ACCESIBILIDADE
Luns 13 de novembro do 2006
O Cocello de Rábade, por unanimidade do xurado, ven de conceder ao Concello de Carballo o I Premio Galego á Eliminación de Barreiras Arquitectónicas Manuel Ignacio Piñeiro. A Asociación de Minusválidos Íntegro foi a que fixo a proposta no seu día, xa que unha das condicións da presentación de candidaturas era que tiña que vir da man dunha asociación integrada en COGAMI. Desde o ano 2003, o Concello de Carballo ten potenciado a tarefa da eliminación das barreiras arquitectónicas dentro do termo municipal, a nivel urbanístico e no interior dos edificios, tanto públicos coma privados.
VISITA
Domingo 12 de novembro do 2006
A delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo, visita este martes Carballo. Esta visita sucede á última que fixo o pasado mes de novembro, para inaugurar a Feira das Asociacións celebrada no Xardín Municipal. O obxecto da de hoxe, prevista para as 17,00 horas, é a de visitar diferentes puntos do concello relacionados coa actividade que se desenvolve desde a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
URBANISMO
Domingo 12 de novembro do 2006
Este mércores, 13 de novembro, vólvese a reunir a mesa de contratación que analiza o proxecto presentado para a reforma do mercado municipal e contrucción dun aparcamento soterrado no entorno da Praza do Concello. O goberno municipal xa declarou no seu día a intención de propoñer á mesa que declare deserto o concurso e convocar un concurso de ideas para o mercado. A xuntanza terá lugar na Casa do Concello a partir das 13,00 horas.
CONVOCATORIA
Venres 10 de novembro do 2006
A Xunta de Goberno Local reúnese o vindeiro luns, 13 de novembro, en sesión ordinaria na Sala de Xuntas da Casa do Concello. A orde do día inclúe, para a súa aprobación, as certificacións cuarta e última da obra ‘Beirarrúas en Xoane, parroquia de Goiáns’, a primeira da obra ‘Rede de saneamento en Espiño e Ramil’ e a única da obra ‘Afrimado de camiños en Berreiros e Xoane’. Ademáis, inclúese a modificación das bases xerais para a selección de prazas de funcionarios/as de carreira, incluídas na oferta de emprego público do Concello de Carballo para o ano 2006, e a aprobación das bases específicas e convocatoria para cubrir en propiedade unha praza de técnico de administración xeral (urbanismo), incluida na oferta de emprego público do Concello de Carballo para o ano 2006.
CULTURA
Venres 10 de novembro do 2006
Logo da saída do grupo Luar na Lubre, a cantante e violoncelista Rosa Cedrón actuará o vindeiro domingo 12 no Pazo da Cultura de Carballo, xunto co grupo Doa, que forman Xan Piñón, Bernardo Martínez e Xaquín Blanco. Baixo o nome de Cantigalia, Rosa Cedrón e Doa achegarán unha escolma de temas que tiveron éxito nos discos desta formación. O concerto, incluido na programación do Novembro con Música do Concello de Carballo, comezará ás 20,00 horas e conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Deportes e o IGAEM.
MEDIO AMBIENTE
Venres 10 de novembro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Pan, presentaron este venres a análise do prefiagnóstico de situación medioambiental do concello e accións previstas pola concellería de Medio Ambiente. Trátase dun documento realizado pola empresa IDOM, a través do Proxecto Turmas, para o cal a empresa traballou a recopilación de datos de todo tipo, relacionados coa poboación, datos estatísticos, diferentes normativas e planificacións vixentes, e entrevistas tanto a nivel técnico como político, así como con representantes de diversas empresas e colectivos empresarias e sociais.
CULTURA
Xoves 9 de novembro do 2006
Con motivo das vindeiras Festas de Nadal, e como ven sendo habitual, o Concello de Carballo convoca o Concurso de Carteis e Postais de Nadal, dirixido a todos os nenos e nenas do concello. As obras poden presentarse até o venres 1 de decembro ás 14,00 horas, debendo realizarse a entrega dos traballos nas oficinas da Concellería de Cultura, no Pazo da Cultura.
SANIDADE
Xoves 9 de novembro do 2006
O Centro de Saúde de Carballo contará cun cuarto pediatra de forma provisional, segundo confirmou esta mañán a xerente de Atención Primaria da área A Coruña-Ferrol, María Jesús Cerecedo, ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e á concelleira de Muller, Sanidade e Emigración, Dolores Silveira, nunha xuntanza mantida en A Coruña. A medida será provisional, xa que no concurso de traslados existe un cuarto pediatra para o Centro de Saúde, pero a vacante non foi cuberta.
URBANISMO
Xoves 9 de novembro do 2006
A mesa de contratación que examina a proposta presentada ao proxecto do aparcamento soterrado e edificio comercial na Praza do Concello, decidiu solicitar asesoramento externo para facer unha valoración técnica e económica do mesmo. Así se determinou na xuntanza celebrada este xoves, na que se procedeu á apertura dos sobres 2 e 3 -da oferta técnica e económica- e que se prolongou por espazo de dúas horas. A proposta analizada é a aportada pola Unión Temporal de Empresas formada por Construcciones Aldesa, de Madrid, e Inversiones Benal, de A Coruña.
SANIDADE
Mércores 8 de novembro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Muller, Sanidade e Emigración, Dolores Silveira, manterán este xoves, 9 de novembro, unha xuntanza coa xerente de Atención Primaria da Coruña. O motivo da reunión, prevista para as 10,00 horas na cidade herculina, é a de analizar a situación sanitaria actual de Carballo.
URBANISMO
Mércores 8 de novembro do 2006
Este xoves, 9 de novembro, vólvese a reunir a mesa de contratación que analiza o proxecto presentado para a reforma do mercado municipal e contrucción dun aparcamento soterrado no entorno da Praza do Concello. A viabilidade da actuación depende de que a oferta da UTE Benal-Aldesa se axuste aos requisitos do prego de condicións. A reunión da mesa servirá para analizar a documentación técnica do proxecto, incluida no sobre número 2. A xuntanza comezará ás 12,30 horas.
TURISMO
Martes 7 de novembro do 2006
O Concello de Carballo ven de realizar as tarefas de limpeza na parcela destinada para área de servizos para autocaravanas. Logo de limpar a zona, procedeuse a botar terra e, próximamente, acondicionarase con herba. A medida responde a unha das propostas recollidas no Plan de Dinamización Turística e dase resposta así á solicitude que facía a Deputación da Coruña o pasado mes de agosto.