OBRAS
Xoves 2 de febreiro do 2006
A empresa Indeza comezou a traballar sobre o terreo onde se levantará a Casa dos Oficios, no barrio da Milagrosa. Logo de realizar os traballos de excavación, drenaxe e cubrición, para confirmar a resistencia idónea do terreo, comezouse co encofrado das zapatas sobre as que se colocará a estructura metálica das dúas primeiras naves da Casa dos Oficios.
CULTURA
Xoves 2 de febreiro do 2006
A cantante galega Carmen Dor será a encargada de abrir, este venres 3 de febreiro, a serie de concertos En feminino incluidos na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. A actuación terá lugar no Pazo da Cultura, a partir das 21,00 horas, sendo a entrada gratuita. Coa súa actuación Canción Atlántica Carmen Dor realizará unha homenaxe a todas as formas musicais de canción dos países que baña o océano Atlántico: bossa nova, samba, salsa, fado, canción galega, inglesa, francesa... unha fermosa selección que interpretará acompañada do pianista Alfredo Susavila, co que tamén está a preparar o seu segundo traballo en solitario.
PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Mércores 1 de febreiro do 2006
O Concello de Carballo mantén aberto, ata o día 24 de febreiro, o prazo de inscrición para participar da Campaña de Esquí que, para nenos de 10 a 13 anos, organiza a Deputación da Coruña. Ata esa data pódense recoller no Concello as solicitudes, que se dirixirán ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Carballo, presentándose no Rexistro Xeral, no primeiro andar. No caso de ter máis solicitudes que o número de prazas concedidas polo Deputación (17), farase un sorteo público ante o secretario do Concello, que terá lugar o día 3 de marzo ás 13,30 horas na Casa do Concello de Carballo.
ACORDO PLENARIO
Mércores 1 de febreiro do 2006
O Concello de Carballo ven de actualizar o rueiro da localidade, despóis de que a Corporación Municipal aprobara, na sesión plenaria ordinaria do pasado luns, a denominación de novas rúas tanto no casco urbano como no Polígono Industrial de Bértoa.
BALANCE MENSUAL
Mércores 1 de febreiro do 2006
Protección Civil de Carballo realizou un total de 125 intervencións o pasado mes de xaneiro, das que destacan 11 por accidentes ou limpeza nas estradas e 13 por colaboración coa pista de xeo. En total, Protección Civil invertiu 282 horas nas intervencións realizadas o pasado mes.
PLENO ORDINARIO
Martes 31 de xaneiro do 2006
A sesión plenaria do mes de xaneiro contemplou a toma de posesión como concelleiro de Antonio Nogueira Casais, do grupo municipal do CDI, despóis da renuncia de Vanesa Viña o pasado mes de novembro. Coa incorporación de Antonio Longueira, a Corporación Municipal volve a estar ao completo e, en principio, farase cargo das áreas que antes dirixía a súa compañeira de partido.
PLENO ORDINARIO
Martes 31 de xaneiro do 2006
A Corporación Municipal de Carballo aprobou, na sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro, a denominación de novas rúas para a localidade. Foi un dos puntos máis debatidos dunha proposta que permitirá cambiar os viais do Polígono Industrial de Bértoa por nomes de rúa que fan referencia a metais e materiais, como o Cobre, Titanio, Bronce, Lousa, Ferro, Prata, Estaño, Volframio, Seixo, Granito, Mercurio, Aceiro, Madeira e Zinc. Aprobáronse tamén os nomes das rúas que neste momento están sen denominación, en zonas como Mirón, A Revolta, Estación de Autobuses, Verdillo, ou As Labradas, e finalmente se incluirán no rueiro os nomes de Uxío Novoneyra, Manuel María e Moncho Valcarce.
OBRAS
Martes 31 de xaneiro do 2006
A rúa Villa de Negreira permanece desde as últimas horas pechada ao tráfico, logo de que a empresa Ponciano Nieto comezara a instalar a maquinaria na vía para comezar os traballos de mellora. Os conductores que utilizan esta rúa con asiduidade terán que buscar outra opción para cruzar a localidade. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, ven de anunciar o comezo das obras, que se prolongarán por espazo duns seis meses. A concellaría de Urbanismo e a empresa adxudicataria barallan a opción de abrir a rúa durante as fins de semana.
CULTURA
Luns 30 de xaneiro do 2006
A música será a grande protagonista dos actos incluidos na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo durante o mes de febreiro. O videiro venres, día 7, Carmen Dor abrirá o ciclo En feminino cun concerto co que esta cantante galega fará un percorrido polas cancións de distintos países que baña o océano Atlántico. Carmen Dor amosará un grande repertorio con moitos estilos, como a bossa nova, a samba, o fado, a canción galega ou a tradicional bretona.
PLENO ORDINARIO
Luns 30 de xaneiro do 2006
A aprobación inicial do Regulamento de Participación Cidadá será un dos asuntos a debatir na sesión plenaria ordinaria deste mes de xaneiro, a celebrar esta tarde noite de luns, a partir das 20,30 horas. O Regulamento inclúe, como principal novidade, a creación da figura do Conselleiro Parroquial e o Consello Parroquial, o órgano donde os veciños poderán participar da vida política da localidade.
SERVIZOS SOCIAIS
Luns 30 de xaneiro do 2006
Este martes, 31 de xaneiro, conclúe o prazo de presentación de solicitudes para os maiores do concello que queran participar no Programa de Termalismo Social do Imserso, para a quenda dos meses de febreiro a agosto. Os que non dispoñan das mesmas, xa remitidas polo Imserso ao domicilio dos solicitantes do ano pasado, poden recollelas nos Servizos Sociais do Concello de Carballo. Tamén poden descargarse os modelos na páxina do Programa de Termalismo Social, onde pode ampliarse a información dunha iniciativa que proporciona aos pensionistas, que por prescripción facultativa o precisen, os tratamentos que se prestan nos balnearios, a precios reducidos.
ASESORAMENTO A INMIGRANTES
Venres 27 de xaneiro do 2006
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, desprázase o sábado 28 de xaneiro a Carballo para atender os problemas e consultas de todos os cidadáns uruguaios residentes na comarca de Bergantiños. O cónsul vai estar á disposición dos interesados a partir das 10,00 horas na sala acondicionada para este fin polo Concello, no Pazo da Cultura.