CULTURA
Luns 2 de xaneiro do 2006
O Nadal Cultural do Concello de Carballo afronta a súa derradeira semana con varios actos adicados aos máis pequenos. Este luns, 2 de xaneiro, a Ludoteca Municipal acolle a celebración do obradoiro da Carta Xigante, ao que lle seguirán outros durante toda a semana. O plato forte das actividades queda reservado ao xoves, coa Cabalgata de Reis en Carballo, que percorrerá tamén as rúas de Berdillo, Sísamo, Bértoa e Baldaio. A Praza do Concello será o destino final do percorrido dos Reis, contra as oito da tarde.
LECER
Luns 2 de xaneiro do 2006
A pista de xeo habilitada no Pavillón Bergantiños de Carballo estase a convertir nun importante punto de encontro para todos os que, dende hai dúas semanas, quixeron probar este servizo. De momento, unha media de máis de 300 persoas acude a patinar polas tardes, cifra á que hai que engadir todos os rapaces das escolas do concello que patinan polas mañás. En resumo, a pista de xeo é utilizada por preto de medio millar de persoas ao día.
CENTRO DE FORMACIÓN
Venres 30 de decembro do 2005
O Concello de Carballo ven de formalizar os contratos dos 36 alumnos-traballadores da Escola Obradoiro ‘Casa dos Oficios’, promovida polo Concello de Carballo e iniciada a finais do mes de xuño. A sinatura dos contratos fíxose baixo a modalidade de contrato de formación por un período inicial de seis meses, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Facenda e Patrimonio, José Antonio Viña.
CULTURA
Venres 30 de decembro do 2005
A actuación do Mago Teto no Pazo da Cultura e a celebración dunha chocolatada na Ludoteca Municipal porán fin aos actos incluidos no programa do Nadalpequespectaular, incluido no Nadal Cultural do Concello de Carballo. Ás 18,00 horas, o Mago Teto presenta o seu espectáculo 15 anos de Tole-maxias, unha mestura de diversión. maxia e fantasía. Panos que cambian de cor, cartas que toman vida, ou cordas que danzan como serpes son algúns dos obxectos sinxelos que farán posible grandes milagres no Pazo da Cultura.
FELICITACIÓNS
Venres 30 de decembro do 2005
O Concello de Carballo quere desexar un feliz 2006 a tódolos veciños/as e lectores da web.
CULTURA
Xoves 29 de decembro do 2005
Este xoves, 29 de decembro, continúa a programación do Nadalpequespectacular do Nadal Cultural do Concello de Carballo. O Pazo da Cultura acolle, a partir das 18,00 horas, o concerto para nenos do conxunto de corda Un Cuarteto Divertido. Trátase dun conxunto instrumental formado por catro músicos de corda que intentarán achegar a música e os instrumentos a todos os asistentes ao concerto.
TURISMO
Xoves 29 de decembro do 2005
A Concellaría de Turismo pon á disposición dos panadeiros de Carballo a posibilidade de retirar as instancias para solicitar a marca Pan de Carballo. Como se acordara nunha última xuntanza co sector, as panaderías da localidade interesadas en participar da iniciativa poden xa retirar as instancias no Rexistro Xeral do Concello e contan cun mes de prazo para presentar a solicitude e explicar en qué soporte a queren usar.
REVISIÓN DO CATASTRO
Xoves 29 de decembro do 2005
O prazo de exposición ao público dos planos e documentación de todo o término municipal, logo de que o Concello rematara os traballos previos de revisión do catastro de bens inmobles rústicos, ampliarase unha semana debido ao notable interese suscitado e a proliferación de veciños interesados en coñecer a documentación. Así, o prazo de exposición non remata o venres, 30 de decembro, como nun principio estaba previsto, e amplíase ata o xoves, 5 de xaneiro.
TRANSPORTES
Xoves 29 de decembro do 2005
O Concello de Carballo ven de remitir á Dirección Xeral de Trasnportes dúas alegacións ao expediente aberto por Transportes Arriva ante o organismo dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Nesa memoria xustificativa constátase que que a concesión fraccionase en tres bloques -Autos Vázquez, Monbus e Autos Carballo- que asumirán nos vindeiros meses as liñas que na actualidade mantén a empresa Arriva. Nesta nova distribución desparecen liñas existentes na actualidade, unha situación que provocou a presentación de alegacións por parte do Concello de Carballo.
CULTURA
Mércores 28 de decembro do 2005
Este mércores, 28 de decembro, continúa a programación do Nadalpequespectacular do Nadal Cultural do Concello de Carballo. O Pazo da Cultura acolle, a partir das 18,00 horas, a representación do espectáculo Nada...nada a cargo da compañía madrileña Aracaladanza, unha das compañías máis importantes de danza infantil contemporánea.
DEPORTES
Mércores 28 de decembro do 2005
Corenta veciños de Carballo poderán acudir, da man do Concello, á estrea da Selección Galega de fútbol no encontro que disputará o xoves, 29 de decembro, frente a Uruguai en San Lázaro. O Concello de Carballo puxera a disposición corenta entradas para asistir ao partido e corenta, precisamente, foron ás solicitudes presentadas no Padroado Deportivo Municipal. Polo tanto, non fixo falta a celebración do sorteo previsto para a tarde do pasado martes e tódolos solicitantes poderán acudir a San Lázaro.
SUMINISTRO ELÉCTRICO
Mércores 28 de decembro do 2005
O Concello de Carballo porá en coñecemento da Consellería de Industria e Unión Fenosa os últimos fallos no suministro eléctrico detectados na rúa Coruña durante este Nadal. A zona, un dos referentes do comercio local, padeceu varios cortes de luz en datas recentes, coas conseguintes perdas económicas para os negocios e as incomodidades para os propietarios e veciños da localidade. Os fallos no suministro chegaron a prolongarse algún día por espazo de catro horas, como sucedeu o pasado 25 de decembro. Todos os cortes de luz tiveron lugar pola mañán.