PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Mércores 14 de xuño do 2006
O vindeiro venres, 16 de xuño, remata o prazo para apuntarse aos Campamentos Deportivos 2006 que organiza a Deputación da Coruña. O ente provincial concediu 30 prazas ao Concello de Carballo para participar desta actividade, a desenvolver do 16 ao 22 de xullo de 2006. O campamento está dirixido a rapaces/as de entre 9 e 13 anos e a cota de inscripción é de 80 euros. A inscrición inclúe transporte de ida e volta, estadía e manutención en residencia e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas. O Concello realizará un sorteo diante do secretario, despois de rematar o prazo de inscrición, no caso de ter máis solicitudes que prazas asignadas pola Deputación. Sería o día 22 de xuño de 2006, ás 13,30 horas, na Casa do Concello.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 14 de xuño do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Pan, presiden esta tarde unha xuntanza con asociacións de Carballo e interesados en xeral para coñecer o Proxecto Ríos. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -ADEGA- tamén estará presente logo de asinar, en datas pasadas, un convenio co Concello para colaborar neste proxecto que promove a asociación ecoloxista. O acto ten lugar na Casa do Concello, a partir das 19,00 horas, e concluirá cunha visita ao río para comprobar sobre o terreo o modelo de funcionamento e particularidades do proxecto.
RECEPCIÓN
Mércores 14 de xuño do 2006
Unha representación do goberno municipal recibe este mércores, 14 de xuño, á tripulación do Velero Escuela Capitán Miranda, que partiu o pasado 22 de febreiro da Dársena Fluvial de do porto de Montevideo, dando así comezo á súa vixésimo quinta viaxe de instrucción. Como xa é tradición, entre os 88 tripulantes atópanse en carácter de invitados alumnos da Facultade de Enxeñería e Facultade de Ciencias da Universidade da República, Universidade do Traballo, Universidade Católica, pasantes do Ministerio de Turismo, así como Oficiais do Exército Nacional e Forza Aérea Uruguaia. O acto de recepción ten lugar ás 20,30 horas e sucédese á recente visita que o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, realizou a Uruguai.
CULTURA
Martes 13 de xuño do 2006
O mércores 14 e o xoves 15 de xuño terán lugar no Pazo da Cultura, a partir das 21,00 horas, as Noites Curtas, dúas sesións de proxeccións dunha selección de sete curtametraxes e dun documental do mellor panorama nacional. Da selección das curtametraxes e da proxección das mesmas encárgase Mr Misto Films, que pretende achegar o mundo audiovisual a todo tipo de públicos en diferentes espazos. Trátase dunha novidosa proposta empresarial de difusión no eido do sector audiovisual galego.
TECNOLOXÍA
Martes 13 de xuño do 2006
O Pazo da Cultura acollerá, a vindeira fin de semana, a celebración das primeiras Xornadas de GPS e navegación, dentro do programa de promoción de Carballo como sede de congresos. O acto de presentación corriu a cargo do concelleiro de Medio Ambiente, Turismo e Xuventude, Manuel Pan, e Jesús Pallas e Manuel Doldán, representantes de Remontes 4x4, a entidade organizadora do evento. A intención das xornadas é a de que profesionais e usuarios saquen o máximo rendemento dos seus equipos.
TRABALLO
Martes 13 de xuño do 2006
A delegada provincial da Consellería de Traballo, María Debén, oficiou este martes, 13 de xuño, unha visita ao Concello de Carballo para coñecer o proxecto da Casa dos Oficios, que se está a desenvolver no barrio da Milagrosa. María Debén estivo na Casa do Concello, onde foi recibida por membros do goberno municipal e os arquitectos mostraron a maqueta do proxecto e explicaron a evolución das obras. Con posterioridade, desprazouse ao lugar onde se desenvolven os traballos. A delegada provincial da Consellería de Traballo estivo acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, o concelleiro de Participación Veciñal, Emprego e Promoción Económica, Manuel Trigo, o concelleiro de Servizos e Mantemento, Luis Lamas, o director do INEM, José Manuel Pose Mesura e o director do Centro Municipal de Formación, Juan Lorenzo.
SEGURIDADE
Luns 12 de xuño do 2006
O alcalde de Carballo aproveitou a celebración da Xunta Comarcal de Seguridade, celebrada esta mañán en Buño, para demandar a apertura do terceiro xulgado para Carballo. Foi no transcurso dunha xuntanza na que os alcaldes da comarca de Bergantiños demandaron a ampliación das plantillas dos corpos de seguridade e a dotación dunha nova comisaría de policía. A xuntanza fora convocada pola subdelegada de goberno en A Coruña, Obdulia Taboadela.
VISITA INSTITUCIONAL
Luns 12 de xuño do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Intendente Municipal de Montevideo, Ricardo Ehrlich, asinaron un protocolo de colaboración durante a visita que o rexedor carballés fixo a Uruguai a pasada semana. O propio Intendente e membros do seu gabinete valoraron a proposta do Concello de Carballo e acordaron asinar un protocolo que recolle o intercambio de información regular sobre cuestións de interese cultural, socioeconómica, turística e empresarial de interese para ambas colectividades e a súa cidadanía, ademáis da planificación de actividades comúns e proxectos que revirtan no benestar socioeconómico da cidadanía de ambas entidades e que poñan en valor a difusión de ambas realidades, así como a profundización dos lazos históricos de irmanamento, que non foran até o momento institucionalizados.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 12 de xuño do 2006
A Xunta de Goberno Local aprobou, na sesión celebrada este luns 12 de xuño, o proxecto da obra Acondicionamento da Escola de Cances, cun orzamento de execución material de 34.277,50 euros. Asimesmo, autorizouse a execución directa polo Concello de Carballo, mediante os seus medio persoais, das obras contidas no proxecto. A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a adxudicación dos premios e accesit que resultaron do concurso de anteproxecto con intervención do xurado, e contratación da redacción de proxecto e dirección de obras do edificio destinado a Escola Infantil Municipal.
CULTURA
Venres 9 de xuño do 2006
Este venres, 9 de xuño, remata no Pazo da Cultura o ciclo Xóvenes Intérpretes, que comenzou a semana pasada e no que participa o alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Nesta ocasión, subirán ao escenario un grupo de solistas de diferentes especialidades musicais, continuará o Coro do Conservatorio, dirixido por Gloria Pardines- e rematará o concerto o recén creado Grupo de Acordeóns que dirixe Manuel Bello. O concerto comeza ás 20,30 horas e a entrada é de balde.
VISITA INSTITUCIONAL
Venres 9 de xuño do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, remata este venres, 9 de xuño, a visita institucional que, desde principios de semana, realiza a Uruguai. O rexedor local mantén hoxe un encontro oficial co Ministro de Asuntos Exteriories da República Oriental de Uruguai, Reinaldo Gargano, último acto oficial antes de partir de Montevideo o sábado para chegar a Santiago o domingo pola mañán.
CULTURA
Venres 9 de xuño do 2006
O Festival Internacional Outono de Teatro ten xa determinadas as datas de celebración. Como xa ven sendo habitual, este ano o Festival principiará a segunda fin de semana de outubro e rematará o 1 de novembro. O programa está xa bastante avanzado, estando xa reservados varios espectáculos. Así, abrirá o FIOT 2006 a compañía galega Teatro do Noroeste co ambicioso espectáculo Imperial: Café cantante. A compañía está dirixida por un dos máis importantes directores galegos, Eduardo Alonso, que dirixe e tamén é o autor do texto. Ademáis, este director rodéase de actores consagrados da interpretación galega, como Luma Gómez, Maxo Barjas, Miguel Pernas, Carlos Mosquera e Inma Antonio.