Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aproba por...

A corporación municipal aproba por unanimidade unha moción do BNG para reclamar á Xunta o rescate da AG-55

O PSOE votou en contra da emenda presentada polo PP para pedir tamén ao Goberno central a transferencia e a gratuidade da AP-9 e da AP-53

Mércores 30 de outubro do 2024

As peaxes centraron o debate no pleno ordinario de outubro, no que foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que se insta á Xunta de Galicia a “iniciar os trámites para o rescate da autovía AG 55 A Coruña-Carballo, de maneira que se poida facer efectivo no ano 2025 e así rematar coa discriminación destas zonas con respecto a outras comarcas do país nas que as persoas usuarias non están a pagar peaxe en autovías autonómicas”. A iniciativa, defendida polo portavoz nacionalista, Xosé Regueira, é consecuencia do acordo adoptado o 14 deste mes polo Consello da Xunta de Galicia para recuperar a concesión de catro autoestradas con peaxe na sombra (Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión). “Levamos desde o ano 1997 pagando as nosas peaxes e tamén, cos nosos impostos, estas que se van retirar. Isto é unha inxustiza que hai que remediar canto antes”, argumentou.

A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade, pero neste punto o PP introduciu una emenda, que se votou por separado, na que se insta ao Goberno central e rematar o proceso de traspaso da AP-9 a Galicia e a liberar de peaxe tanto esta autoestrada coma a AP-53. A emenda foi apoiada polos nacionalistas, pero o PSOE votou en contra.

Na sesión ordinaria deste luns tamén foi aprobada a modificación da taxa pola recollida de lixo de cara ao ano 2025, tal como anunciaran a semana pasada o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. O PP votou en contra e o PSOE abstívose.

Tamén se abordaron estoutros asuntos:

  • Solicitude de subvención á Deputación Provincial da Coruña para o mantemento da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) de Carballo para o ano 2024, aprobación da memoria e do orzamento. Aprobada por unanimidade.
  • Aprobación de recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores. PP e PSOE abstivéronse.
  • Corrección erros no convenio colectivo do persoal laboral ao servizo do Concello de Carballo. Aprobada por unanimidade.
  • Aprobación definitiva do cambio de sistema do polígono do PXOM de SUNC UU-R17. (CIPUM de 22/10/2024). Tamén saíu adiante por unanimidade.
  • Moción do grupo municipal do PP, rexistro de entrada 20249990005900 de 16 de outubro, contra o desmantelamento da seguridade preservado pola Garda Civil na provincia da Coruña. Foi rexeitada, xa que houbo 5 votos (PP) a favor e 15 en contra (BNG e PSOE).

Descargas

Compartir: