MAIORES
Venres 2 de marzo do 2007
A Vicepresidencia da Xunta inventirá 168.513 euros en diversas actuacións coas que se mellorará a seguridade e habitabilidade da residencia de maiores de Carballo. Así se puxo de manifesto na comparecencia que, na propia residencia, facían este venres o secretario xeral e de Relacións Institucionais, Antón Losada, a delegada provincial, Tereixa Novo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O proxecto de mellora está na actualidade en fase de redacción e terá un prazo de execución de seis meses. A Xunta de Goberno Local ven de aprobar a permuta do terreo próximo á residencia, que porá a disposición da Vicepresidencia da Xunta para a acometer a ampliación do edificio. As previsión falan da posibilidade de facer a obra no ano 2008.
ENSINO
Xoves 1 de marzo do 2007
A profesora da Universidade de Vigo, María Xesús Enguídanos Floriani, especialista en educación infantil e psicomotricista, ofrecerá este venres, 2 de marzo, a cuarta das charlas do ciclo Aprender para Educar, que o Concello de Carballo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación da Coruña están a por en funcionamento na localidade. O programa supón un lugar de encontro e formación dirixido a pais e nais e que ten como obexctivo o reforzo da familia como marco fundamental da educación e como elemento de desenvolvemento da personalidade. A cuarta conferencia do ciclo celebrarase no Pazo da Cultura, a partir das 20,00 horas.
MULLER
Xoves 1 de marzo do 2007
O Clube Emprego Muller organiza, para este mes de marzo, dous obradoiros sobre a Búsqueda de emprego a través de internet e O autoemprego como alternativa. O primeiro celebrarase no Clube Emprego Muller os días 6, 8 e 9 de marzo, a partir das 10,00 horas. O segundo terá lugar no Pazo da Cultura o día 14 de marzo, a partir tamén das 10,00 horas. Neste obradoiro de O autoemprego como alternativa participará a axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Carballo, Paula Lema, ademáis dunha empresa de mulleres de lechadoras de Santa Comba.
CONVOCATORIA
Xoves 1 de marzo do 2007
A Xunta de Goberno Local de Carballo obordará o vindeiro luns, 5 de marzo, a partir das 13,30 horas, unha nova sesión ordinaria na que se contempla a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Consellería de Cultura e Deporte para a substitución da herba artificial e rede de rego no campo de fútbol das Eiroas. Na relación de convenios, tamén figura outro coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para o acondicionamento da estrada Carballo - Malpica, no tramo que afecta ao concello. A orde do día recolle tamén outro convenio con Manuel Jesús Souto para participación no Campionato Galego de autocross e Campionato de España de Rallys e a dación de conta do acordo de prórroga ao convenio de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Carballo que desenvolve programas de tratamento de drogodependencias.
SESIÓN PLENARIA
Mércores 28 de febreiro do 2007
A corporación municipal de Carballo aprobou por unanimidade, na sesión plenaria ordinaria deste mes de febreiro, o anteproxecto de saneamento en Razo. Segundo anunciou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, Augas de Galicia acometerá a obra este mesmo ano, mentres que o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, engadiu que existe un acordo co propietario para a ubicación da depuradora e que en dúas semanas estará todo feito.
TURISMO
Mércores 28 de febreiro do 2007
Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, adica este día 28 de febreiro ao Concello de Carballo, coincidindo coa inauguración do evento en Expourense. O Salón Galego de Gastronomía e Turismo cumple a súa oitava edición, que se prolongará até o 4 de marzo. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Pan, acudiron á inauguración, ao igual que o presidente da Asociación de Hosteleiros de Bergantiños, Manuel Gómez Eiroa.
ECONOMÍA
Mércores 28 de febreiro do 2007
O Pazo da Cultura acolle mañán xoves, 1 de marzo, a presentación do Estudo Socioeconómico da bisbarra de Bergantiños, elaborado pola Fundación para o Estudo e a Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galicia (FESGA), en colaboración coa Deputación da Coruña. No acto están presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o presidente da Comisión de Promoción Económica, Turismo e Emprego da Deputación Provincial, Pablo Villamar, Manuel Mera, director de FESGA, Paulo Carril, secretario comarcal da UC da CIG de A Coruña e Indalecio López, secretario da Unión Local da CIG de Carballo. O acto comezará ás 20,00 horas.
CULTURA
Martes 27 de febreiro do 2007
A novela Herba Moura, de Teresa Moure, segunda das propostas do programa Literactúa do Concello de Carballo, será a protagonista da charla que a autora da mesma manterá este mércores 28 de febreiro ás 20.30 h no Café Valle Inclán de Carballo, cos seus lectores. A autora estará acompañada por Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Logo da primeira experiencia do proxecto, coa obra Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras, tócalle o turno a esta novela, gañadora do Premio Xerais de Novela 2005, que nos traslada, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil -nunha perspectiva inédita do filósofo- e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entráñabel meiga residente en Amsterdam.
CULTURA
Martes 27 de febreiro do 2007
O Pazo da Cultura de Carballo acolleu este martes a presentación do Circuito 4x4 que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte. No acto estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a delegada provincial de Cultura e Deporte, Milagros Lantes. O Concello de Carballo optou polo ciclo de Canción de autor, con catro concertos a desenvolver os días 2, 16 e 23 de marzo e 20 de abril. O encargado de abrir o circuito será o grupo Nordestin@s, este venres a partir das 21,00 horas no Pazo da Cultura. Con posterioridade serán Espido, Xabier Díaz e Marful os que actúen no edificio multiusos do concello.
CONVOCATORIA
Luns 26 de febreiro do 2007
A corporación municipal de Carballo reúnese este luns, 26 de febreiro, en sesión plenaria ordinaria. A orde do día da mesma contempla a toma de posesión do concelleiro do grupo político municipal do PSdeG-PSOE, Pedro Luis Fernández Pombo, logo da renuncia ao seu cargo de concelleiro de Manuel Trigo. A sesión plenaria comezará ás 20,30 horas e a orde do día conta con nove puntos para o seu debate.
LIMPEZA
Luns 26 de febreiro do 2007
O Concello de Carballo sancionará próximamente a unha empresa da localidade pola mala distribución de publicidade. Dase a circunstancia de que o Concello xa avisara a dita empresa do mal uso da publicidade e que, nesta ocasión, se atopaba en coches aparcados nas rúas. O Concello de Carballo insiste na necesidade de cumplir a ordenanza de limpeza, na que se prohíbe a realización desta práctica.
MEDIO RURAL
Luns 26 de febreiro do 2007
O Concello de Carballo asinará este martes, 27 de febreiro, un convenio coa Consellería do Medio Rural para a participación na protección de núcleos rurais mediante a realización de traballos de prevención e defensa contra incendios forestais nas faixas de especial protección. O obxecto do convenio é o de protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación fronte a estes sinistros. Segundo recolle o mesmo, realizaranse estas actuacións alomenos en dez núcleos de poboación e nun máximo de 45 hectáreas subvencionables. A achega máxima anual da Consellería de Medio Rural será de 34.875 euros.