TECNOLOXÍA
Xoves 8 de marzo do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo o pasado mércores un encontro en As Pontes coa deputada provincial do BNG, Raquel Jabares, na que comprobou as vantaxes da aplicación do proxecto Cidades Dixitais para a modernización da administración local. O Concello de Carballo participará na segunda fase do proxecto, que deberá ser aprobado polo Ministerio de Industria. Éste realizou a convocatoria para este tipo de actuacións no prazo máximo de dous meses. Na xuntanza participaron tamén o alcalde de As Pontes, Víctor Guerreiroe o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán.
CULTURA
Mércores 7 de marzo do 2007
A oferta cultural dos Venres Culturais do Concello de Carballo reforzarase cunha incorporación que non estaba incluida na proposta presentada no mes de xaneiro. O sábado 17 de marzo a compañía coruñesa Casa Hamlet representará o espectáculo Contos Troianos, unha versión da guerra de Troia adaptada polo director da compañía, Manuel Lourenzo. A actuación forma parte da colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.
MULLER
Mércores 7 de marzo do 2007
A proxección da película Te doy mis ojos, o xoves 8 de marzo, porá fin ao ciclo Cine-forum que o Centro de Información á Muller e o Clube Emprego Muller organizan desde o pasado luns no Pazo da Cultura. A proxección terá lugar ás 18,00 horas e o ciclo realízase con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
INNOVACIÓN
Mércores 7 de marzo do 2007
A partir do vindeiro xoves 22 de marzo, a Aula de Informática do Concello de Carballo, situada na Ludoteca Municipal, pasará a formar parte da rede de dinamización da sociedade da información da Consellería de Innovación e Industria. Por este motivo, a aula pasará a funcionar como punto de información para as persoas, entidades e empresas que desexen informarse sobre as novas tecnoloxías da sociedade da información.
CULTURA
Martes 6 de marzo do 2007
Carballo será unha das oito sedes da Semana do Libro e a Lectura que promove a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O director de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou en Pontevedra esta iniciativa, que baixo a temática do medo se estenderá por oito concellos galegos até o mes de xuño. No caso de Carballo, a Semana do Libro e a Lectura será inaugurada o domingo 22 de abril, ás 12.30 horas no Pazo da Cultura, co espectáculo Que medo, que medo!.
OBRAS
Martes 6 de marzo do 2007
O Concello de Carballo ven de asinar, este martes, tres contratos para mellorar os servizos nas parroquias de Berdillo, Sofán e Ardaña. Trátase, en concreto, da primeira fase da rede de saneamento no lugar de Añón, en Berdillo, tamén no lugar de Zarrallo, en Sofán, e a dotación de beirarrúas en Ardaña. As dúas primeiras actuacións están incluidas no Plan Adicional de Investimentos Locais, mentres que a última forma parte das melloras incluidas no Plan de Obras e Servizos. O Concello pretende, con estas actuacións, dar continuidade ao plan deseñado polo grupo de goberno nestes anos de dotar aos diferentes lugares das parroquias da rede de saneamento, co obxectivo de coidar o entorno e mellorar a calidade de vida da veciñanza, dándolle de xeito progresivo o acceso aos servizos que dispón o casco urbano.
MEDIO AMBIENTE
Martes 6 de marzo do 2007
O Concello de Carballo, dentro da campaña Carballo Limpo, está a visitar a todos os comercios do casco urbano, informando sobre a recollida de lixo, a reciclaxe, o Punto Limpo e a campaña Sácalle o aire, sobre a recollida de cartón. Logo de informar destas cuestións, a cada empresario fáiselle un pequeno inquérito sobre cuestións relacionadas cos servizos de Medio Ambiente. Neste sentido, e sobre a nota que lles merece a campaña Carballo Limpo, os comerciantes puntúan a campaña cun 7,68 sobre 10 puntos. A recollida de lixo é puntuada cun 7,88 e a limpeza viaria cun 8,28.
ENSINO
Luns 5 de marzo do 2007
Este luns, 5 de marzo, remata o prazo de matrícula das probas para a obtención do ciclo elemental de inglés, que a Escola Oficial de Idiomas de Carballo abrira o pasado 15 de febreiro. É requisito indispensable ter superado o Graduado Escolar, 2º de ESO ou equivalentes.
EMPREGO
Luns 5 de marzo do 2007
A Escola Obradoiro Casa dos Oficios, clausurada a finais de 2006, alcanzou unha tasa de emprego do 81,25%, segundo se desprende do balance de actividade que o Centro Municipal de Formación Ocupacional de Carballo remitiu ao conselleiro e á delegada provincial de Traballo, Ricardo Varela e María Debén, e aos directores xerais de Formación e Colocación e Promoción do Emprego. Os mellores resultados de inserción laboral déronse na especialidade de carpintería de aluminio, logrando emprego nove dos dez alumnos que completaron a súa etapa formativa. En carpintería de madeira, o índice foi do 87,50%, sendo do 75% en cantería e do 67,7% en albanelería e pladur.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 5 de marzo do 2007
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou, na sesión ordinaria celebrada este luns, o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Consellería de Cultura e Deporte para a substitución da herba artificial e rede de rego no campo de fútbol das Eiroas. Sobre a mesa quedou o convenio coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para o acondicionamento da estrada Carballo - Malpica, no tramo que afecta ao concello, xa que a Xunta de Goberno Local entende que as condicións que recolle o convenio non son asumibles para o Concello. Si saiu adiante o convenio con Manuel Jesús Souto para a participación no Campionato Galego de autocross e Campionato de España de Rallys e deuse conta do acordo de prórroga ao convenio de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Carballo que desenvolve programas de tratamento de drogodependencias.
BALANCE MENSUAL
Venres 2 de marzo do 2007
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 20 emerxencias durante o pasado mes de febreiro, que arroxou un total de 114 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 5 por accidentes de tráfico e limpezas, 8 por limpezas de estradas, 3 por incendios urbáns, un escape de gas, un incendio nun colector e outro nun vehículo. Ademías, o Grumir participou dun rescate dun afogado no concello de Coristanco.
CULTURA
Venres 2 de marzo do 2007
Este venres, 2 de marzo, continúa a programación dos Venres Culturais en Carballo, co inicio dun novo ciclo que se integra neste programa , o Circuito 4x4 da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte. Inicia este ciclo Nordestin@s, grupo revelación de éxito da música en Galicia, que ofrecerá un concerto ás 21,00 horas no Pazo da Cultura. Este grupo está formado por tres dos músicos máis relevantes da nova escea galega: Abe Rábade, Guadi Galego (Berrogüetto) e Ugía Pedreira (Marful).