LINGUA
Martes 23 de maio do 2006
Este mércores, 24 de maio de 2006, escolares de 3.º e 4.º de ESO e de 1.º de Bacharelato dos IES Isidro Parga Pondal e Alfredo Brañas de Carballo participarán na Coruña na carreira lúdico-educativa en defensa da lingua Correlingua 2006, na que está previsto que participen máis de 5.000 rapazas e rapaces. Os máis de 300 escolares que se desprazarán á Coruña partirán ás 9.20 h do IES Alfredo Brañas e ás 9.50 h do IES Isidro Parga Pondal para chegar á zona da Torre de Hércules antes das 11.00 h, hora á que comezará a carreira, que pasará pola Avenida de Navarra, a Rúa da Torre, o Campo da Leña, a Costa de Santo Agustín, a Praza de María Pita, a Rúa Rego da Auga, a Rúa Real, o Cantón Grande, e que rematará no Xardín de Méndez Núñez. Alí mesmo terá lugar a festa final, ás 13.30 h.
CONCURSO
Martes 23 de maio do 2006
José Javier Villace foi o gañador do concurso de ideas para o proxecto da nova Escola Infantil Municipal, logo de que se procedera esta mañá á apertura dos sobres para coñecer aos gañadores. José Javier Villace presentou o seu proxecto baixo o nome de Acampada, innovador en canto á distribución das oito aulas e tamén desde o punto de vista pedagóxico. As aulas do proxecto gañador son círculos transparentes de policarbonato e destaca a súa orixinalidade.O premio é a obtención da adxudación da redacción do proxecto básico e execución do edificio, ademáis da dirección da obra. Ésta non poderá superar os 600.000 euros de coste.
CONVOCATORIA
Luns 22 de maio do 2006
O vindeiro mércores, 24 de maio, celebraranse as comisións informativas de Acción Social, Participación e Persoal e de Asuntos Económicos e Especial de Contas, previas á sesión plenaria ordinaria do vindeiro luns. A comisión informativa de Acción Social, Participación e Pesoal comezará ás 18,30 horas e inclúe na orde do día a modicicación nº 1 do Regulamento da Escola Infantil Municipal, ademáis do turno de rogos e preguntas.
PADRÓN
Luns 22 de maio do 2006
Os servizos de estatística e empadroamento do Concello de Carballo levarán, durante o segundo trimestre de 2006, unha campaña de verificación padroal que consistirá no envío aos domicilios da información padroal relevante -como DNI, enderezo ou data de nacemento- para que os cidadáns verifiquen ou modifiquen os datos incorrectos ou incompletos. É de especial importancia comprobar se o enderezo actual é o que consta no padrón, así como a verificación do DNI, data de nacemento e estudios.
CULTURA
Luns 22 de maio do 2006
O Pazo da Cultura será escenario da representación, o xoves 1 de xuño, da obra Hijos de mamá, protagonizada por Quique San Francisco e Jorge Sanz. Os populares actores dan vida a un texto de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez, unha comedia na que tamén se mesturan a intriga e o suspense. A representación en Carballo desta obra é froito da colaboración entre Caixa Nova, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo. O prezo das entradas é de 6 euros e pódense facer as reservas (catro entradas por persoa) na páxina web de Caixanova a partir do mércores, 24 de maio, ou ben a través do teléfono 902504500. O mesmo día da función, as entradas dispoñibles poñeranse á venda na taquilla do Pazo da Cultura a partir das 19,00 horas. O epectáculo terá lugar ás 21,00 horas.
DEPORTE
Venres 19 de maio do 2006
Este sábado, 20 de maio, ten lugar na localidade de Ourense de Xinzo de Limia a final do Campionato Galego de Natación en Idade Escolar, na que trala disputa da última proba en Carballo, están clasificados 6 compoñentes das Escolas do Padroado Deportivo Municipal de Carballo. Os seis nadadores participan nun total de oito probas, que terán lugar a partir das 17,00 horas. Ademáis, o equipo de relevos 4 x 50 m masculino está clasificado coa 6º mellor marca.
CULTURA
Venres 19 de maio do 2006
A música e o teatro coparán boa parte das actuacións previstas para esta fin de semana, na que se seguen a desenvolver as actividades do programa das Letras 2006. Este venres, 19 de maio, os actos comezarán cunha sesión de contacontos na Biblioteca Infantil e Ludoteca Municipal, a cargo de Ulalume. O espectáculo, baixo o nome de Están Trolas, comezará ás 18,30 horas. Pola tarde noite, a partir das 20,00 horas, a Asociación Cultural El Ceibo organiza a primeira edición do festival musical Dúas veiras no Pazo da Cultura.
LITORAL
Venres 19 de maio do 2006
Portos de Galicia, en colaboración coa Demarcación de Costas, elaborará un novo proxecto para mellorar todo o entorno do porto de Razo. Así se determinou na visita que esta mañá realizou ao areal carballés o presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, en compañía da directora do ente e a responsable da área da Coruña. Por parte do goberno municipal estiveron presentes no areal de Razo o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade e o concelleiro de Praias, Antonio Longueira.
LITORAL
Xoves 18 de maio do 2006
O presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, visita este venres, 19 de maio, o porto de Razo. A visita responde ao compromiso adquirido polo presidente de Portos á convocatoria do goberno municipal, realizada coincidindo coa presentación do Plan de Infraestructuras da Costa da Morte en Vimianzo. O grupo de goberno aproveitará a estancia en Razo para presentar a demanda de actuación nas instalacións do porto e sopesar a posibilidade de inclusión na Rede Galega de Portos Deportivos. A visita ten lugar ás 12,00 horas.
LINGUA
Xoves 18 de maio do 2006
Ana Rodríguez Barreiro e Ramón Vilar Landeira reciben esta tarde de xoves, no Pazo da Cultura, os premios que os recoñecen como gañadores da segunda edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo. O artigo Sinfonía en galego maior, de Ana Rodríguez, foi o elixido por unanimidade como primeiro premio, sendo o segundo premio para o artigo Un idioma na cetaria, de Ramón Vilar. O primeiro premio está dotado con 900 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores o domingo 21 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior no caso dos medios non diarios. O segundo premio está dotado con 300 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores o sábado 20 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior no caso dos medios non diarios. O acto de entrega e premios comeza ás 20,30 horas.
SEGURIDADE
Xoves 18 de maio do 2006
Os delitos contra o patrimonio descenderon, no primeiro cuatrimestre de 2006, un 50%, mentres que os delitos contra as persoas sufriron un descenso do 45’45% no concello de Carballo. Así manifestouse na xuntanza da Xunta Local de Seguridade, celebrada este xoves na Casa do Concello, e na que estiveron presentes a Subdelegada de Goberno en A Coruña, Obdulia Taboadela, o Coronel Xefe da Guardia Civil en A Coruña, Xosé Furelos, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro delegado de Seguridade, Ramón Eirís, e representantes da Guardia Civil, Policía Local e Protección Civil.
SEGURIDADE
Martes 16 de maio do 2006
A Casa do Concello de Carballo albergará o xoves, 18 de maio, unha nova xuntanza da Xunta Local de Seguridade, a partir das 10,00 horas. Cinco son os puntos que conforman a orde do día, entre os que destacan a análise e medidas a tomar sobre o consumo e tráfico de estupefacientes, ademáis de vixilancia xeral na tempada do verán na zona de praias.