MEDIO AMBIENTE
Mércores 4 de outubro do 2006
O Proxecto Ríos levará a cabo o vindeiro venres, 6 de outubro, unha presentación no Concello de Carballo, co obxectivo de achegar á poboación as actividades de voluntariado relacionadas cos ecosistemas fluviais, así como a posibilidade de formar grupos de voluntariado activos no ámbito municipal. O acto terá lugar no Salón de Plenos e o seu comezo está fixado para as 20,00 horas.
ENSINO
Martes 3 de outubro do 2006
Logo de rematar o segundo prazo de preinscripción na Escola Oficial de Idiomas de Carballo para os alumnos que queiran matricularse en primeiro por primeira vez, o vindeiro xoves, 5 de outubro, remata o prazo de matrícula para o vindeiro curso.
MULLER
Martes 3 de outubro do 2006
A Concellería de Muller, en colaboración co Servicio Galego de Igualdade e con axuda do Fondo Social Europeo, ven de comezar o Curso de Atención á Infancia, no que participan 20 mulleres, e que se prolongará até o 15 de novembro. O curso consta de 200 horas, celébrase no Pazo da Cultura, e o prazo para participar do mesmo está xa pechado.
XUSTIZA
Martes 3 de outubro do 2006
Máis de vinte dos 59 afectados do concello de Carballo pola explosión da pirotecnia Calvo formalizaron a demanda contra a empresa para reclamar polos danos ocasionados. Así quedou de manifesto na xuntanza celebrada no Local Social de Silván, na que estiveron presentes, ademáis dos afectados, os alcaldes de Carballo e Coristanco. A mesma convocouse para formalizar a demanda contra a empresa pirotécnica.
CULTURA
Luns 2 de outubro do 2006
A organización do Festival Internacional Outono de teatro abriu os prazos de inscrición para o VI Concurso Escolar Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’ e o VI Certame Galego de Dramatización de Monólogos Cómicos. As inscricións pódense facer no Pazo da Cultura, no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro Auxiliar de Cultura ou por fax, no 981704302.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 2 de outubro do 2006
A Xunta de Goberno Local ven de resolver, na súa última sesión, o contrato de execución das obras incluidas no proxecto Mellora de capa de rodadura do camiño rural Taboada-Souto Grande, da parroquia de Entrecruces, arobar a certificación primeira da obra e adxudicar, na parte aínda non executada, dita obra. O prezo de adxudicación da obra pendente de executar é de 40.317,09 euros.
CONSTRUCCIÓN
Luns 2 de outubro do 2006
O terceiro trimestre do ano 2006 segue a confirmar a alza espectacular na tramitación de licenzas para a construción de vivendas en Carballo. No núcleo urbano tramitáronse licenzas para a construción de bloques de edificios para 509 vivendas, 200 máis que no segundo semestre. Nas zonas de núcleos rurais tamén aumentan as solicitudes de licenzas, cun total de 41 para vivendas unifamiliares. No que vai de ano 2006 tramitáronse licenzas para 918 vivendas en bloques de edificios no núcleo urbano e 89 vivendas unifamiliares nas zonas de núcleos rurais.
MULLER
Venres 29 de setembro do 2006
O vindeiro luns, 2 de outubro, terá lugar no Pazo da Cultura unha presentación da Asociación de Empresarias de A Coruña -AECO- na que a súa presidenta, Ángeles de la Iglesia Daviña, acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pretende incentivar a creación de distintas Asociacións Comarcais que, á súa vez, se integren na Federación Provincial. O acto terá lugar a partir das 21,00 horas.
OBRAS
Venres 29 de setembro do 2006
O delegado provincial de Política Territorial ven de confirmar ao alcalde de Carballo a inversión de 600.000 euros para a mellora da estrada AC-402, que une as localidades de Santa Comba e A Silva, no que resta de ano 2006. A partida englóbase nunha total de 3.000.000 de euros que o departamento autonómico achegará para o tratamento integral da vía durante o vindeiro ano. A actuación contempla unha capa de aglomerado en toda a vía, ademáis do ensanche da mesma, nas zonas en que sea viable facelo.
CULTURA
Xoves 28 de setembro do 2006
Este sábado, 30 de setembro, remata no Museo de Bergantiños a exposición Xaquín Marín , que permaneceu no mesmo desde o 8 de setembro. A mostra forma parte da programación de exposicións do Museo e Bergantiños para este mes e contén arredor de 70 debuxos e algún lenzo que fan un percorrido pola extensa obra deste artista galego.
MEDIO RURAL
Xoves 28 de setembro do 2006
O Pazo da Cultura acolle este xoves, 28 de setembro, a última das charlas informativas para a aplicación do recentemente aprobado pola Xunta de Galicia Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais.
CULTURA
Xoves 28 de setembro do 2006
A partir do vindeiro 1 de outubro, e até o 8 de novembro, poderanse entregar os traballos que desexen participar no IX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras e as fotografías realizaranse en branco e negro, sendo o tema das obras libre. As fotografías non poderán ter sido presentadas con anterioridade a este concurso e non poderán ter gañado ningún premio noutros concursos ou certames.