MULLER
Mércores 31 de xaneiro do 2007
Desde este mércores, 31 de xaneiro, o Centro de Información á Muller, situado até o momento na rúa Camiño Novo, pasa a ter as súas dependencias na área de Servizos Sociais, situadas na pranta baixa do edificio do Concello de Carballo. O CIM manterá o horario de atención ao público que viña ofrecendo ás usuarias. Para consulta coa asesoría xurídica do CIM é indispensable solicitar cita previa. Os teléfonos de atención ao público seguen a ser os números 981700688 e 638123460.
SERVIZOS
Mércores 31 de xaneiro do 2007
Operarios da Brigada de Obras do Concello de Carballo, especialistas en xardinería, veñen de rematar o proceso de poda das árbores dos parques, zonas urbáns e áreas escolares da localidade. Logo deste proceso vaise a proceder a unha nova actuación sobre os macizos de flor das zonas verdes, á espera da entrada da primavera.
CULTURA
Mércores 31 de xaneiro do 2007
O escritor Diego Ameixeiras conversará hoxe no Pub Silfo de Carballo, a partir das 20,30 horas, cos lectores e lectoras do seu libro Tres segundos de memoria. A actividade enmárcase dentro do proxecto Literactúa, polo que o Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, adquire o compromiso de fomentar o libro e a lectura en galego. Literactúa nace coa vontade de estabilizar e darlle continuidade a ese fomento do libro e da lectura en galego e de englobar e tecer pontes entre outras propostas que xa se desenvolven desde o Concello. A proposta concreta consiste en propor, para cada trimestre, a lectura de tres libros, un por mes. O último mércores de cada mes, o autor ou a autora do libro proposto virá a Carballo para participar nun acto de conversa cos seus lectores e lectoras nun estabelecemento hostaleiro da localidade. O programa distribúese en tres trimestres: xaneiro, febreiro e marzo; abril, maio e xuño e setembro, outubro e novembro.
PLENO
Martes 30 de xaneiro do 2007
Manuel Trigo renunciou, na sesión plenaria ordinaria celebrada onte luns no Concello de Carballo, ao seu cargo de concelleiro da corporación municipal. O xa ex edil socialista foi despedido con palabras de eloxio polas diferentes formacións políticas do concello. O seu lugar no Salón de Plenos, até o remate da lexislatura, ocuparao Pedro Luis Fernández Pombo.
CULTURA
Martes 30 de xaneiro do 2007
A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, ven de convocar para o vindeiro xoves, 1 de febreiro, unha reunión na que se constituirá a Comisión de Festas San Xoan 2007. Esta encargarase da organización da celebración festiva con máis proxección de Carballo, ademáis de ser unha das máis importantes de toda a comarca de Bergantiños.
INDUSTRIA
Martes 30 de xaneiro do 2007
Logo da inauguración, o pasado venres, so Viveiro de Empresas de Carballo, xa é posible solicitar espazo no mesmo. Para tal fin, é necesario tramitar un modelo de solicitude que os interesados poderán atopar na web da antena local de Carballo. Asimesmo, pódese atopar disponible o regulamento que rexerá o funcionamento do citado Viveiro.
CULTURA
Luns 29 de xaneiro do 2007
O Pazo da Cultura acollerá, até o vindeiro 4 de febreiro, a exposición do IX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, logo de que a Concellería de Cultura veña de prorrogar a súa permanencia no Pazo da Cultura. A mostra, composta polas obras premiadas do certame, pode visitarse en horario de 18,00 a 21,00 horas.
CULTURA
Luns 29 de xaneiro do 2007
Este luns, 29 de xaneiro, ven de abrirse o prazo para participar do Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas, convocado polo Concello de Carbllo a través da Concellería de Cultura. O obxecto do concurso é o de promocionar unha das festas tradicionais máis celebrada do concello como é o Antroido. O concurso celebrarase o domingo 18 de febreiro ás 18,00 horas na Praza do Concello e poderán participar todos os nenos/as ou aldultos que se inscriban nos prazos e lugares correspondentes.
CONVOCATORIA
Luns 29 de xaneiro do 2007
A corporación municipal do Concello de Carballo reúnese este luns, a partir das 20,30 horas, en sesión plenaria ordinaria no Salón de Plenos da Casa do Concello. Sete puntos conforman a orde do día da sesión, na que figura a renuncia do concelleiro do grupo municipal do PSOE, Manuel Trigo ao seu cargo do Concello. O seu lugar na corporación ocuparao Pedro Luis Fernández.
CULTURA
Venres 26 de xaneiro do 2007
As compañías Teatro do Atlántico e Teatro Español de Madrid achegan esta fin de semana dous espectáculos teatrais ao Pazo da Cultura, actuacións englobadas na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. Teatro do Atlántico representa este venres, a partir das 21,00 horas, A raíña da beleza de Leenane, mentres que Teatro Español de Madrid representará a obra Romeo y Julieta o domingo, 28 de xaneiro, a aprtir das 18,00 horas, actuación que pertence ao ciclo En familia.
MULLER
Venres 26 de xaneiro do 2007
Durante este venres, 26 de xaneiro, e o vindeiro luns, 29 de xaneiro, procederase ao traslado do Centro de Información á Muller, situado até o momento na rúa Camiño Novo, ás dependencias de Servizos Sociais, situadas na pranta baixa do edificio do Concello de Carballo. O vindeiro martes, 30 de xaneiro, o centro de Información á Muller xa funcionará plenamente na súa nova ubicación.
INDUSTRIA
Venres 26 de xaneiro do 2007
Ante unha nutrida representación de empresarios e coa presenza das administracións autonómica, provincial e municipal, este venres inaugurouse no polígono industrial de Bértoa o Viveiro de Empresas de Carballo. No acto de inauguración tomaron parte o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director xeral da Cámara de Comercio de A Coruña, Gonzalo Ortiz, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. O Viveiro de Empresas inaugurado conta cunha supreficie de 780 metros cadrados e acollerá a 18 emprendedores e empresarios. Está especialmente deseñado para acoller empresas de nova creación durante os primeiros anos de vida e nel os emprendedores poderán dispor dunhas instalacións e servizos adaptados ás súas necesidades, proporcionándolles a cobertura básica que lles permita por en marcha o seu negocio e mellorar as súas expectativas de supervivencia empresarial.