XUSTIZA
Luns 3 de abril do 2006
O director xeral de Xustiza, Santiago Antonio Roura, e a delegada provincial de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Mª Esther González, visitaron este luns o Edificio dos Xulgados de Carballo, para coñecer a instalación e a sala que albergará, este mesmo ano, o terceiro xulgado. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañou ás autoridades na visita, que se produce logo da confirmación que o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, fixo hai poucos días ao rexedor local de que a localidade contará con esa nova sala.
DEPORTES
Venres 31 de marzo do 2006
O Pavillón Vila de Noia acollerá o vindeiro sábado, 8 de abril, a Fase de Ascenso á Liga Galega de Voleibol Feminino, na que participa o Xiria Asesoría Cervantes de Carballo. O conxunto carballés xogará a segunda semifinal fronte o Dompa Gestión de Ourense, ás 12,30 horas, logo de que o Carmelitas Vedruna de Ourense e o Calasancias da Coruña xoguen, ás 11,00 horas, a primeira das semifinais. Os dous equipos que disputen a final, a partir das 18,00 horas, ascenderán á Liga Galega, mentres que o terceiro e cuarto posto xogarase a partir das 16,30 horas.
CULTURA
Venres 31 de marzo do 2006
A coruñesa Carmen Rey, unha das mellores voces do panorama musical galego, presenta este venres no Pazo da Cultura o seu último proxecto Carmen Rey en directo, que xurdiu co pretexto de realizar o seu segundo traballo discográfico. A actuación comezará ás 21,00 horas e está enmarcada no ciclo En feminino dos Venres Culturais do Concello de Carballo. A entrada é gratuita.
SEGURIDADE
Venres 31 de marzo do 2006
A Comisión Especial de Seguridade Cidadán reúnese este luns, 3 de abril, en dúas sesións para abordar diferentes problemáticas. A partir das 19,00 horas, a xuntanza será cos Directores dos I.E.S de Carballo e, a partir das 20,00 horas, con representantes da Asociación Antidroga Vieiro.
LITORAL
Xoves 30 de marzo do 2006
A Demarcación de Costas de Galicia procederá á retirada do container encallado nas rochas de Leira, na praia de Baldaio, a principios da vindeira semana. Así o confirmou a Xefatura da Demarcación de Costas ao Concello de Carballo, logo de que o propietario ou consignatario do container non procedera á súa retirada no prazo indicado por un bando da alcaldía.
CULTURA
Xoves 30 de marzo do 2006
A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, inaugurará o vindeiro domingo, 2 de abril, a primeira Semana do libro e a lectura, a celebrar no Pazo da Cultura ata o 8 de abril. A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, foi a encargada de presentar o evento literario, xunto coa delegada provincial de Cultura, Milagros Lantes, o presidente da AS-PG, Xoan Costa, e o director da Oficina de Caixa Nova en Carballo, José Ulfe. As actividades a desenvolver durante a vindeira semana céntranse en obradoiros, encontros co profesorado, actividades para nais e pais e o público en xeral, así como exposicións dirixidas, principalmente, ao alumnado de Infantil, Primaria e primeiro ciclo de ESO.
XUSTIZA
Xoves 30 de marzo do 2006
O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, confirmou ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Facenda, Josá Antonio Viña, que Carballo contará cun terceiro xulgado. Foi nunha xuntanza na Consellería de Presidencia, na que Méndez Romeu manifestou que o xulgado de Carballo será dos primeiros en crearse, polo que estará en marcha antes de finalizar o ano. Incluso atísbase a posibilidade de que entre en funcionamento no vindeiro verán.
MULLER
Mércores 29 de marzo do 2006
A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, ofrece este mércores, 29 de marzo, a conferencia Muller e traballo:conciliación traballo e fogar. O acto sucede aos desenvolvidos a pasada semana en relación á situación da muller e precede ao que terá lugar mañá xoves, 30 de marzo, baixo o nome Mulleres do país.
BAIXADAS DE TENSIÓN
Mércores 29 de marzo do 2006
O Concello de Carballo ven de remitir a Unión Fenosa e á Delegación Provincial da Consellería de Industria unha reclamación debido aos problemas no suministro eléctrico que presentan as zonas de Vilar de Cidre, en Razo, e Cances Grande. En ambos casos, o Concello require de Unión Fenosa que faga as melloras necesarias para arranxar os problemas que padecen as dúas zonas e a Industria que abra o correspondente expediente.
XUSTIZA
Mércores 29 de marzo do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, mateñen esta tarde unha xuntanza na Consellería de Presidencia, en Santiago, para falar da posta en marcha do terceiro xulgado de Carballo. O encontro prodúcese pouco despóis de que o propio Conselleira e o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Jesús Souto, anunciaran o pasado día 20 de marzo, trala xuntanza da Comisión Mixta de Xustiza, que Carballo contará cunha nova unidade xudicial. O concelleiro de Facenda, Contratación e Patrimonio, Xosé Antonio Viña, tamén participa da reunión.
SESIÓN EXTRAORDINARIA
Martes 28 de marzo do 2006
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, acordou aprobar dous convenios de colaboración do Concello. O primeiro é coa Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude para a organización do III Duatlón Concello de Carballo, mentres que o segundo é con Manuel J. Souto, para a participación no Campeonato Galego de Autocross e Campeonato de España de Rallys.
OBRAS
Martes 28 de marzo do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ven de remitir ao Director Xeral de Obras Públicas unha carta na que demanda a execución das obras da terceira fase da travesía principal da localidade. Trátase do tramo que vai desde o cruce das rúas Vázquez de Parga e Ponte da Pedra ata o cruce desta última rúa coa Gran Vía.