ENSINO
Martes 11 de outubro do 2005
A Escola de Idiomas de Carballo rematou co período de matrícula ordinaria para os alumnos que realizaron a preinscrición. Dende o 11 de outubro abre un novo prazo de matrícula para todos os que desexen cursar estes estudos, que remata o venres 14 de outubro. As clases comezan o luns 17 de outubro.
CATASTRO DE BENS INMOBLES
Luns 10 de outubro do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os veciños da parroquia de Aldemunde, de Sofán - A Praza e de Sofán - Tarambollo poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas entre os días 10 e19 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os técnicos da empresa Ditecar desprazaranse a estas parroquias para lle facilitar aos interesados a retirada das cédulas.
LECER
Luns 10 de outubro do 2005
O Concello de Carballo organiza as primeiras xornadas sobre historia local, en colaboración coa Asociación sociopedagóxica galega (As-pg), que se celebrarán entre o 26 e o 29 de outubro no Pazo da Cultura. Esta actividade reflicte un dos obxectivos do Goberno municipal: conservar e dinfundir o patrimonio material, inmaterial e natural de Carballo.
OBRAS
Venres 7 de outubro do 2005
O popular reloxo da Casa do Concello volve funcionar con normalidade dende o 6 de outubro. O concelleiro delegado de Facenda, Contratación e Patrimonio, José Antonio Viña, explicou que o reloxo non vai emitir sinais acústicos, aínda que o novo mecanismo o permita, para non molestar o vecindario.
MEDIO AMBIENTE
Venres 7 de outubro do 2005
O programa do Concello de Carballo Carballo limpo conta dende o 7 de outubro cunha nova canle de información e avisos, a páxina web www.carballolimpo.com. "Trátase dun panel informativo sobre as diferentes campañas que estamos a desenvolver e que se completa cun sistema de xestión de avisos e das suxestións que fagan os veciños", explicou o concelleiro de Medio ambiente, Manuel Luis Pan.
OBRAS
Venres 7 de outubro do 2005
O Concello de Carballo ten previsto acometer un plan de renovación e dotación de marquesiñas nas vías de titularidade autonómica, provincial e municipal. No caso da Deputación da Coruña, estase a elaborar dende o Concello un dossier explicativo sobre as carencias destas estradas. En concreto, solicitaranse marquesiñas para as estradas de Santiago, a de Sísamo, a de Razo, a de Berdillo, a de Vilardefrancos, Ramil - Rus e Caión.
FORMACIÓN
Xoves 6 de outubro do 2005
O Centro de información á muller (CIM) de Carballo abre o prazo de inscrición nun curso de manexo dos programas do paquete Office, dirixido ás mulleres da comarca, que se desenvolverá entre o 13 de outubro e o 11 de novembro. Coa organización deste curso, o CIM pretende achegar e familiarizar as mulleres co uso das novas tecnoloxías.
LICENZAS
Xoves 6 de outubro do 2005
A Xunta de Goberno local aprobou a autorización de dez vados permanentes en distintas zonas do municipio de Carballo. Estas solicitudes de licenza, que se suman outras xa autorizadas en sesións anteriores, estanse a realizar a raíz da campaña de inspección dos vados irregulares nas vías urbanas de Carballo iniciada polo Concello a comezos do mes de setembro.
HOMENAXE
Xoves 6 de outubro do 2005
O alcalde, Evencio Ferrero, recibiu de mans do director da axencia da Once en Carballo, Ángel Otero Vidal, unha placa orixinal de aluminio que reproduce o cupón que a organización lle dedica a Carballo, o xoves 6 de outubro na Alcaldía. O luns 10 de outubro a Once porá á venda 5.700.000 cupóns coa imaxe de Carballo.
FORMACIÓN
Mércores 5 de outubro do 2005
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo unha entrevista co director xeral de Promoción do emprego, Álvaro Ansías Bacelar, no que lle solicitou unha nova escola obradoiro que complete os ciclos formativos que ofrece o municipio. Os módulos que se pretenden instalar son electricidade, xardinería e pintura.
SEGURIDADE
Mércores 5 de outubro do 2005
A Xunta de seguridade celebrada o 5 de outubro acordou facer efectivas no que queda de ano unha serie de medidas para incrementar a seguridade en Carballo. Outra das demandas que se presentaron no encontro foi a solicitude dun terceiro xulgado para o municipio e dun corpo de Policía do estado.
LECER
Mércores 5 de outubro do 2005
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deportes e Emigración, pon en marcha dende o mes de outubro un programa de exercicio físico para a terceira idade, dirixido a persoas maiores de 60 anos da zona. Os interesados en participar poderán obter máis información na residencia da terceira idade en horario de 10.00 a 10.45 horas, ou ao Pazo da Cultura en horario de 11.00 a 11.45 horas, os martes, mércores e venres..