DIRECCIÓN XERAL DE URBANISMO
Mércores 10 de agosto do 2005
O Concello de Carballo foi informado por parte Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia de que se vai ampliar o prazo para resolver as solicitudes de recoñecemento de explotacións agropecuarias existentes antes do 1 de xaneiro de 2003.
CATASTRO DE BENS INMOBLES
Martes 9 de agosto do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os veciños de Goiáns, Sísamo, Bértoa, Carballo e Berdillo poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas entre o 16 e o 25 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
MEDIO AMBIENTE
Martes 9 de agosto do 2005
A mesa de contratación decidiu adxudicar a segunda fase do paseo fluvial do Anllóns a unha Unión Temporal de Empresas (U.T.E) composta por dúas firmas, que realizará as obras de acondicionamento por un total de 369.300 euros. A proposta da mesa de contratación deberase someter á aprobación da próxima sesión da Xunta de Goberno local de Carballo.
DESPACHO CONSULAR
Luns 8 de agosto do 2005
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, atendeu arredor de 90 cidadáns uruguaios, residentes na comarca de Bergantiños, durante os tres despachos consulares que se realizaron en Carballo dende o mes de maio. O cónsul sinalou que a iniciativa está a ser todo un éxito e agradeceu o "apoio invalorable" do alcalde do municipio, Evencio Ferrero.
VERÁN CULTURAL
Venres 5 de agosto do 2005
O colectivo de baile Danzón actúa na Praza do Concello de Carballo o venres 5 de agosto, a partir das 22.30 horas. O espectáculo que se presenta chámase Unha viaxe pola danza e encádrase na programación do Verán Cultural da concellaría de Cultura, Ensino e Normalización lingüística que, nesta ocasión, conta tamén coa colaboración da Deputación da Coruña.
POLÍGONO INDUSTRIAL
Venres 5 de agosto do 2005
A segunda fase do polígono industrial de Bértoa ofreceralle 168 novas parcelas ás empresas que se queiran establecer en Carballo. O futuro parque empresarial, situado a carón do actual, ocupará unha extensión de 738.899 metros cadrados, 9.000 máis dos previstos inicialmente, dos cales 458.672 están considerados superficie construíble. A Consellaría de Política territorial, Obras públicas e Transporte ten previsto investir 19.322.232 euros nesta ampliación.
POLÍGONO INDUSTRIAL
Venres 5 de agosto do 2005
A segunda fase do polígono industrial de Bértoa ofreceralle 168 novas parcelas ás empresas que se queiran establecer en Carballo. O futuro parque empresarial, situado a carón do actual, ocupará unha extensión de 738.899 metros cadrados, 9.000 máis dos previstos inicialmente, dos cales 458.672 están considerados superficie construíble. A Consellaría de Política territorial, Obras públicas e Transporte ten previsto investir 19.322.232 euros nesta ampliación.
CONVENIO TEMPORAL
Xoves 4 de agosto do 2005
O Concello de Carballo impulsa un convenio de cesión do teleclube de Berdillo durante 25 anos, coa intención de promover o asociacionismo e a dinamización cultural e social nesta parroquia. A decisión foi tomada durante unha reunión da Xunta de Goberno local de Carballo celebrada o 4 de agosto.
OBSERVATORIO SOCIOECONÓMICO
Mércores 3 de agosto do 2005
As distintas administracións públicas da Costa da Morte e as empresas privadas establecidas na zona colaborarán na elaboración dun plan de promoción turística conxunto. Esta é unha das principais conclusións tiradas do encontro organizado polo Observatorio Socioeconómico Local de Carballo. Nas reunións propúxose investir e mellorar o patrimonio natural e cultural de toda a zona e investir en centros de interpretación, museos e parques temáticos.
MANTEMENTO
Martes 2 de agosto do 2005
A Concellaría de Servizos e Mantemento de Carballo está a traballar no desbroce das pistas rurais que están asfaltadas e que dan acceso aos núcleos de poboación do concello. O obxectivo do Concello é que os traballos estean rematados no prazo dun mes nas dezaoito parroquias que o conforman.
COMUNICACIÓN
Martes 2 de agosto do 2005
A nova páxina web do Concello de Carballo acadou as 4.000 visitas no seu primeiro mes de funcionamento. De luns a venres a media de entradas en www.carballo.org supera as 160. Os espazos que máis lle interesan aos visitantes son Servizos, Axenda e Turismo.
OBRAS
Martes 2 de agosto do 2005
A rúa Fomento de Carballo está aberta ao tráfico dende o martes 2 de agosto, día en que se colocaron os semáforos para regular a circulación dos vehículos. O luns desenvolvéronse os traballos de pintado da rúa e agora só queda pendente a colocación do mobiliario e das señalizacións verticais.