PATRIMONIO
Martes 7 de novembro do 2006
O Concello de Carballo remitirá esta mesma semana á delegación provincial de Cultura e Deporte tres proxectos e un anteproxecto de posta en valor de diversos recursos patrimoniais do concello. Son o dolmen de Aldemunde, Castro de Ouxas, Castro de Serantes e Ponte Lubiáns. A remisión dos proxectos débese á necesidade de obter o visto bo da administración autonómica para realizar as actuacións, que preseguen facilitar a súa localización, interpretación e difusión como un conxunto de recursos de interese histórico e cultural.
DEPORTE
Luns 6 de novembro do 2006
O Padroado Deportivo Municipal ven de convocar as axudas aos desprazamentos dos clubs, entidades, asociacións deportivas e deportistas individuais non profesionais que participen en competicions deportivas no ambito autonómico da tempada 2005 / 2006. A convocatoria ten por obxecto establecer o réxime de concesión de subvencións a clubes deportivos, entidades deportivas, asociacións deportivas e deportistas individuais con licenza federativa de Galicia que participen en diferentes competicións no ámbito autonómico durante a tempada anterior á do presente exercicio como axuda para os desprazamentos.
SERVIZOS
Luns 6 de novembro do 2006
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ven de confirmar unha achega económica de 12.000 euros para a dotación de novos xogos para os parques infantís do concello. A subvención resposta a unha solicitude da concellería de Servizos e Mantemento do Concello de Carballo, a raíz da convocatoria dunha liña de axudas da Vicepresidencia da Xunta, co obxectivo de mellorar a seguridade e calidade dos parques infantís e adaptalos á nova normativa. As actuacións previstas polo Concello faranse no parque do Anllóns, coa dotación de novos xogos que completarán aos xa existentes nese lugar.
MULLER
Luns 6 de novembro do 2006
Este luns, 6 de novembro, ven de comezar a funcionar en Carballo o Clube Emprego Muller, unha iniciativa de Coruña Solidaria financiada pola Xunta de Galicia a través dos Programas de Cooperación. O Clube Emprego Muller é un espazo aberto, participativo, non directivo e solidario, co fin de prestarlles apoio, asesoramento e atención directa ás mulleres sobre temas vencellados co emprego. O clube Emprego Muller está ubicado nas antigas escolas do Xardín, na rúa Desiderio Varela e o horario de atención ás usuarias é de luns a venres, de 10,00 a 13,30 horas, e os martes e xoves tamén de 16,00 a 18,00 horas.
BALANCE MENSUAL
Venres 3 de novembro do 2006
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 15 emerxencias durante o pasado mes de xullo, que fixo un total de 124 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 6 por accidentes de tráfico e limpezas, 2 por limpeza de estradas, 2 anegamentos, un escate de gas e unha excarceración.
TURISMO
Venres 3 de novembro do 2006
A Sala de Xuntas do Concello de Carballo acolleu este venres a presentación do novo rueiro de Carballo, unha iniciativa conxunta do Concello e o Centro Comercial Aberto. Trátase dun plano da localidade, coa nova nomenclatura das rúas, e que inclúe unha pequena guía turística cos establecementos hosteleiros, aloxamentos e lugares de interese de Carballo. A tirada inicial do novo rueiro é de 25.000 exemplares, aínda que a previsión é a de editar outros 25.000 para completar unha tirada de 50.000 mostras.
ENSINO
Venres 3 de novembro do 2006
O Concello de Carballo puxo en marcha nos colexios Fogar, Bergantiños e Cristina o programa Concilia, unha iniciativa da Concellaría de Muller, Sanidade e Emigración que pretende conciliar a vida laborar e familiar, permitíndolles ás nais e aos pais deixar aos seus fillos e fillas no centro de ensino desde as 7.30 horas até o comezo da xornada escolar. O Concello fixo entrega días atrás, aos centros de ensino que participan da iniciativa, da información do programa para as nais e pais dos alumnos e alumnas. O prazo para participar do programa Concilia segue aberto para os interesados.
PLENO EXTRAORDINARIO
Xoves 2 de novembro do 2006
A corporación municipal de Carballo reuniuse este xoves, 2 de novembro, en sesión plenaria extraordinaria e urxente, convocatoria motivada pola aprobación das obras para incluír no Plan de obras e servizos adicional 2/2006 e no Plan de investimentos locais adicional 1/2005. En total son tres as actuacións incluídas en ambos os plans e o prazo máximo para presentar a documentación na Deputación Provincial da Coruña remata o vindeiro venres, 3 de novembro.
CULTURA
Xoves 2 de novembro do 2006
O Festival Internacional Outono de Teatro baixou o telón coas dúas últimas representacións que acolleu o Pazo da Cultura. El florido pensil e ¡Ay Carmela! encheron o auditorio carballés e confirmaron o grande éxito do Festival, tanto de aceptación do público como no programa ofrecido. Este estivo formado por obras de pequeno, mediano e grande formato, de corte comercial e alternativo, teatro de emoción ou da reflexión, da palabra ou do xesto, cunha pluralidade que ofreceu unha perspectiva global do teatro que se está a realizar na actualidade.
CULTURA
Xoves 2 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura colleu este xoves a presentación dunha nova edición do Novembro con Música do Concello de Carballo, que se vai desenvolver durante todo o mes na localidade con varios concertos que acollerá o Pazo da Cultura. O Concello oferta actuacións xa consolidadas, como a celebración do Sons de aquí, o Festival de Corais ou Santa Cecilia, ademais dos concertos didácticos e En familia, unha ocasión para que os máis pequenos gocen coas súas familias de actuacións deseñadas para tal fin. Unha das principais novidades será o poder escoitar unha ópera en galego, Bastián e Bastiana de W. A. Mozart, que foi estreada no Festival Mozart da Coruña. A programación deste ano mestura a música clásica, o jazz e o folk.
SAÚDE LABORAL
Martes 31 de outubro do 2006
O Centro de Formación e o Pazo da Cultura acolleron este martes, 31 de outubro, a s últimas ponencias das IV Xornadas Técnicas e de Saúde Laboral, que durante cinco días se desenvolveron co obxectivo non só de mellorar a cualificación profesional e técnica do alumnado, senón tamén de mellorar a empregabilidade dos nosos mozos e mozas, dándolle a coñecer as novidades técnicas en cada especialidade e as diferentes modalidades e políticas de acceso ao emprego, ademaís da normarica sobre seguridade e saúde laboral. En total participaron 21 entidades e unha trintena de poñentes.
CULTURA
Martes 31 de outubro do 2006
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Xosé Luis Bará, oficia este martes unha visita ao concello para, entre outros asuntos, comprobar o estado das obras do Centro Social de Berdillo. As obras de acondicionamento do local comezaron o pasado 20 de setembro, logo de que os traballos do proxecto básico e de execución, nas súas tres fases, foran adxudicados por importe de 232.913’92 euros. A primera fase céntrase na primeira pranta, con actuacións de carpintería interior e exterior, remate das fachadas e revestimento exterior. A segunda e terceira fase contemplan a dotación de pavimento e paredes e teito.