OBSERVATORIO ECONÓMICO
Luns 11 de xullo do 2005
O Observatorio Económico Local de Carballo celebra a segunda rolda de reunións con expertos e profesionais sobre a definición das liñas estratéxicas de promoción das áreas nas que se vai centrar: a actividade emprendedora, o sector turístico e o solo industrial. As mesas de traballo, nas que intervirán representantes do Concello, desenvolveranse dende o luns 11 ao mércores 13 de xullo, todas a partir das 18.30 horas.
MELLORAS NAS PRAIAS
Venres 8 de xullo do 2005
Carballo recibiu a autorización da Consellaría de Medio Ambiente para o seu proxecto de acondicionamento dos accesos dos areais de Razo e Baldaio. O concelleiro delegado de Servizos e Mantemento, Lois Lamas, valorou positivamente este informe e sinalou que os traballos de acondicionamento van comezar de inmediato.
EMPRESAS
Venres 8 de xullo do 2005
O proxecto de ampliación do polígono industrial de Carballo exponse ao público durante o prazo dun mes dende o venres 8 de xullo. O futuro parque empresarial estará localizado a carón do actual polígono, ocupando unha extensión de 730.000 metros cadrados de superficie, dos que 438.000 están tipificados como solo útil. Esta cifra sumaríaselle aos 520.000 metros cadrados que ocupa o actual polígono.
OBRAS
Xoves 7 de xullo do 2005
O Concello iniciou os traballos para habilitar a zona do campo da feira da Milagrosa, na que se vai instalar a futura Casa dos Oficios. A Xunta de Goberno Local aprobou, durante a súa reunión ordinaria do 7 de xullo, a adxudicación da obra de demolición das construcións que existen nesta zona.
NOVA REDE DE SUMIDOIROS
Mércores 6 de xullo do 2005
O Concello comezará cos proxectos de saneamento das parroquias de Razo, Cances, Lema, Rebordelos, Rus, Sísamo e Sofán, que se incluíron este ano no Plan Operativo Local. A adxudicación destes proxectos, por parte da Deputación da Coruña, significa un salto cualitativo moi importante na mellora dos servizos das zonas rurais do Concello. O investimento total que se vai facer para a realización destes traballos supera os 700.000 euros.
CONCERTO
Martes 5 de xullo do 2005
Mercedes Peón estará en Carballo o venres 8 de xullo para presentar o seu segundo disco Ajrú. O concerto encádrase no ciclo As nosas músicas que patrocina a Obra Social de Caixa Galicia, coa que colabora o Concello dende hai varios anos. A cantante "é un exemplo de vangarda, de música pegada á terra pero anovadora á vez", segundo explicou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación da actuación que tivo lugar o martes 5 de xullo. O concerto será na Praza do Concello a partir das 22.30 horas.
VERÁN CULTURAL
Luns 4 de xullo do 2005
A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, presentou a programación cultural para os meses de xullo e de agosto. Na elaboración deste plan buscouse o equilibrio entre as diferentes idades e intereses dos veciños de Carballo. Deste xeito, inclúese no programa música folk, jazz, blues, rock, maxia, teatro infantil, exposicións culturais, as noites de cine, a tradicional feira do libro e a actuación dos grupos de rock locais. Comezará coa actuación de Mercedes Peón, o venres 8 de xullo, para presentar o seu segundo traballo Ajrú. O concerto está patrocinado por Caixa Galicia.
NOVOS HORARIOS
Venres 1 de xullo do 2005
As instalacións culturais do Concello comezan a aplicar os horarios de verán a partir do 1 de xullo. O obxectivo é o de acomodar os servizos culturais que se ofrecen aos novos hábitos dos cidadáns da comarca durante os meses de xullo e agosto. Os rapaces terán a posibilidade de aproveitar os días sen clases para participar nas actividades da Ludoteca Municipal e todos aqueles que gocen das vacacións estivais poderán acceder á oferta cultural do Museo de Bergantiños, da Aula de Informática ou do Pazo da Cultura, en horarios que se adaptan mellor ao seu tempo libre.
COMUNICACIÓN
Venres 1 de xullo do 2005
O alcalde, Evencio Ferrero, presentou a nova páxina web municipal de Carballo. O espazo www.carballo.org é un instrumento ao servizo dos cidadáns ademais dunha ferramenta comunicativa tanto para o goberno municipal como para o movemento asociativo. Ademais do rexedor, o concelleiro de Medio Ambiente, Turismo e Xuventude, Manuel Luis Pan, explicou que a nova web pretende servir como "enlace directo coa cidadanía, e medio de comunicación do Concello". No acto, que tivo lugar no salón de plenos, destacouse o "deseño máis atractivo e sinxelo" da páxina e "a súa maior navegabilidade".
ASESORAMENTO A INMIGRANTES
Xoves 30 de xuño do 2005
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, desprázase o sábado 2 de xullo até Carballo para atender os problemas e dar información consular a todos os cidadáns uruguaios residentes na comarca de Bergantiños. O cónsul vai estar á disposición dos interesados a partir das 10.00 horas na sala acondicionada para este fin polo Concello, no Pazo da Cultura.
O EMPREGO
Xoves 28 de abril do 2005
O asentamento de novas empresas no Polígono Industrial de Bértoa está a favorecer a creación de novos postos de emprego. No mes de abril, que está a piques de rematar, 87 persoas obtiveron un traballo na zona.
INCREMENTA O TEU INTERESE
Domingo 23 de xaneiro do 2005
Desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, e dentro da campaña Incrementa o teu interese distribuirase entre os establecementos de Carballo o modelo oficial dos carteis precisos para a correcta sinalización dos espazos sen fume, das zonas habilitadas para fumadores/as, da prohibición de venda de tabaco a persoas menores de 18 anos, etc., de acordo coa Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2006.