EMPREGO
Martes 20 de marzo do 2007
O Concello de Carballo ven de solicitar á Consellería de Traballo a concesión dunha subvención para a contratación de traballadores desempregados. Faino vista a Orde do 21 de xaneiro de 2007 da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2007, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais.
CULTURA E LINGUA
Martes 20 de marzo do 2007
O Concello de Carballo, desde o Servizo de Normalización Lingüística, ven de convocar para o vindeiro martes 27 de marzo, ás 20.30 h, a todas a persoas interesadas a unha xuntanza para o inicio dun Programa para a multiculturalidade e a integración lingüística, na que se pretende acordar, conxuntamente coas persoas asistentes, o inicio de diversas actividades. O programa estará especialmente dirixido a todas aquelas persoas que viven aquí pero que naceron fóra de Galiza e a aquelas que estiveron moito tempo fóra e que regresaron non hai moito. O obxectivo é facilitarlles a todas estas persoas o coñecemento, dun xeito práctico, lúdico e atractivo, da lingua, da cultura, da sociedade, da historia, da xeografía, etc., de Galiza. A xuntanza terá lugar no Pazo da Cultura.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 19 de marzo do 2007
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria este luns, 19 de marzo, ven de aprobar dúas licenzas para a construcción doutras tantas vivendas unifamiliares nos lugares de Forno, en Sofán, e Charrúa, Queo de Abaixo, en Bértoa. Ademáis, aprobouse a concesión de licenza para a construcción dun edificio de 35 vivendas na rúa Pino, ademáis da licenza para a demolición dun edificio na rúa Amapola.
CULTURA
Luns 19 de marzo do 2007
A música e o teatro volverán a ser protagonistas a finais desta semana, con dúas actuacións incluidas na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. O venres 23, e dentro do Circuito 4x4 da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dependente da Consellería de Cultura, será o turno de Xabier Díaz, cun proxecto resultado do encontro musical dunha voz do norte, a de Xabier Díaz, e un guitarrista do sur, Guillermo Fernández. O domingo 25, e dentro do ciclo Teatro en Familia, a compañía ceenseTalía Teatro representará O merlo branco, unha obra recomendada a partir dos 6 anos.
SERVIZOS SOCIAIS
Luns 19 de marzo do 2007
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ven de facer unha convocatoria para participar dun programa de turismo de saúde. O obxecto da iniciativa consiste nuns días de vacacións e descanso en zonas turísticas, balnearios, etc., ubicados en Galicia, noutras comunidades do Estado ou noutro país, dirixido a persoas maiores e os seus cónxuxes. Ofértanse un total de 32 prazas gratuítas para as persoas que acrediten unha situación de precariedade económica que lles impida sufragar os gastos da praza. Así mesmo, tamén se ofertan 100 prazas cunha subvención dun 50% para as parellas que cumpran as súas vodas de ouro neste ano. Os interesados en participar do programa poder informase nos Servizos Sociais do Concello de Carballo, pranta baixa, en horario de 11,00 a 13 horas de luns a venres. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 11 de abril de 2007.
MEDIO AMBIENTE
Venres 16 de marzo do 2007
O Concello de Carballo repartirá o vindeiro día 21 de marzo, coincidindo coa celebración da Día da Árbore, 110.000 landras de carballo en colaboración co diario La Voz de Galicia. Ese día, os lectores do períodico recibirán con cada exemplar unha landra, envasada e etiquetada polos traballadores de Aspaber.
ECONOMÍA
Venres 16 de marzo do 2007
O grupo de goberno presentou no Concello de Carballo o documento orzamentario para 2007, que se someterá a aprobación na sesión plenaria ordinaria deste mes de marzo, a celebrar o luns día 26. O Presuposto Xeral cífrase en 19.996.205,85 euros de ingresos e 19.844.476,81 euros de gastos. Formúlase cun superávit de 151.729,04 para respectar o Plan Económico aprobado no ano 2005. O capítulo de inversións recolle unha partida de 5.633.395,19 euros.
CULTURA
Venres 16 de marzo do 2007
O concello de Carballo será sede, o vindeiro 23 de marzo, da entrega da XVI edición dos Premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, presentada este xoves no Pazo da Cultura. Nese acto participaron Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros, Ramón Tasende, da Libraría Brañas de Carballo, Antonio Fernández Maira, coordinador xeral de Federación, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura de Carballo. O obxectivo destes premios, que outorga a Federación de Libreiros de Galicia e que naceron en 1991, é recoñecer o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego, desenvolvidos por persoas, entidades e institucións da sociedade galega. Para isto outórganse galardóns en sete categorías: centro de ensino, libro de ano, obra editorial do ano, institución, medios de comunicación e novas tecnoloxías, libraría e autor/a do ano.
OBRAS
Xoves 15 de marzo do 2007
O Boletín Oficial da Provincia ven de publicar a adxudicación das obras para realizar a urbanización da travesía entre as rúas Pan e Lirios do concello de Carballo. A empresa encargada de realizar a mellora será Construcciones Boalva, sendo o importe de licitación de 80.118,14 euros.
CULTURA
Xoves 15 de marzo do 2007
As psicólogas Marta Vázquez e Beatriz Menéndez Canzobre ofrecerán este venres, 16 de marzo, a quinta e penúltima das charlas do ciclo Aprender para Educar, que o Concello de Carballo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación da Coruña puxeron en funcionamento na localidade a finais do mes de xaneiro. O programa supón un lugar de encontro e formación dirixido a pais e nais e que ten como obexctivo o reforzo da familia como marco fundamental da educación e como elemento de desenvolvemento da personalidade. A quinta conferencia do ciclo está prevista para o venres, no Pazo da Cultura, a partir das 20,00 horas.
OBRAS
Xoves 15 de marzo do 2007
O Concello de Carballo asina este venres o contrato para a realización da segunda fase do Paseo Fluvial do Río Anllóns, que comprende unha actuación desde a estación depuradora do Bosque do Añón até a ponte de Bértoa. O importe da adxudicación ascende aos 288.332,55 euros, sendo o prazo de execución de seis meses a contar desde o día seguinte á sinatura da acta de replanteo. O obxectivo da actuación é o de adecuar o contorno do río Anllóns, ao seu paso polo concello de Carballo, a ambas marxes no treito do Bosque do Añón á antiga depuradora e desde ésta á ponte de Bértoa. A lonxitude medida polo eixo do río é de 1460 metros, ademáis de 170 metros pola marxe esquerda da zona do Bosque até enlazar coa actuación da primeira fase.
DEPORTE
Mércores 14 de marzo do 2007
As piscinas de Carballo Calero e Vila de Noia incrementaron os usos nun 10% durante o ano 2006. Así se desprende do balance que ven de presentar o Padroado Deportivo Municipal, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Carballo e concelleiro de Deportes, Evencio Ferrero, e o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García. En total rexistráronse 129.757 usos, fronte aos 117.813 de 2005.