Inicio Carballo ao día Novas A Lei de Residuos e a suba do canon de Sogama...

A Lei de Residuos e a suba do canon de Sogama obrigan a todos os concellos a actualizar as taxas do lixo

A recollida domiciliaria custará 96,10 euros/ano na zona urbana e 76,88 na rural, e aínda así a de Carballo será das máis baixas de Galicia

Venres 25 de outubro do 2024

Evencio Ferrero e Belén Lendoiro presentaron os asuntos do pleno

Evencio Ferrero e Belén Lendoiro presentaron os asuntos do pleno

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, explicaron hoxe a proposta de modificación da ordenanza que regula as taxas pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo que será debatida no pleno ordinario do luns. A Lei de Residuos, por unha banda, de ámbito estatal, e a suba do canon de Sogama anunciada pola Xunta de Galicia, por outra, obrigarán a todos os concellos galegos a subir as taxas, xa que a partir do ano 2025 todos os gastos derivados da xestión de residuos terán que ser asumidos de xeito íntegro polos usuarios e usuarias, sen posibilidade de que os concellos asuman, como viñan facendo, un posible déficit do servizo.

Isto que supón? No caso de Carballo, que os veciños e veciñas da zona urbana pagarán 96,10 euros ao ano e os da zona rural, 76,88. O alcalde recoñeceu que estamos ante “un incremento importante” pero ineludible, porque o feito de non aplicar a lei suporía que o concello non puidese optar, por exemplo, a ningún tipo de axuda estatal.

Como se fixou esa cantidade? O factor fundamental é o canon de Sogama. A principios deste ano, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, participada pola Xunta de Galicia nun 51% e a empresa Naturgy (antiga Fenosa) nun 49%, cobraba aos concellos unha cota de 68 euros por tonelada de lixo enviada a Cerceda. No mes de xullo esa cifra incrementouse ata 88 euros por tonelada, e a partir do 1 de xaneiro do 2025 será de 108 euros por tonelada. As novas taxas son froito do estudo realizado polos servizos técnicos municipais para cubrir o 100% dese custe, como esixe a lei.

Cal é o déficit actual do servizo? Segundo explicou, o Concello de Carballo estaba a asumir un déficit de 326.000 euros tras a suba do canon de Sogama de xullo. De manter as mesmas taxas, ese déficit superaría o medio millón de euros a partir do ano que vén. A obriga de que o servizo se autofinancie, sen que os concellos teñan déficit nin superávit, provocará subas xeneralizadas en todos os concellos. “A lei obriga e Sogama empuxa”, manifestou Evencio Ferrero.

Aínda así, Carballo seguirá sendo un dos concellos galegos coas taxas máis baixas. En Arteixo, polo exemplo, os veciños e veciñas pagarán 127 euros ao ano, independentemente da zona e dos días de recollida. No Consorcio das Mariñas, integrado polos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, pasarán de 125,84 a 169 euros ao ano, e nas zonas de recollida diaria de Narón xa pagan actualmente 110,64 euros ao ano.

A modificación tamén afectará ao lixo comercial, co criterio, de que “quen máis contamina, máis paga”. Deste xeito, a taxa subirá para supermercados, grandes restaurantes ou superficies comerciais, pero para empresas manufactureiras, por exemplo, baixará. “Re-avaliáronse os coeficientes para intentar cumprir con ese principio”, explicou Belén Lendoiro.

Descargas

Compartir: