Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pide seis subvencións da...

AXUDAS PÚBLICAS

O Concello pide seis subvencións da Deputación para infraestruturas e equipamentos municipais

Venres 9 de setembro do 2005

As dúas subvencións de promoción económica que solicita o Concello para a dotación de equipamentos e para a construción e mellora de infraestruturas municipais son o subministro dun tractor cun brazo desbrozador para a limpeza das gabias das vías de titularidade municipal, e a ampliación da rede de saneamento en Cances ata a nova depuradora. O orzamento estimativo do subministro do tractor é de 69.999,04 euros, e o do saneamento en Cances é de 58.848 euros.

As solicitudes que se enmarcan no programa de axudas para infraestruturas e equipamentos culturais céntranse nas parroquias de Sofán e Noicela. A primeira subvención pídese para realizar a segunda fase das obras de acondicionamento do centro sociocultural de Sofán - co que quedaría totalmente rematado - e que conta cun orzamento estimativo de 153.818 euros, dos que se solicitan 138.400 euros, tal e como se indica nas bases da convocatoria. O Concello solicitou tamén unha subvención para arranxar o centro social da Imende (Noicela), que conta cun orzamento estimativo de 75.429 euros, dos que se solicitan 66.000 euros.

Canto a infraestruturas e equipamentos deportivos, preséntase unha solicitude para o cerre do pavillón da escola da Gándara, en Sofán, cun presuposto final que ascende a 21.920,75 euros. O último dos proxectos é a reforma do pavillón da Escola Fogar, en Carballo (na rúa Vila de Noia), que conta cun orzamento final de 39.537,42 euros.

Compartir: