Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festival Outono de teatro enche a fin de semana...

LECER

O Festival Outono de teatro enche a fin de semana de actividades lúdicas

Venres 14 de outubro do 2005

Atalaya abre o festival con Medea, a estranxeira, unha visión da traxedia moi próxima á sociedade actual e ao drama da emigración, o venres 14 ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura. Á mesma hora e lugar, o sábado 15 Sexpeare estrea en Galiza o seu novo traballo, H (O pequeno neno obeso que quere ser cineasta). Con este espectáculo de "teatro de ciencia ficción", como eles mesmos se definen, tratan de lle render homenaxe ao cine cunha obra disparatada, satírica e sobre todo divertida.

A actuación do domingo 16 corre a cargo da compañía galega Teatro de ningures, tamén a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. A súa aposta é unha visión do Tartufo que sirva tamén de retrato e crítica da sociedade actual, chea de "pantallas artificiais" e falsidade.

Coa sección Teatro de rúa preténdeselle achegar o teatro a un público máis familiar que non ten o hábito de asistir ás representacións en salas. Nesta edición, os encargados de cubrir este espazo son Os Quinquilláns, especializados en teatro de rúa e infantil dende finais dos anos 80, que poñerán en escena a famosa historia de Moby Dick. O Centro comercial Bergantiños - Haley acollerá o vistoso espectáculo cheo de humor, música, bonecos manipulados polos actores, e mesmo unha balea inchable de 6 metros de longo e 3 de alto.

Outra das actividades paralelas ao festival que comeza o venres 14 de outubro é a V edición do Certame de dramatización de monólogos cómicos, que busca promocionar formatos teatrais pouco frecuentes e facilitarlle aos participantes o encontro co público. As dúas primeiras fases do concurso celébranse o venres 14 a partir das 23.30 horas e o sábado 15 de outubro, a partir das 24.00 horas, na cervexaría Dublín. Establécense tres premios de 300, 200 e 100 euros.

O Fiot 05 está organizado pola asociación Telón e Aparte e polo Concello de Carballo, e conta coa colaboración habitual da Deputación da Coruña, da Obra Social de Caixa Galicia. Nesta edición incorpóranse como patrocinadores o Centro comercial Bergantiños - Haley.

Compartir: