LITORAL
Xoves 9 de marzo do 2006
O Xefe de Demarcación de Costas, Rafael Eimil, visitou este xoves, 9 de marzo, as praias de Razo e Baldaio co obxectivo de facer un seguimento ás obras de recuperación do sistema natural do litoral. Os traballos continúan a bo ritmo e en breve iniciarase a actuación de consolidación dos taludes de Razo. Rafael Eimil puido comprobar a regularización dos regos de Nétoma e Pardiñas, ademáis da construcción da pasarela na zona da explanada.
COMISIÓNS INFORMATIVAS
Mércores 8 de marzo do 2006
A Comisión Informativa de Asuntos Económicos e Especial de Contas reúnese esta tarde, a partir das 19,00 horas, para abordar o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2006. É a segunda xuntanza que se celebra en torno ao documento orzamentario, logo de que na primeira reunión se lles facilitara a todas as formacións políticas un borrador do documento.
LITORAL
Mércores 8 de marzo do 2006
O Concello de Carballo ven de rematar os traballos de limpeza nas praias do litoral, logo de tres semanas de traballo nos areais de Razo, Baldaio, Pedra do Sal, Arnela e Leira. As Concellarías de Medio Ambiente e Servizos e Mantemento levaron a cabo a campaña, da que participaron a Brigada de Medio Ambiente, membros do servizo de limpeza viaria de ASPABER UTE e alumnos de ASPABER que fan na actualidade un cursillo de limpeza.
CULTURA
Mércores 8 de marzo do 2006
Este mércores, 8 de marzo, veñen de comezar as visitas escolares á exposición As profundidades do cosmos no Museo Bergantiños. Sesenta nenos de 3º e 4º de primaria do Colexio Artai foron os primeiros en visitar a exposición esta mañán. Os alumnos teñen a oportunidade, a través de diversos recursos, de desfrutar dunha visión xeral da astronomía e aproximarnos a diferentes aspectos relacionados con esta ciencia, como o nacemento e evolución do universo, os elementos que compoñen os sistema solar, a conquista dos espazo por parte do home, varios instrumentos astronómicos de observación, maquetas e un sistema solar a escala.
SERVIZOS SOCIAIS
Martes 7 de marzo do 2006
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través de Dirección Xeral de Acción Social, convoca para o presente ano unha nova edición do Programa de Turismo Social, dirixido ás persoas maiores da nosa comunidade autónoma. Neste programa contémplanse, entre outras, as modalidades de Turismo Termal, Turismo de Intercambio, Turismo de Praia, Turismo de Saúde e Turismo ‘Galegos no Mundo’.
CULTURA
Martes 7 de marzo do 2006
A Asociación de Uruguaios polo Mundo de Carballo, en colaboración coas Concellerías de Emigración e Cultura, o Consulado de Uruguai e a Federación de Asociacións de Uruguaios de Galicia, achega este mércores, 8 de marzo, ao Pazo da Cultura, a actuación de José Carbajal El Sabalero. Trátase dun concerto-recital no que o autor presentará en Carballo o seu espectáculo La Casa Encantada, un traballo que resume os relatos e cancións sobre a infancia, adolescencia, familia, amizade e vivencias dos lugares nos que viviu.
MULLER
Martes 7 de marzo do 2006
A Comisión Especial da Muller reúnese este mércores, día 8 de marzo, co fin de aprobar unha Declaración Institucional coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller. Será un dos actos principais a desenvolver en Carballo, que terán continuidade o día 23 de marzo con outras actividades nas que colabora a Secretaría Xeral de Igualdade. Ao longo de todo ese día desenvolveranse actos que teñen por obxecto a sensibilización e información sobre os dereitos das mulleres.
CULTURA
Luns 6 de marzo do 2006
O Museo de Bergantiños é escenario da inauguración da exposición organizada pola Deputación de A Coruña As profundidades do cosmos. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidirá o acto, ao que tamén comfirmou a súa asistencia o deputado provincial Celestino Poza. A mostra poderase visitar ata o vindeiro día 16 de marzo.
LINGUA
Luns 6 de marzo do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, presentaron o II Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2006. A iniciativa, da que participa o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e varios medios de comunicación, persegue promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar a situación social da lingua galega e promover o uso do galego na prensa escrita.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 6 de marzo do 2006
A Xunta de Goberno Local de Carballo acordou, na súa última sesión, elixir como sistema de adxudicación o concurso, procedemento aberto e tramitación ordinaria para a adxudicación dun contrato de consultoría e asistencia para levar a cabo un concurso de anteproxecto, coa intervención do xurado, do edificio destinado a Escola Infantil Municipal. Inclúese tamén a contratación da redacción de proxecto e dirección de obras, ademáis dun orzamento máximo de 37 mil euros.
CULTURA
Venres 3 de marzo do 2006
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a concellaría de Muller e o Centro de Información á Muller organizan o espectáculo teatro-musical ¡Viva el Mestizaje!, que terá lugar o venres 3 de marzo, no Pazo da Cultura a partir das 21,00 horas. Trátase dun espectáculo onde se mesturan diversas culturas dende o respecto e o amor ao diferente, e onde a muller é o centro de reflexión.
SERVIZOS SOCIAIS
Venres 3 de marzo do 2006
A vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Acción Social, ven de convocar o Programa de Apoio Social a familias con persoas maiores dependentes, dentro dos Programas de Respiro Familiar. Este programa, realizado en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza, está destinado a persoas maiores de 65 anos dependentes ou aquelas outras que sen ter os 65 anos estean diagnosticadas de demencias neurodexenerativas tipo alzheimer así como, se é o caso, para os seus coidadores habituais.