INDUSTRIA
Mércores 25 de abril do 2007
O Concello de Carballo ven de concretar a súa alegación ao parque eólico de Pedrarrubia, un informe que o alcalde da localidade, Evencio Ferrero, deu a coñecer aos veciños afectados nunha xuntanza celebrada recentemente en Lema. Preto dun centenar de persoas acudiron a esa reunión, onde se lles deu copia dun informe que reflexa as observacións ao proxecto do arquitecto municipal, consideradas como alegacións.
CULTURA
Mércores 25 de abril do 2007
Co obxectivo de difundir no municipio o traballo que realizan os grupos de teatro afeccionado estables, o Concello de Carballo acordou co grupo de teatro Vagalume Animación a realización de 5 actuacións nos locais sociais das parroquias de Carballo. As asociacións interesadas deberán entregar no Pazo da Cultura unha solicitude antes do 5 de maio. Entre as solicitudes recibidas, o Concello realizará unha selección na que se terán en conta criterios como número potencial de espectadores, distribución territorial das actuacións, condicións das instalacións dispoñibles, factores de especial interese pola representación teatral das asociacións ou circunstancias especiais que condicionen o interese á realización da actividade.
CULTURA
Mércores 25 de abril do 2007
A novela Vidas exemplares, de Uxía Casal, cuarta das propostas do programa Literactúa do Concello de Carballo, será a protagonista da charla que a súa autora manterá este mércores 25 de abril ás 20.30 h no Pub Silfo de Carballo, cos seus lectores e lectoras. Vidas exemplares é un volume singularísimo na produción narrativa actual galega, que reúne vinte e un intensos relatos de medo e intriga, protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados. Un libro, escrito na mellor tradición dos clásicos do xénero de terror, que deita a súa mirada con ironía sobre os espazos máis escuros de vidas exemplares.
OBRAS
Martes 24 de abril do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fixo entrega este martes, 24 de abril, na Deputación da Coruña, das 450 sinaturas recollidas pola Asociación Santiago Apóstol de Sísamo para demandar a realización dun proxecto de urbanización na estrada de acceso a esta parroquia, desde a ponte da autovía e Avenida das Flores. A Asociación prcedera á recollida de sinaturas o pasado día 10 de abril.
CULTURA
Martes 24 de abril do 2007
O Pazo da Cultura de Carballo acolleu este martes, 24 de abril, a representación da obra de teatro Quero ser grande, a cargo da compañía Talía Teatro. A actividade enmárcase dentro do programa A Culturaeduca, que organiza a Concellería de Cultura, dirixido ao alumnado dos centros de ensino secundario de Carballo. A representación repetirase o mércores 25 de abril, a partir das 11,45 horas, achegando así o teatro a 700 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacahrelato.
ENERXÍA
Martes 24 de abril do 2007
O restaurante Río Sil de Carballo acollerá este mércores, 25 de abril, a presentación do proxecto TEMUNDE á veciñanza dos barrios da Milagrosa, Igresario e A Casilla, ademáis de técnicos e promotores interesados no mesmo. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tomará parte neste acto de presentación, que sucede ao xa realizado no Concello de Carballo hai un mes, no que participou a Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, ademais do deputado provincial Pablo Villamar e o director do INEGA, Xoán Doldán. A presentación terá lugar ás 21,00 horas.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 23 de abril do 2007
Este martes, 24 de abril, dará comezo na Aula de Informática Municipal, nas antigas Escolas do Xardín, un novo obradoiro organizado pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello de Carballo. Baixo o título TES UN E-MAIL! Correo electrónico, daranse as pautas precisas para a creación e administración dunha conta de correo electrónico.
CONVOCATORIA
Luns 23 de abril do 2007
O Concello de Carballo acolle este luns, 23 de abril, a celebración das comisóns informativas de Asuntos Económicos e Especial de Contas; Acción Social, Participación e Persoal; e Urbanismo e Desenvolvemento. As comisión comezarán ás 19,00 horas, coa celebración da de Asuntos Económicos e Especial de Contas. Esta conta na orde do día coa aprobación do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña, no que se recollen os investimentos que o Concello ten previsto realizar no ano 2007 dentro deste plan. Son, en concreto, a primeira fase da construcción do carril bici a Razo, a segunda fase de saneamento en Queo, parroquia de Bértoa, a segunda fase de saneamento no Añón, parroquia de Berdillo, e depuradora en Añón e depuradora en Oza. De existir algunha baixa de licintación dos investimentos ou anulación, o Concello inclúe tamén a segunda fase da rede de saneamento en Paradela, parroquia de Sofán, e a segunda fase da rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances.
COMERCIO
Luns 23 de abril do 2007
O Salón de Plenos do Concello de Carballo acolleu a presentación, por parte do Observatorio Socioeconómico da Cámara de Comercio, da proposta de paneis de traballo para o presente exercicio. Representantes do Observatorio mantiveron unha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que lle trasladaron as novas propostas para 2007, consistentes nun panel sobre comercio exterior, outro sobre o sector da construcción e un foro sobre o Porto Exterior. Estes paneis veñen a complementar aos desenvolvidos en 2005 e 2006, referentes á actividade emprendedora, sector turístico, desenvolvemento de solo industrial, sector textil, competitividade empresarial e cooperación e diversificación empresarial.
CULTURA
Venres 20 de abril do 2007
Este, sábado 21 de abril, terá lugar no Teatro Colón da Coruña a entrega dos discos gravados pola Banda Municipal de Música e a Big Band do conservatorio profesional de Carballo. Estes contaron co patrocinio da Deputación da Coruña, a Fundación Paideia Galiza e o Concello de Carballo. O acto desenvolverase na cidade herculina partir das 11,00 horas.
INDUSTRIA
Venres 20 de abril do 2007
A Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, anunciou este xoves a licitación da primeira fase do polígono industrial de Bértoa, que abarca 730.000 metros cadrados. Foi durante o acto de inauguración do Escalo, a escultura do artista carballés Manuel Facal que xa se pode contemplar na rotonda de acceso ao polígono. Teresa Táboas, ademais, manifestou que o polígono industrial estará en marcha durante o verano, aludindo á chegada das máquinas antes da época estival.
OBRAS
Venres 20 de abril do 2007
A sesión plenaria ordinaria deste mes de abril, a celebrar o vindeiro sábado 28, recollerá na súa orde do día a aprobación do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña, no que se recollen os investimentos que o Concello ten previsto realizar no ano 2007 dentro deste plan. Son, en concreto, a primeira fase da construcción do carril bici a Razo, a segunda fase de saneamento en Queo, parroquia de Bértoa, a segunda fase de saneamento no Añón, parroquia de Berdillo, e depuradora en Añón e depuradora en Oza. De existir algunha baixa de licintación dos investimentos ou anulación, o Concello inclúe tamén a segunda fase da rede de saneamento en Paradela, parroquia de Sofán, e a segunda fase da rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances.