CULTURA
O Concello pon en marcha o proxecto ‘Literactúa’
Xoves 11 de xaneiro do 2007
Literactúa é unha proposta concreta, mais ten a vontade de ser un programa aberto, dinámico e participativo, de ir incluíndo novas actividades, de ir adquirindo novos compromisos, de ir incrementando e diversificando as súas accións, de ir implicando ao maior número de persoas, entidades, colectivos, etc. A proposta concreta consiste en propor, para cada trimestre, a lectura de tres libros, un por mes. O último mércores de cada mes, o autor ou a autora do libro proposto virá a Carballo para participar nun acto de conversa cos seus lectores e lectoras nun estabelecemento hostaleiro da localidade. O programa distribúese en tres trimestres: xaneiro, febreiro e marzo; abril, maio e xuño e setembro, outubro e novembro.
As propostas de libros daranse a coñecer por medio de marcapáxinas que se difundirán por todo o concello, especialmente nas librarías, bares e edificios municipais, e estes libros poderanse mercar nas librarías de Carballo colaboradoras co programa. Serán sempre obras de literatura galega actual. Ademais, toda a información do programa estará sempre actualizada no blog www.carballo.org/literactua, onde se anunciarán e comentarán os libros propostos, onde se difundirán os actos cos autores e autoras, onde haberá información completa do programa, onde todas e todos poderedes comentar e opinar e desde onde se fará un seguimento actualizado de todas as accións que se desenvolvan.
Primeiro trimestre
As lecturas propostas para o primeiro trimestre do ano son Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras, que estará no Pub Silfo o mércores 31 de xaneiro a partir das 20.30 horas, Herba moura, de Teresa Moure, que estará o mércores 28 de febreiro no Café Valle Inclán ás 20.30 horas, e Spam, de Francisco Castro, que estará o mércores 28 de maio no Café-Taberna O Patacón, tamén a partir das 20.30 horas.
A concelleira de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, Belén Lendoiro, manifestou na presentación que "o obxectivo que persegue esta iniciativa é de dar a coñecer aos autores galegos e fomentar a lectura no noso idioma". Antón Guitoi, en representación dos establecementos hosteleiros que participan da iniciativa, engadiu que "a idea, como a dos Libros Ceibes, é moi boa, xa que a xente vai máis aos bares que ás bibliotecas". O alcalde de Carballo manifestou que "non se trata de consumir literatura, senón de facer lectores críticos", en referencia ás visitas dos escritores aos locais de Carballo. Nesta iniciativa colaboran a Libraría Brañas, Libraría Teldy, Libraría Trasgo, Libraría Villar, Café Colón, Café Taberna O’Patacón, Café Valle Inclán, Cervexaría Dublín, Cervexaría San Xoán, Pub Silfo, Biblioteca Municipal de Carballo e Servizo de Normalización Lingüística.