TECNOLOXÍA
Xoves 21 de setembro do 2006
A acción da cúpula inchable do operador galego de comunicacións por fibra óptica R, que alberga actividades didácticas, xogos e entretemento, comezará a funcionar o venres, 22 de setembro, e non este xoves como estaba previsto. A incidencia do temporal de vento e choiva impediu que o inchabe se puidera montar no día de hoxe. O obxectivo do mesmo e o de lles achegar a Sociedade da Información a persoas de todas as idades. A cúpula xigante de R, que se instalará esta tarde na chaira de San Martiño, permanecerá aberta ao público até o luns 25 de setembro, de 11,00 a 14,00 h e de 17,30 h a 21,00 h.
CONVOCATORIA
Xoves 21 de setembro do 2006
A sesión plenaria ordinaria deste mes de setembro, a celebrar o vindeiro luns, 25 de setembro, abordará o cambio de sistema de actuación no ámbito de aplicación de xestión dos Polígonos 27 e 45. Son os ubicados, respectivamente, na intersección das rúas Pontevedra e Perú e na zona da Estación de Autobuses, detrás da zona da Cristina.
TECNOLOXÍA
Mércores 20 de setembro do 2006
R , o operador galego de comunicacións por fibra óptica, escolleu ao municipio de Carballo para continuar coa súa acción da cúpula inchable que alberga actividades didácticas, xogos e entretemento co obxectivo de lles achegar a Sociedade da Información a persoas de todas as idades. A cúpula xigante de R, instalada na chaira de San Martiño, permanecerá aberta ao público dende mañá xoves ata o domingo 24 de setembro, de 11,00 a 14,00 h e de 17,30 h a 21,00 h.
CONVOCATORIA
Mércores 20 de setembro do 2006
Esta tarde de mércores reúnense as comisión informativas de Acción Social, Participación e Persoal, de Asuntos Económicos e Especial de Contas e a de Urbanismo e Desenvolvemento. Nesta última, que comezará ás 19,15 horas, informarase sobre os traballos de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademáis de abordar os cambios de sistema de actuación nos polígonos 27 e 45.
FACENDA
Mércores 20 de setembro do 2006
O Concello de Carballo, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o día 4 de setembro de 2006, aprobou o Padrón anual de Imposto sobre Actividades Económicas, o Padrón do Imposto sobre Bens Inmobles Rústicos e o Padrón do Imposto sobre Bens Inmobles Urbanos ou de características especiais. O importe total dos Padróns postos ao cobro ascende a 3.231.079,23 euros. Os devanditos Padróns estarán a disposición dos contribuintes expostos ao público por un prazo de un mes, contados a partires da inserción do anuncio da súa aprobación no Boletín Oficial da Provincia. Durante o devandito prazo, os interesados poderán comprobar a exactitude dos seus datos no Servizo de Xestión e Inspección Tributaria do Concello.
PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Martes 19 de setembro do 2006
A Xunta de Goberno local ven de aprobar, na súa última sesión, o Programa de Exercicio Físico para Maiores organizado polo Concello de Carballo para o curso 2006/2007. Trátase dun programa de 3 sesións semanais de exercicio físico de entre 30 e 45 minutos destinado a persoas maiores de 60 anos.
MEDIO AMBIENTE
Martes 19 de setembro do 2006
Un curso de intercambio para novos formadores, de 22 persoas, visitará este mércores, 20 de setembro, a Férveda de Entrecurces. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Pan, oficiarán unha recepción ao grupo na propia férveda, sobre as 13,30 horas.
OBRAS
Martes 19 de setembro do 2006
Este mércores, 20 de setembro, comezarán as obras de acondicionamento do Local Social de Berdillo. Os traballos do proxecto básico e de execución, nas súas tres fases, veñen de ser adxudicadas por importe de 232.913’92 euros. A adxudicación das obras sucedeu á sinatura do convenio de cooperación cultural entre a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, polo que a Consellería de Cultura achega a cantidade de 115.843 euros ao Concello para as obras. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagres Lantes, visitarán o inicio dos traballos ás 09,30 horas.
MULLER
Luns 18 de setembro do 2006
A Concellería de Muller, en colaboración co SEGAE e con axuda do Fondo Social Europeo, ven de abrir o prazo para participar dun Curso de Atención á Infancia, dirixido a mulleres desempregadas. O curso é de 200 horas, consta de 15 prazas, e é necesario o graduado escolar para participar do mesmo. O prazo estará aberto toda a semana e, no caso de haber máis solicitudes que prazas, celebrarase un sorteo a vindeira semana.
MEDIO RURAL
Luns 18 de setembro do 2006
Este martes, 19 de setembro, comezarán na Escola de Cances as charlas informativas para a aplicación do recentemente aprobado pola Xunta de Galicia Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais. Serán en total seis actos noutras tantas parroquias do término municipal, dirixidas a poboacións concretas do concello. As charlas serán impartidas por técnicos da consellería de Medio Rural e comezarán ás 21,00 horas.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 18 de setembro do 2006
A Xunta de Goberno Local procedeu á concesión, na xuntanza celebrada este luns, de cinco licenzas de obra para outros tantos edificios en Carballo. A suma total das vivendas que albergarán estes cinco edificios é de 80. Trátase dun edificio na rúa Mirtos, de 3 vivendas, outro na rúa Camiño do Bosque e rúa Lagoa, de 39 vivendas, outro na Avenida Bergantiños, de 14 vivendas, outro na rúa Santa Eufemia e Avenida Bergantiños, de 17 vivendas, e outro nas rúas Muiño e Baixa, de 7 vivendas. Ademáis, concedeuse licenza para a reforma e ampliación dun edificio na rúa Vázquez de Parga esquina coas rúas Vila de Corme e Vila de Caión, de 19 vivendas, Os datos confirman a alza espectacular na tramitación de licenzas para a construción de vivendas na localidade, superando a estas alturas de ano as cifras de todo o 2005.
CULTURA
Venres 15 de setembro do 2006
A Casa do Concello acolleu a presentación da IX edición do XiriaPop, que se celebrará na Cervexaría Dublín de Carballo, o venres 22 e sábado 23 de setembro. Os concertos da presente edición conta coa presenza de Chris Wilson e Roy Loney, cabezas de cartel o venres e sábado respectivamente. Ademáis, tomarán parte no festival Burgas Beat, Annie Hall e Meu, o primeiro día, e The Charades, Big City e Los Chicos o segundo. O prezo do bono para acudir os dous días é de 15 euros, sendo de 9 euros para acudir un so día.