CONVOCATORIA
Mércores 14 de marzo do 2007
A Comisión Informativa de Asuntos Económicos e Especial de Contas reúnese esta tarde, a partir das 19,00 horas, para abordar o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2007. Na xuntanza, convocada polo concelleiro de Facenda, Patrimonio e Contratación, José Antonio Viña, farase entrega aos representantes de cada un dos grupos municipais dunha copia da proposta económica, que ronda os vinte millóns de euros.
CULTURA
Mércores 14 de marzo do 2007
Os equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino de Carballo, por iniciativa do ENL do CEIP Canosa-Rus, acordaron iniciar un proceso que remate coa petición á Real Academia Galega de que en 2008, ou nun prazo máximo de catro anos, se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta e dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero (Carballo, 1872 - Santiago, 1966). Para isto, todos os ENL asinaron unha declaración de apoio á solicitude e agora esténdese esta petición a todas as asociacións de Carballo, a todas as anpas, á prensa local, ás zapatarías e ao propio Concello de Carballo.
INDUSTRIA
Martes 13 de marzo do 2007
O Boletín Oficial da Provincia ven de sacar a información pública a solicitude de autorización, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental dun parque eólico para Carballo. Está promovido pola empresa Eólica Galenova e, se compre todos os trámites, ubicarase na zona de Vixía, afectando principalmente á parroquia de Vilela.
PATRIMONIO
Martes 13 de marzo do 2007
A Consellería de Cultura e Deporte, da Xunta de Galiza, ven de autorizar a limpeza, sinalización e posta en valor do Castro de Ouxas, situado na parroquia de Entrecruces. Os técnicos da Administración autonómica aceptaron a proposta presentada polo Concello de Carballo e, agora, solicitarán o permiso dos donos do monte para poder realizar o proxecto. Unha vez se presenten os permisos, non haberá ningún problema para iniciar os traballos, segundo a propia Consellería.
CULTURA
Luns 12 de marzo do 2007
A música e o teatro serán protagonistas a finais desta semana, con dúas actuacións incluidas na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. O venres 16, e dentro do Circuito 4x4 da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dependente da Consellería de Cultura, será o turno de Espido, un concerto de guitarra e voz a cargo de Guadi Galego e Guillermo Fernández. O sábado 17 refórzase a programación dos Venres Culturais coa obra Contos Troianos, a cargo da compañía coruñesa Casa Hamlet representará o espectáculo Contos Troianos.
INDUSTRIA
Luns 12 de marzo do 2007
O delegado provincial da Consellería de Industria e presidente de Xestur, José Luis Barcia, mantivo unha reunión no Concello de Carballo cos empresarios que contan con solo nos terreos afectados polo proxecto da segunda fase do polígono industrial de Bértoa. Éstes contarán cun prazo, até o 26 de marzo, para presentar os seus proxectos empresarias, a fin de axilizar o proceso e favorecer a rápida implantación de empresas. A xuntanza respondiu ao establecemento das condicións para que esa bolsa de solo quede excluida do expediente de expropiación que Xestur ven de poñer en marcha. Na xuntanza tamén participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
CONVOCATORIA
Luns 12 de marzo do 2007
O sábado, 28 de abril, será o día no que a corporación municipal de Carballo se reúna en sesión plenaria ordinaria, e non o último luns de mes como se fai habitualmente. O motivo deste cambio de data responde a que antes do día 30 deste mes deben estar presentadas na Depurtación da Coruña as propostas para o Plan Complementario de Obras.
INDUSTRIA
Venres 9 de marzo do 2007
A Casa do Concello acolle este venres, a partir das 18,00 horas, unha xuntanza entre empresarios do polígono industrial de Bértoa e o presidente e a xerente de Xestur. Trátase dunha xuntanza con empresarios que queren conveniar a Xestur a cesión de solo para poder desenvolver proxectos empresariais.
ARTE
Venres 9 de marzo do 2007
O artista carballés Manuel Facal presentou este venres, en compañía do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a escultura que ubicará próximamente na rotonda de acceso ao polígono industrial de Bértoa. Baixo o nome de Escalo, esta nova escultura conta cunha lonxitude de 13 metros e medio e pesa 3.200 quilos. Manuel Facal, como xa fixera coa escultura da rontonda da Ponte da Pedra, dona a súa obra ao Concello, tendo éste que facerse cargo tan so dos custes do material e a man de obra. Se as condicións climatolóxicas acompañan, nas vindeiras semanas poderá verse a escultura na rotonda, xa que só falta por realizar a obra civil neste enclave. A última man de pintura á escultura, de cor vermella, realizarase antes da súa colocación.
ENERXÍA
Venres 9 de marzo do 2007
A formación e a divulgación da aplicación das enerxías renovables no eido da construcción son os alicerces da terceira edición das Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético que promove a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober). As xornadas presentáronse este venres no Salón de Plenos do Concello de Carballo e contaron coa presenza do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, o concelleiro de Facenda, José Antonio Viña, o presidente de Axober, Ramón Antelo, e o tesoreiro da asociación, Raúl Cantorna. As Xornadas levaranse a cabo no Pazo da Cultura entre o 29 de marzo e o 1 de abril, nas que 18 expertos de recoñecido prestixio encargaranse de impartir un total de 19 ponencias nas que os asistentes terán a oportunidade de formular calquera tipo de pregunta ou resolver dudas.
MULLER
Xoves 8 de marzo do 2007
A Concellería de Muller do Concello de Carballo organiza unhas sesións de contacontos para o alumnado de idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos que terán lugar nos centros de ensino de primaria de Carballo e as escolas unitarias de Sofán e Razo. Trátase dunha iniciativa con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e que ten como obxectivo o de concienciar aos máis pequenos, desde idades tempranas, do problema da desigualdade que existe entre xéneros hoxe en día e facer que os rapaces e rapazas refelxionen sobre a discriminación, intentando ensinarlles valores dentro dunha educación non sexista.
CULTURA
Xoves 8 de marzo do 2007
A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, presentou este xoves no Pazo da Cultura a programación para os meses de marzo, abril e maio de A Culturaeduca, unha iniciativa que ten como finalidade colaborar cos centros educativos participando na actividade académica do alumnado dos colexios e institutos de Carballo a través de diversas propostas culturais. O obxectivo do programa é proporcionar a profesores e alumnos un recurso didáctico máis, a través de representacións teatrais, concertos didácticos, exposicións, etc., ofrecendo oportunidades de formación en aspectos culturais menos desenvoltos na escola e achegando as manifestacións culturais á súa vida cotiá. Destacan este trimestre, dentro da programación, charlas, teatro, literatura, exposicións e un concerto didáctico.