Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Museo de Bergantiños amosa os traballos...

FOTOGRAFÍA

O Museo de Bergantiños amosa os traballos do VI Premio Luis Ksado

Xoves 8 de setembro do 2005

As obras expostas son Verde-Rojo-Negro do gañador José Miguel Riopa Alende, así coma as obras dos cinco finalistas seleccionados para a exposición. Trátase dunha mostra que ten a Galicia como protagonista, pero enfocada dende perspectivas moi variadas. Este premio pretende potenciar un xeito de transmitir sensacións, historias, etc, utilizando o soporte fotográfico con grande mestría como demostran as fotografías premiadas.

O premio Luis Ksado estase a converter no certame fotográfico máis importante en Galicia, tanto pola súa dotación económica - nesta edición a contía ascendía a 6.050 euros - como pola calidade dos premiados, dos participantes e dos xurados. O certame céntrase na fotografía documental, nas reportaxes reais e no fotoxornalismo, polo que non se admite ningún tipo de manipulación a través de ningún medio.

O Premio de Creación fotográfica Luis Ksado pretende honrar un dos fotógrafos máis importantes en Galicia a primeiros do século XX, o fotógrafo galego que acadou darlle á súa obra unha maior difusión na época. Colaborador de xornais como Faro de Vigo, El pueblo gallego, ABC, La vanguardia ou Galicia, Luis Ksado publica a súa obra máis coñecida no 1936, Estampas de Galicia, xusto antes de que a súa traxectoria se vise interrompida pola Guerra civil española.

Ao acto de inauguración da mostra asisten tamén a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro, o comisario do premio Luis Ksado, Xurxo Lobato, e o presidente da Comisión de Cultura, Celestino Poza.

O horario de visitas do museo é os martes e xoves de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas; os mércores e venres de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas; e os sábados e domingos de feira de 12.00 a 14.00 horas.

Compartir: