O Concello de Carballo segue dando pasos para que o novo centro integral de saúde sexa unha realidade o antes posible
Evencio Ferrero reuniuse este mércores en Compostela co conselleiro de Sanidade coa intención de coñecer as previsións da Xunta de Galicia
Mércores 16 de outubro do 2024
O alcalde, Evencio Ferrero Rodríguez, desprazouse este mércores a Santiago para reunirse co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Un encontro solicitado desde o Concello de Carballo no mes de agosto coa finalidade de coñecer as previsións da Xunta de Galicia con respecto á construción do centro integral de saúde (CIS). Na reunión participaron tamén o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, e persoal técnico.
Por parte do goberno municipal de Carballo seguen a darse pasos para que o novo CIS sexa unha realidade o antes posible. Nese sentido, o alcalde informou aos responsables da Consellería de Sanidade de que, tras as cesións realizadas polos propietarios, o Concello conta xa co solo necesario para acometer a obra, pendente unicamente da formalización polo Rexistro da Propiedade. Polo tanto, tal como indicou Evencio Ferrero, antes de que remate este ano podería asinarse o preceptivo convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións, segundo o cal o Concello de Carballo cederá o solo e a Consellería de Sanidade executará a obra.
Ademais de conseguir os terreos necesarios para poñelos a disposición da Xunta de Galicia, o Concello de Carballo realizou os trámites para acometer a urbanización de toda a contorna do centro de saúde. As obras, que serán adxudicadas nas próximas semanas, permitirán darlle continuidade á rúa Eduardo Mariño e enlazar esta coa avenida do Ambulatorio.
As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello de Carballo en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado entre esta Administración e o seu anterior propietario que foi aprobado e ratificado o 23 de outubro de 2023 e publicado no DOG núm. 224 de 24 de novembro de 2023. O Concello de Carballo investirá nesta actuación 250.000 euros.