CULTURA
Martes 31 de outubro do 2006
O Pazo da Cultura de Carballo acolle este martes e mércores as dúas últimas representacións da XV edición do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT. Este martes, 31 de outubro, é o turno da compañía vasca Tanttaka Teatroa , coa obra El florido pensil. O mércores, 1 de novembro, será a compañía madrileña de Miguel Narros a que achegue ao Pazo da Cultura ¡Ay Carmela!. Dúas obras de enorme prestixio e que porán o broche de ouro a esta nova edición do FIOT. As dúas funcións comezarán ás 21,00 horas e as entradas para ambas está xa esgotadas.
CULTURA
Luns 30 de outubro do 2006
Silvia Muñiz, de Sanxenxo, foi a gañadora da sexta edición do Certame de Dramatización de Monólogos Cómicos Outono de Teatro, celebrado o pasado venres no Pazo da Cultura. Co monólogo De dieta en dieta, a gañadora conseguiu un premio de 500 euros, ante a presenza de preto de 200 persoas.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 30 de outubro do 2006
A Xunta de Goberno Local procedeu á concesión, na xuntanza celebrada este luns, de tres licenzas de obra para outros tantos edificios en Carballo. A suma total das vivendas que albergarán os catro edificios é de 52. Trátase dun edificio na estrada de Razo, de 23 vivendas, outro na avenida de Fisterra, de 14 vivendas, e outro na rúa das Camelias, de 15 vivendas. Ademais, aprobouse a licenza para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Requeixo, en Bértoa.
POLÍTICA TERRITORIAL
Luns 30 de outubro do 2006
A Consellería de Política Territorial ven de notificar ao Concello de Carballo a orde pola que se aproba, definitivamente, o proxecto de modificación puntual nº 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, relativa á normativa Garaxes Obrigatorios. A modificación formulada polo Concello de Carballo, no seu día, tiña por finalidade modificar a normativa do Plan Xeral que regula os garaxes obrigatorios na zona residencial intensiva, vivienda plurifamiliar, coa finalidade de incluir algunhas excepcións a esta obriga.
CONVOCATORIA
Venres 27 de outubro do 2006
O vindeiro luns, 30 de outubro, celebrarase a sesión plenaria ordinaria deste mes de outubro. A corporación municipal debatirá os nove puntos que inclúe a orde do día, nunha sesión que recollerá o pésame polo pasamento de Manuel Bello Pallas, ex alcalde do Concello de Carballo. O pleno dará comezo ás 20,30 horas no Salón de Sesións da Casa do Concello.
CULTURA
Venres 27 de outubro do 2006
O Pazo da Cultura acolle este venres, a partir das 21,00 horas, a final do VI Certame Galego de Dramatización de Monólogos Cómicos Outono de Teatro, no que participan seis finalistas de diferentes zonas de Galicia que poñerán en escea os seus monólogos cómicos de propia creación. Os finalistas son Pedro Brandariz, de San Pedro de Nós, co monólogo P.G.U., Silvia Muñiz, de Sanxenxo, co monólogo De dieta en dieta, Francisco Campos, de Cuntis, co monólogo O cura merino, José Carlos Muñoz, de Culleredo, co monólogo Los reyes magos y sus regalos, Iago López, de Ourense, co monólogo As Virxes e Fernando González, de Ourense, co monólogo Os meus vicios.
CULTURA
Venres 27 de outubro do 2006
O Pazo da Cultura de Carballo volve a izar o telón esta fin de semana con dúas novas obras do Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, a representar o sábado e o domingo. O sábado 28 será o turno da compañía madriñeña Arrieritos, coa obra 13 rosas, e o domingo 29 serán os manchegos de Teatro de Malta os que leven ao Pazo da Cultura Hazmereir, unha obra non recomendada para menores de 12 anos. As dúas funcións comezarán ás 21,00 horas.
TRABALLO
Xoves 26 de outubro do 2006
O Pazo da Cultura e o Centro Municipal de Formación acolleron este xoves un total de oito ponencias no marco da celebración das IV Xornadas Técnicas e de Saúde Laboral. Os temas que se trataron nos diferentes actos foron os Sistemas de Xestión de Calidade, Fachadas Ventiladas, Procedementos e Cualificacións na homologación de soldadores, Envolventes e Interruptores, a Nova Lexislación de repintado automoción do ano 2007, Impermeabilizacións con lamas sintéticas, Lámpadas Incandescentes, Fluorescentes e Descarga, Aluminio en Cerramentos e A madeira como elemento estructural. Tódalas charlas contaron con expertos na materia, representado a outras tantas entidades.
CULTURA
Xoves 26 de outubro do 2006
O vindeiro 8 de novembro remata o prazo de admisión dos traballos que desexen participar no IX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras e as fotografías realizaranse en branco e negro, sendo o tema das obras libre. As fotografías non poderán ter sido presentadas con anterioridade a este concurso e non poderán ter gañado ningún premio noutros concursos ou certames.
MULLER
Xoves 26 de outubro do 2006
A Sala de Xuntas da Casa do Concello acolleu este xoves a presentación do Clube Emprego Muller, unha iniciativa de Coruña Solidaria financiada pola Xunta de Galicia a través dos Programas de Cooperación. O Clube Emprego Muller é un espazo aberto, participativo, non directivo e solidario, co fin de prestarlles apoio, asesoramento e atención directa ás mulleres sobre temas vencellados co emprego. Estará ubicado nas antigas escolas do Xardín, na rúa Desiderio Varela, e comezará a funcionar o vindeiro 6 de novembro durante todo un ano.
CONVOCATORIA
Mércores 25 de outubro do 2006
Este mércores, 25 de outubro, celebraranse as comisións informativas de Acción Social, Participación e Persoal e de Asuntos Económicos e Especial de Contas, previas á sesión plenaria ordinaria do vindeiro luns. A comisión informativa de Acción Social, Participación e Pesoal comezará ás 18.30 horas, mentres que a Asuntos Económicos e Especial de Contas comezará ás 18.45 horas.
ENSINO
Mércores 25 de outubro do 2006
O Concello de Carballo rematou a instalación, nos colexios e escolas do rural, de novos xogos adaptados á normativa actual para o aproveitamento dos máis pequenos. A intención do Concello é a de ir ampliando os xogos cando haxa máis orzamento, co ánimo de engadir máis das dúas pezas que se foron colacando na maioría dos centros de ensino. En total colocáronse 16 bambáns de dous asentos, catorce balancíns con resortes e dous tobogáns.