CULTURA
Venres 30 de xuño do 2006
Este domingo, 2 de xullo, terá lugar no Bosque do Añón a tradicional Festa do Bosque, organizada pola Peña Gastronómica Os Larpeiros, e que despedirá de forma definitiva os actos incluidos no programa do San Xoán. A Festa do Bosque conta con numerosas actividades lúdicas a desenvolver durante toda a tarde e noite do domingo, desde as 13,00 horas até a madrugada.
CULTURA
Venres 30 de xuño do 2006
O Salón de Plenos do Concello de Carballo acolle este sábado, 1 de xullo, a presentación de varias actividades culturais a desenvolver no mes de setembro. Coincidindo cos seus 170 anos de existencia oficial, preténdese proxectar Carballo como un lugar de encontro a nivel internacional e, ao mesmo tempo, poder empregar eventos construidos e presentados en exclusiva apostando por unha oferta lúdica novidosa. O acto, que comezará ás 20,00 horas, inclúe a presentación de Malabarindo 06, o disco A Perloca Musical e a o mapa da vía romana Perloca Marítima.
VISITA INSTITUCIONAL
Venres 30 de xuño do 2006
O Conselleiro de Innovación e Insdustria, Fernando Blanco, visitará o próximo luns, 3 de xullo, Carballo. Fernando Blanco ten intención de visitar o edificio de usos múltiples do Polígono Industrial de Bértoa, ademais de coñecer como marchan as obras da Casa dos Oficios, no barrio da Milagrosa. Serán os dous actos principais dunha visita que se iniciará a media mañá na Casa do Concello.
LITORAL
Xoves 29 de xuño do 2006
O vindeiro luns, 3 de xullo, levarase a cabo o izado da bandeira azul condedida á praia de Pedra do Sal. É a primeira vez que este areal carballés é distinguido con este galardón, concedido a aquelas praias ou portos deportivos que compren requisitos de calidade de augas, servizos e realización de actividades de información, educación e xestión ambiental por parte do municipio ou do porto. O acto terá lugar ás 17,00 horas.
DEPORTE
Xoves 29 de xuño do 2006
O Padroado Deportivo Municipal e a Asociación Deportiva Xiria organizan, co patrocinio da Asociación Anti-Droga Vieiro e a colaboración de Caixanova, Hierros Varela Urbieta SA e Lista Granit SA, a XIII Escola Deportiva de Verán, na que poden participar rapaces e rapazas nados entre os anos 89 e 96 (ambos inclusive). A actividade comezará o vindeiro luns, 4 de xullo, e rematará o 31 de agosto O prazo de inscrición aínda segue aberto e a inscrición pode formalizarse no Padroado Deportivo Municipal, rúa Coruña 1. O principal obxectivo é que os rapaces adquiran a práctica do deporte coma un hábito saudable ao mesmo tempo que serve como marco de convivencia e ten un papel socializador importantísimo baseado no cumprimento das normas do xogo limpo.
OBRAS
Xoves 29 de xuño do 2006
O Concello de Carballo remitirá este xoves, 29 de xuño, o proxecto de ampliación da Ponte da Casilla á delegación provincial da Consellería de Obras Públicas. A intención do Concello é que se poda proceder a contratación da obra canto antes. A actuación enmárcase dentro da reforma da Travesía Principal de Carballo e contempla un orzamento de execución material de 115.288,74 euros e un orzamento de execución por contrata de 159.144,58 euros. Estímanse necesarios seis meses para a execución total da obra.
CULTURA
Mércores 28 de xuño do 2006
A tradicional sesión de fogos de artificio puxo fin, a pasada medianoite, ás festas de San Xoán. Un gran número de veciños deuse cita no bosque para disfrutar dos fogos, que iluminaron o ceo carballés antes de que a orquestra Versalles despedira as actuacións musicais coa última verbena. Pese ao remate oficial das festas, durante a xornada de hoxe a Comisión de Festas preparou o Día do neno nas barracas, polo que os máis pequenos teñén descontos nas atraccións.
OBRAS
Mércores 28 de xuño do 2006
A estrada AC-402, que une as localidades de A Silva e Santa Comba, terá un tratamento integral na vindeira primavera. Así o confirmou o delegado provincial de Política Territorial ao alcalde de Carballo, logo de que éste lle preguntara sobre as previsións da Consellaría en relación a esta vía. A estrada AC-402 está vendo, na actualidade, mellorado o seu firme nos peores tramos, aos que se lle aplica unha capa de rego asfáltico.
MEDIO AMBIENTE
Martes 27 de xuño do 2006
O Concello de Carballo ven de conectar a rede de saneamento pola marxe dereita do bosque até a Ponte da Milagrosa, eliminando así o verquido desa zona que entraba directamente ao río. O problema queda así subsanado e permite mellorar a calidade da auga.
CULTURA
Martes 27 de xuño do 2006
A tradicional sesión de fogos de artificio anunciará, esta medianoite, o remate das festas de San Xoán. Será co permiso da Festa do Bosque, o último acto a desenvolver dos incluidos no programa, e que terá lugar o vindeiro domingo, 2 de xullo. Atrás quedan seis días de festa nos que a música, o deporte e os tradicionais concursos foron os verdadeiros protagonistas. A sesión de fogos de artificio terá lugar no Bosque do Añón, a partir das 00,00 horas.
LITORAL
Martes 27 de xuño do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Praias e Socorrismo, Antonio Longueira, participaron en Sanxenxo do acto de entrega de bandeiras azuis para as praias galegas. O Concello de Carballo é distinguido este ano con dúas bandeiras azuis, para as praias de Pedra do Sal e Razo, cumprindo así cos criterios de legalidae, limpeza, e seguridade e contando, tamén, cunha xestión ambiental e información axeitadas. A Comunidade galega obtivo no 2006 un total de 109 bandeiras azuis, 11 máis que en 2005. Por provincias, a de A Coruña logrou un total de 45 bandeiras azuis, Lugo tivo 20 e Pontevedra 44.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 26 de xuño do 2006
A Xunta de Goberno Local procedeu á concesión, na xuntanza celebrada este luns, de catro licenzas de obra para outros tantos edificios en Carballo. A suma total das vivendas que albergarán os catro edificios é de 69. Trátase dun edificio na rúa Vila de Negreira, de 14 vivendas, outro na rúa Orquídeas, de 15 vivendas, otro na rúa Fábrica, de 20 vivendas, e outro na rúa Xílgaro, tamén de 20 vivendas.