Inicio Carballo ao día Novas Avanzan as primeiras obras do proxecto de...

Avanzan as primeiras obras do proxecto de reurbanización da mazá integrada polas rúas Portugal, Andorra e Reus

O investimento previsto supera os 450.000 euros en total

Martes 12 de novembro do 2024

Continúan avanzando as obras que permitirán garantir a accesibilidade na rúa Portugal, unha das máis estreitas da zona urbana, e que supoñen ademais o primeiro paso de cara á reurbanización da mazá integrada tamén polas rúas Andorra e Reus. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Contratación, Luis Lamas e Ramón Varela, respectivamente, realizaron unha visita ás obras, que executa a empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas S.L. cun orzamento de 134.673 euros.

A actuación en marcha forma parte do proxecto de humanización que estamos a impulsar desde o goberno municipal con actuacións que inclúen tanto a renovación ou instalación de todos os servizos urbanísticos como a reurbanización das rúas para mellorar a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o fomento da circulación peonil fronte á rodada con maior seguridade. Na rúa Portugal óptase, en concreto, polo modelo de plataforma única e a eliminación do tráfico rodado, que quedará limitado ás persoas residentes.

Polo que respecta aos servizos urbanísticos, as obras permitirán eliminar as tubaxes de fibrocemento e renovar a rede de abastecemento, substituír as redes de saneamento de augas fecais existentes en ámbalas marxes por unha canalización central, dotar a rúa de rede de augas pluviais, da que carecía; ademais de modernizar as redes eléctrica e de telecomunicacións e de renovar o alumeado público.

A nova vía será de formigón con franxas coloreadas que se alternarán con zonas verdes nas que está prevista a plantación de árbores e a instalación dun sistema de rega por goteo. O proxecto inclúe tamén a sinalización horizontal e vertical e a colocación de dous bancos, dúas papeleiras e unha fonte.

A rúa Portugal forma parte dunha mazá na que tamén figuran as rúas Andorra e Reus. Para completar a urbanización dese ámbito xa está aprobado, con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado, unha partida da 325.000 euros para acometer a reurbanización das outras dúas rúas e seguir dignificando deste xeito os distintos barrios urbanos.

Compartir: