SERVIZOS
Luns 9 de abril do 2007
A sesión plenaria ordinaria deste mes de abril incluirá na súa orde do día o proceso de contratación para a creación dunha primeira fase do carril bici entre Carballo e Razo. Este primeiro tramo cubriría o traxecto entre Carballo e a ponte de Oza, o que suporá o primeiro paso para a unión das dúas localidades.
CULTURA
Luns 9 de abril do 2007
O Pazo da Cultura acolleu este luns, 9 de abril, a presentación das Xornadas Balnearios: historia, economía, cultura e saúde, que se desenvolverán os días 13 e 14 de abril en Carballo. Esta segunda edición das xornadas sobre a historia local, logo da celebración dunhas referentes ao Wolframio o ano pasado, céntrase nun aspecto funadamental da historia de Carballo, como son as augas termais. As xornadas son abertas ao público e a matrícula é gratuita. No acto de presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a concelleira de cultura, Belén Lendoiro, o escritor, Xan Fraga e o presidente da Asociación Socio Pedagóxica Galega, Xoán Costa.
HOSTALARÍA
Mércores 4 de abril do 2007
O Concello de Carballo ven de abrir a prazo para solicitar a ocupación do dominio público local con terrazas de hostalaría. Os interesados en instalar unha terraza nos seus negocios deberán ter en conta as normas reguladoras da Ordenanza correspondente, podendo recoller o impreso para formular a solicitude no propio Concello. O prazo permanecerá aberto até o día 30 de abril de 2007.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Mércores 4 de abril do 2007
O vindeiro martes, 10 de abril, dará comezo un novo obradoiro de Iniciación á Informática e Internet en Carballo, da man da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os interesados nesta e outras temáticas vinculadas ás Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación poden achegarse á Aula de Informática ou chamar ao teléfono 981 757 362 para informarse. O horario de atención ao público é de 10,00 a 14,00 horas, de luns a venres.
LECER
Mércores 4 de abril do 2007
A celebración de Panxea 2007, un festival que se celebrará en Carballo os días 6 e 7 de abril e no que o pan será o protagonista, será un dos maiores atractivos da localidade durante as festas de Semana Santa. Baixo o lema de Pan e solidariedade, nesta primeira edición da Feira solidaria o obxectivo de colaboración está situado nos campamentos de refuxiados saharauis. Os fondos recadados no evento serán destinados a fariña para pan e material musical educativo para as escolas de nenos e nenas con necesidades educativas especiais da Uilaia de Smara.
CULTURA
Martes 3 de abril do 2007
A terceira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo, que outorga un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 350, realízase desde 2005 e en colaboración con oito medios de comunicación escritos, que publicarán os dous artigos gañadores. Esta iniciativa convócaa a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal do Concello de Carballo, entidade comprometida coa dinamización social do uso do galego, e busca os obxectivos de promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e de crear espazos nos xornais para analizar esta situación. O prazo de presentación de artigos remata o 18 de abril de 2007.
COMERCIO
Martes 3 de abril do 2007
Ao fío da da colaboración coa Dirección Xeral de Comercio e o convenio coa empresa nacional Mercasa, o Concello de Carballo organizou no Pazo da Cultura unha xornada sobre o presente e futuro dos mercados e o comercio, unha iniciativa que perseguía dar os primeiros pasos de cara a definir a estratexia a seguir para convertir o mercado municipal de Carballo na locomotora do comercio da localidade. A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, asegurou no desenvolvemento da xornada que a Consellería de Innovación e Industria prestará a súa colaboración no proceso de renovación do mercado, do que se expuxeron as claves e ideas fortes durante a súa celebración. Medio centenar de empresarios acudiron á celebración desta xornada, da que tamén participaron representantes das formacións políticas da corporación municipal.
URBANISMO
Martes 3 de abril do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, e o concelleiro de Facenda, José Antonio Viña, celebraron este martes unha xuntanza en Santiago co director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje. O obxectivo da mesma era a de valorar a situación xurídica actual xerada logo da sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo, ademáis da situación actual do planeamento do Concello de cara á futura revisión do documento urbanístico.
BALANCE MENSUAL
Luns 2 de abril do 2007
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 33 emerxencias durante o pasado mes de marzo, que arroxou un total de 126 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 11 por accidentes de tráfico e limpezas, 19 por limpezas de estradas, 2 por incendios urbáns e un incendio nun vehículo.
COMERCIO
Luns 2 de abril do 2007
O Pazo da Cultura acolle este luns, 2 de abril, a celebración dunha xornada sobre Os mercados e o comercio. Presente e futuro. A directora xeral de comercio da Xunta de Galicia, Ana Rúa, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, serán os encargados de inaugurar a xornada ás 19,00 horas. Ana Rúa, precisamente, visitara recentemente o mercado de abastos de Carballo para coñecer a súa situación. A xornada prolongarase até ás 22,00 horas, hora prevista para o acto de clausura, coa celebración de cinco ponencias.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 2 de abril do 2007
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión celebrada este luns, 2 de abril, o convenio de cooperación entre o Concello de Carballo e a Consellería de Innovación e Industria para a dotación dunha área recreativa infantil en Arnados-Razo. O departamento autonómico achegará a cantidade de 59.923,56 euros para a realización do proxecto. Ademáis, aprobaronse os expedientes de contratación das obras Afirmado do camiño de Canelas ós Loureiros, Afirmado de camiño de Altivoa a Barbalde, Afirmado do camiño de Fontecaldeira e Regadeo, Pavimentación de pistas en Castrillón e Cambre e Reforzo de firme en camiño a Aldemunde. Todas estas actuacións están incluidas no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e Rede Viaria Local 2007.
INDUSTRIA
Venres 30 de marzo do 2007
Carballo será o primeiro concello galego en incorporar as enerxías renovables en todos os seus ámbitos, logo da presentación que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello do proxecto TEMUNDE. Os barrios da Milagrosa, Igrexario e A Casilla convertiranse nun parque temático sobre enerxías renovables e aforro enerxético, experiencia pioneira en toda Galicia.