos, varios de hostalaría.
A actividade empresarial no noso concello non só se reflicte nos datos de actividade, senón tamén nos de obras de construción e renovación. Entre xaneiro e marzo presentáronse no Rexistro Municipal solicitudes de licenza para a construción de dúas naves industriais no polígono de Bértoa, onde este tipo de obras teñen os días contados porque xa só quedan 4 parcelas dispoñibles.
Neste mesmo período de tempo chegaron ao Concello de Carballo solicitudes de licenza para edificacións de uso turístico, en concreto dous edificios de apartamentos en Razo e un almacén e vestiarios para escola de surf na Pedra do Sal.
Dun xeito máis tímido comezou o ano no que se refire a proxectos de edificación residencial. Nestes tres meses presentáronse solicitudes para a construción de cinco vivendas unifamiliares. O ano pasado acadáronse as 31, e ademais tramitáronse licenzas para dous edificios cun total de 22 pisos.