CULTURA
Venres 22 de decembro do 2006
Este sábado, a partir das 18.00 horas, os e as maiores do concello poderán gozar dunha festa baile de Nadal no Pazo da Cultura. A actividade, organizada pola Concellaría de Terceira Idade, está incluída na programación do Nadal Cultural do Concello de Carballo. O mesmo sábado, a partir das 18.30 horas, a AX Chiriminguai organiza outro festival de Nadal, con xogos e merenda, nos baixos da igrexa de San Cristovo. Son dúas das actividades máis interesantes dun programa que, ademais, oferta outros actos que se van desenvolver na fin de semana previa á Noiteboa.
MEDIO AMBIENTE
Venres 22 de decembro do 2006
A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo está a proceder, durante estes días, á limpeza e roce dos noiros e baldíos do casco urbano da localidade. Trátase da maleza dos solares que invade as beirarrúas e que pode chegar a impedir o tránsito normal dos peóns.
INDUSTRIA
Xoves 21 de decembro do 2006
Esta semana está prevista a publicación no DOG do estudo de impacto ambiental do Polígono Industrial de Bértoa. Unha vez teña lugar este requisito, só faltará o informe definitivo de Urbanismo para que o Consello da Xunta aprobe o proxecto e poidan iniciarse as obras da segunda fase. Trátase dunha superficie de 740.000 metros cadrados.
DEPORTE
Xoves 21 de decembro do 2006
O Concello de Carballo dispón de 50 entradas para os veciños e veciñas da localidade interesados/as en asistir ao partido que, o vindeiro 28 de decembro, disputarán a Selección Galega de fútbol coa de Ecuador. O encontro terá lugar no estadio de Riazor, na Coruña, e as persoas interesadas en conseguir unha entrada deberán presentar unha solicitude no Concello de Carballo, e poderán recoller o modelo destas nas propias dependencias municipais a partir do venres, 22 de decembro.
CULTURA
Xoves 21 de decembro do 2006
O Museo de Bergantiños acolle esta tarde de xoves, a partir das 20,00 horas, a inauguración da exposición Granell en papel. Trátase dunha mostra de Eugenio Fernández Granell, composta dunha colección de debuxos reunidos pola Fundación Granell de Santiago e Caixanova. A exposición está patrocinada pola Deputación da Coruña e achegará a obra deste artista realizada en papel e as diferentes técnicas que empregou sobre ese material. Trátase dunha mostra cronolóxica na que se ofrecen os primeiros debuxos do autor, dos anos corenta, pasando polos seus cambios de estilo nas décadas dos cincuenta, sesenta, setenta e oitenta.
CULTURA
Mércores 20 de decembro do 2006
O Salón de Plenos do Concello de Carballo foi escenario da entrega de premios do concurso de postal e cartel de Nadal. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu un acto ao que asistiron os nenos e nenas premiados, os seus familiares e membros do xurado. O gañador do concurso foi Yago Bello Romero, de cinco anos e do C.E.I.P. Fogar e, en segundo lugar, quedou Nerea Teijeiro Andrade, de seis anos e tamén do C.E.I.P. Fogar
OBRAS
Mércores 20 de decembro do 2006
Este mércores veñen de comezar as obras de construcción dunha rotonda entre as rúas Sol, Santa Ana, Oriente, Vila de Negreira e Milagrosa. Os traballos foron adxudicados á Unión Temporal de Empresas GAOS Contratas y Construcciones SL e Obras y Contratas AEDES SL, no prezo de 157.979,70 euros. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.
DEPORTE
Mércores 20 de decembro do 2006
O Concello de Carballo e a Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia asinarán, o vindeiro mes de xaneiro, un convenio de colaboración para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de As Eiroas. A inversión prevista para acometer os traballos é de 500.000 euros, dos que o 80% financiarase con cargo aos Orzamentos da Xunta e, o resto, correrá a cargo do Concello. Así quedou de manifesto na visita que o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, realizou este martes a Carballo.
TRANSPORTE
Martes 19 de decembro do 2006
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, coa finalidade de intentar reducir a siniestralidade naqueles horarios e datas especialmente vinculados coa mocidade e o ocio nocturno, vai por en marcha, durante os días 22, 23, 29, 30 e 31 de decembro e 5 e 6 de xaneiro, o servizo coñecido como Noitebús Nadal. Trátase dunha continuación da experiencia piloto desenvolvida entre os meses de xullo e agosto deste ano e, nesta ocasión, o concello de Carballo está incluido dentro da ruta A Coruña-Arteixo-Laracha-Carballo.
PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Martes 19 de decembro do 2006
O Concello de Carballo acolleuse, un ano máis, á Campaña de Esquí que, para nenos e nenas de 10 a 13 anos, organiza a Deputación da Coruña. A actividade está enmarcada dentro da programación deportiva do ente provincial para o ano 2007 e desenvolverase, no caso das rapazas e rapaces de Carballo, entre o 3 e o 10 de febreiro. As idades dos rapaces participantes son para os que naceron entre o 4 de febreiro de 1993 e o 3 de febreiro de 1997, e é imprescindible que sexan veciños do Concello de Carballo.
DEPORTE
Martes 19 de decembro do 2006
O Pavillón da Zona Escolar será escenario, o vindeiro 30 de decembro, do primeiro Maratón de Fútbol Sala feminino Concello de Carballo. O evento presentouse este martes na Casa do Concello, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García, e o coordinador das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz, organizador do torneo, José Ramón Torres Pichel. O maratón contará coa presenza de nove equipos, ademais de tres partidos de exhibición nas categorías alevín, infantil e cadete.
CULTURA
Luns 18 de decembro do 2006
O Nadal Cultural do Concello de Carballo ofrece durante esta semana unha grande cantidade de actividades de ocio para disfrute dos veciños da localidade. Os nenos volverán a ser os grandes protagonistas das festas, con actos como a entrega de premios do Concurso de Postal e Cartel de Nadal, o mércores as 11,30 horas na Casa do Concello, a visita de Papá Noel ás Escolas Unitarias o mércores e xoves, ou o obradoiro Carta para os Reis Magos que acollerá a Ludoteca Municipal o venres 22, de 18,00 a 19,30 horas. Esta última actividade terá continuidade os días 26 e 28 de decembro e 4 de xaneiro.