CONVOCATORIA
Venres 1 de setembro do 2006
A Xunta de Goberno Local celebrará o vindeiro luns unha sesión ordinaria na que se debatirá a aprobación dunha nova licenza para a construción dun edificio de 16 vivendas na rúa das Moreiras, outro na rúa da Mapoula e outra para a construción dunha vivenda unifamiliar en Aseñado, na parroquia de Berdillo. Ademais, debatirase a aprobación de dous expedientes de contratación, relativos ao fornecemento de mobiliario urbano nas rúas do Fomento, de Vázquez de Parga e noutras, e o proxecto básico e de execución destinado a Escola Taller de Carballo, referente ás obras complementarias á Fase I.
EMPREGO
Xoves 31 de agosto do 2006
A Conselleria de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, e o Concello de Carballo asinarán un convenio de colaboración para levar a cabo o Proxecto da Casa dos Oficios, dado o interese que teñén na realización deste. Para dito fin, a Conselleria aportará a contía de 120.000 €.
CULTURA
Xoves 31 de agosto do 2006
A celebración da Praza dos Libros e o Festival Folclórico de Carballo puxeron fin aos actos incluidos na programación do Verán Cultural do Concello de Carballo, que se desenvolveron na localidade durante os meses de xullo e de agosto. A Praza dos Libros colleitou un notable éxito de vendas e participación, cun novo formato que foi do agrado dos visitantes e que incluíu actividades paralelas á venda nas casetas. O Festival Folclórico de Carballo celebrouse coa participación de Bilitroque, de Berdillo, e Nemeth, de Carballo, último dos actos incluidos na oferta cultural do Concello para os meses de verán.
MELLORAS NAS INSTALACIÓNS ESCOLARES E DEPORTIVAS
Luns 28 de agosto do 2006
Este luns dará comezo a última fase das obras de acondicionamento do campo de fútbol das Pedreiras, na parroquia de Berdillo. Grazas a estes traballos ampliarase o terreo de xogo, melloraranse as súas condicións e as dos equipamentos cos que contaba ata o de agora o recinto. Segundo vén de informar o concelleiro delegado de Servizos e Mantemento, Luis Lamas Álvarez, nestes días desenvónvense ademais labores destinados ao peche dos polideportivos dos CEIP Gándara Sofán e Fogar e reparacións no pavillón municipal da zona escolar.
AS BANDEIRAS ONDEAN A MEDIA HASTA
Venres 25 de agosto do 2006
O Concello de Carballo vén de declarar como loito local o día de hoxe, en sinal de dó polo falecemento en accidente de tráfico dunha traballadora do servizo municipal de prevención e extinción de incendios. A muller, veciña de Cabana de Bergantiños, perdeu a vida este xoves á noite, cando volvía á base ao final da súa xornada de traballo. Os tres compañeiros que a acompañaban no vehículo resultaron feridos.
FEIRA LITERARIA DE CARBALLO
Mércores 23 de agosto do 2006
O Xardín Municipal acollerá a partir de mañá e ata o vindeiro domingo 27 a Praza dos Libros. Esta Feira Literaria de Carballo, organizada polo Concello, pretende difundir os libros e os autores e autoras en galego, así como achegalos á cidadanía. A promoción da lectura e das librarías da comarca -nomeadamente as do municipio- son outros dos seus obxectivos. A lectura do pregón, a cargo do escritor carballés Xurxo Borrazás, marcará o inicio de catro días dedicados ás letras ao longo dos que se desenvolverán diversas actividades.
COMUNICADO DA EMPRESA CONCESIONARIA
Martes 22 de agosto do 2006
Rexer, a empresa concesionaria da recollida do lixo no Concello de Carballo, vén de informar de que xa se solucionaron as incidencias rexistradas no servizo a pasada semana. A día de hoxe Rexer está a desenvolver os seus cometidos con total normalidade.
FESTA DOS MAIORES
Martes 22 de agosto do 2006
As persoas maiores do concello de Carballo poderán asistir a unha xuntanza con actuacións musicais, obradoiros tradicionais, xogos populares, rotas turísticas, baile e outras actividades. A cita será na área recreativa de Furelos, en Melide, o domingo 3 de setembro.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 22 de agosto do 2006
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a concesión de subvencións destinadas ás asociacións e colectivos sen ánimo de lucro que operan no eido dos Servizos Sociais. Estas axudas, cun importe de 14.810 euros, serán distribuídas entre un total de 13 entidades. Na mesma sesión abordouse, entre outros asuntos, a aprobación de senllos convenios de colaboración coa Deputación da Coruña, para o financiamento da campaña contra os incendios forestais e do Grupo Municipal de Intervención Rápida.
CULTURA
Venres 18 de agosto do 2006
O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística organiza entre o 24 e o 27 de agosto de 2006 a Praza dos Libros. Feira Literaria de Carballo, cos obxectivos de difundir os libros e os autores e autoras en galego e achegalos á cidadanía, promocionar o libro e a lectura en xeral e promocionar as librarías da comarca, nomeadamente as de Carballo.
Esta feira terá lugar no Xardín Municipal e nela haberá diversas actividades, exposición e venda de libros, sinaturas, presentacións, recitais, actuacións musicais, etc.
A programación completa pode consultarse en formato .pdf aquí.
DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Luns 14 de agosto do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participará o mércores, 16 de agosto, nunha xuntanza en Santiago co director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Emilio Manuel Fernández, para seguir coñecendo os detalles do proxecto de sostibilidade que promove a Consellería de Medio Ambiente. Na xuntanza tamén participarán os alcaldes da Laracha e de Malpica, que xa se interesaron polo proxecto nunha anterior xuntana celebrada en Buño. A reunión está prevista para as 11.00 horas.
CULTURA
Luns 14 de agosto do 2006
Dous novos concertos, ademais da celebración da Praza dos Libros, serán os actos a desenvolver na segunda quincena no mes de agosto en Carballo, coincidindo co remate da programación do Verán Cultural do Concello de Carballo. O vindeiro venres, 18 de agosto, a praza do Concello acollerá a actuación da Trova Camagüeyana, unha animada noite para o cha cha cha, o bolero, o son, a guaracha, o danzón ou a rumba da man dun grupo de veteranos músicos profesionais que conformaron este septeto no ano 1994 coa intención de cultivar a música tradicional do seu país, Cuba. Aínda que a súa fonte é a Trova Tradicional Cubana, tamén realizan incursións no folclore latino/caribeño internacional. A actuación comezará ás 22.30 horas.