INDUSTRIA
Tramitadas 23 licenzas para naves industrias no polígono de Bértoa en 2006
Xoves 4 de xaneiro do 2007
A Consellería de Vivenda e Solo ven de facer pública a Declaración de Impacto Ambiental do Proxecto Sectorial do polígono industrial de Bértoa, 1ª fase, tras ser remitida pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. A primeira fase do polígono industrial terá unha superficie de 730.000 metros cadrados e, con este trámite executado, só resta o informe da Dirección Xeral de Urbanismo para que o Proxecto Sectorial sexa aprobado definitivamente polo Consello da Xunta. A partir de aí poderase iniciar o proceso de expropiación dos terreos que non sexan adquiridos por mutuo acordo. Neste momento, a Consellería xa é titular de 250.000 metros cadrados do total do ámbito da actuación. Ademáis, a pasada semana escrituraronse en Carballo cerca de 100.000 metros cadrados máis, neste caso financiados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Por outra banda, a Consellería de Vivenda e Solo enviou os Plans de Sectorización das zonas A e B da 2ª fase do polígono industrial ao Concello de Carballo para a súa tramitación, mentres está a redactar os proxectos de urbanización. A segunda fase ten unha superficie total de 550.000 metros cadrados dos que 430.000 son da zona A e 120.000 da zona B. O conxunto do polígono terá unha superficie de 1.280.000 metros cadrados, dos que 837.043 serán de uso empresarial, 97.608 metros cadrados de uso social, deportivo e para equipamentos e 117.000 metros cadrados para zonas verdes. A Consellería de Vivenda e Solo ten prevista unha inversión total de 35 millóns de euros para a adquisición dos terreos e urbanización do polígono industrial de Bértoa. Nos orzamentos de 2007 hai unha partida por importe de 10 millóns de euros para traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de urbanización.